Galicia incorpora 550 auxiliares de conversa ás súas aulas, coa impartición do ruso por primeira vez

Estes profesionais, que hoxe se reuniron nunha xornada en Santiago, veñen a reforzar a docencia en linguas estranxeiras nos idiomas inglés, portugués, alemán, francés, chinés e ruso

O auxiliares -un 10% máis que o curso pasado- impartirán clase nos 322 centros plurilingües, así como en centros con seccións bilingües e nas Escolas Oficiais de Idiomas

A súa incorporación enmárcase dentro da Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras 2020, EDUlingüe, coa que o Goberno galego estende o plurilingüismo a todas as etapas educativas co fin de alcanzar a 200.000 alumnos nos vindeiros anos

O obxectivo último é garantir a aprendizaxe integral dunha primeira lingua estranxeira desde que o alumno entra na escola ata que remata

Mar, 03/10/2017 - 14:55

Os 550 auxiliares de conversa de 17 nacionalidades diferentes contratados pola Consellería de Educación co fin mellorar a competencia lingüística en idiomas estranxeiros entre o alumnado xa están incorporados aos centros escolares galegos, onde impartirán docencia ao longo do presente curso 2017/18.

Ademais de incrementarse nun 10 por cento o número de auxiliares (46 auxiliares máis que o curso pasado), tamén se incorpora por primeira vez o idioma ruso (xunto co alemán, chinés, francés, inglés e portugués, que xa se viñan impartindo). Deste xeito, Galicia é a segunda comunidade autónoma con mellor ratio de auxiliares por alumno en todo o Estado.

Por idiomas, 506 son auxiliares de conversa en lingua inglesa, 19 en francés, 10 en alemán, 7 en chinés, outros 7 en portugués, e 1 ruso.

Todos eles participaron hoxe nunha xornada de acollida e orientación en Santiago, ao remate da cal se achegou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, para darlles a benvida e agradecerlles o seu labor docente tanto no campo lingüístico como no cultural, así como o papel que desempeñan no desenvolvemento da Estratexia galega de linguas estranxeiras, EDUlingüe 2020.

EDUlingüe 2020

A incorporación destes 550 profesionais ao sistema educativo galego é unha das accións prioritarias de EDUlingüe 2020, cuxo obxectivo fundamental é estender o plurilingüismo a todas as etapas educativas e facilitar que os alumnos e alumnas poidan acreditar o seu nivel de lingua estranxeira ao final de etapa. Todos eles prestarán apoio nos 322 centros plurilingües que hai en Galicia, así como en centros con seccións bilingües e en Escolas Oficiais de Idiomas.

No presente curso 83 centros educativos introducen o plurilingüismo en Infantil, 4 fano en Bacharelato e por primeira vez incorpóranse 12 ciclos formativos plurilingües en 7 centros.

Impulso cuantitativo e cualitativo

O Plan EDUlingüe busca dar un impulso tanto cuantitativo como cuantitativo ao modelo plurilingüe no ensino en Galicia. Dotado con preto de 70 millóns de euros ata 2020, o obxectivo é ampliar o plurilingüismo a todas as etapas educativas (Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato, FP, e Ensinanzas Artísticas e Deportivas) e alcanzar os 200.000 alumnos. Isto é, garantir unha aprendizaxe integral dunha primeira lingua estranxeira desde que o alumno entra na escola ata que remata, con continuidade tamén na Universidade.

Deste xeito, a Estratexia pretende acadar os 500 centros plurilingües nos vindeiros anos -no presente curso son 322-, crear 600 novas seccións bilingües e duplicar o número de auxiliares de conversa ata chegar aos 1000. O obxectivo último é que no ano 2020, o cen por cen dos centros de ensino obrigatorio sostidos con fondos públicos sexan plurilingües ou teñan seccións bilingües.