Apuntámonos a non beber
Xov, 14/09/2017 - 11:27

Ficha técnica

Proxecta

Institución:

  • Conselllería de Sanidade
    • Servizo de Prevención de Condutas Adictivas

Ámbito: saúde / prevención
Definición: prevención do consumo do alcol en menores e atraso da idade de inicio no seu consumo
Temporización: curso completo
Alumnado ao que vai dirixido: 1º da ESO
Límite de centros participantes: 40

Criterios de selección: solicitudes en regra

1. Idoneidade e calidade do proxecto.

Persoas responsables:

Nomes: Miriam Otero Requeijo
Departamento: Servizo de Prevención de Condutas Aditivas
Teléfono: 881 540 112
Correo electrónico: miriam.otero.requeijo@sergas.es

Xustificación

O obxectivo do programa é previr o consumo de alcol en menores e atrasar o inicio do seu consumo.

O alcol é unha substancia que pode crear adicción. O seu consumo xera cambios físicos e mentais e, ademais pode desenvolver dependencia e tolerancia. O seu uso é un dos principais factores de risco destacados no Plan de Acción da Estratexia Mundial para a Prevención e o Control das Enfermidades non Transmisibles da OMS (resolución WHA61.14). O alcol é o terceiro factor de risco para a saúde máis importante (Anderson & Baumberg, 2006). O alcol pode inducir trastornos mentais non só nas persoas dependentes, senón tamén nas consumidoras regulares (World Health Report, 2002). Estes riscos agrávanse cando quen consume alcol é un menor de idade (Cadaveira, 2009). O consumo de alcol entre os menores de idade ten consecuencias inmediatas e graves, así como consecuencias prexudiciais a medio-longo prazo (López-Caneda et al., 2014). O cerebro dos menores de idade é especialmente vulnerable aos efectos do alcol (Guía clínica sobre consumo intensivo de alcohol en jóvenes http://www.socidrogalcohol.org/images/pdf/Guia_Consumo_intesiv_alcohol.pdf).

Nos últimos anos, numerosos estudos científicos demostran a asociación existente entre o consumo de alcol e as alteracións na morfoloxía e a función cerebral, así como dificultades neuropsicolóxicas na mocidade con consumo intensivo de alcol (Carbia et al., 2017; Doallo et al., 2014; López-Caneda et al., 2012). Diversos estudos sinalan que o apego aos valores dos proxenitores modula o consumo de alcol dos menores (Piko & Kovacs, 2010).

A efectividade preventiva dos programas educativos sobre o alcol nos menores é limitada. A percepción e actitude sobre o papel do alcol xérase máis a través do que perciben na súa vida cotiá e na súa contorna que das mensaxes transmitidas nas aulas. Algúns destes programas mostraron incluso resultados paradoxalmente contraproducentes, especialmente os impulsados pola propia industria do alcol (nalgunhas ocasións coa colaboración de gobernos mal asesorados) que deben evitarse. Pola contra, restrinxir a publicidade e dispoñibilidade do alcol posúe un gran valor preventivo, e reduce a normalización e banalización do seu consumo e os estímulos ao seu uso, especialmente entre os máis novos.

Segundo a Enquisa sobre uso de Drogas en Estudantes de Ensinanzas Secundarias 2014-15 (ESTUDES -datos de Galicia-) o alcol é a substancia psicoactiva máis estendida entre os estudantes de 14 a 18 anos. A iniciación no consumo de alcol é temperá e prodúcese no período de entrada á adolescencia. O salto ata o consumo regular prodúcese entre os 16 e os 18 anos, onde xa practicamente o 80% o consume. A metade da poboación escolar entre os 14 e os 15 anos consome alcol. Aos 17-18 anos aqueles que nunca beberon representan unha minoría (menos do 10%). A idade media de inicio é de 14,2 anos (lixeiramente menor á nacional, que é de 13,8 anos). A primeira borracheira prodúcese a redor dos 15 anos. O maior aumento do consumo prodúcese entre os 14-15 anos, cando a prevalencia ascende do 37,7%  ao 57,5%.

A frecuencia de episodios de consumo excesivo e borracheiras na mocidade duplicouse nos últimos 20 anos, a pesar de ter diminuído a proporción de adolescentes que beben alcol. O sistema nervioso dos menores é moi sensible ao alcol, e o seu consumo episódico rápido e intensivo (tamén coñecido como “binge drinking”) ten consecuencias negativas para o funcionamento e maduración cerebral, ademais de asociarse a unha maior incidencia de lesións, accidentes e prácticas sexuais de risco. Hai que contrarrestar a frecuente banalización do seu consumo por parte de moitas familias e dos propios menores, atrasar a idade de inicio, e diminuír tanto a frecuencia como a intensidade destes episodios.

A publicidade e a presión social a favor do consumo de alcol facilitan o coñecemento do produto e a percepción errónea de que o seu consumo é normal (López- Sánchez et al., 2009). A publicidade directa e indirecta do alcol promove o seu consumo mediante unha dobre mensaxe contraditoria. Por unha banda, arguméntase que cada persoa é libre de facer o que queira bebendo (descontrolarse, liberarse, etc.); e, pola outra, faise a recomendación: “Bebe con moderación, é a túa responsabilidade. A elevada aceptación social, a normalización do consumo de bebidas alcohólicas, leva a considerar beber como “normal” en determinadas situacións e converte en “anormal” ou “raro” o non facelo (Navarrete, 2011).

A promoción publicitaria das bebidas alcólicas segue sendo moi forte, a pesar das vixentes regulacións parciais. A publicidade inflúe no consumo, e en boa parte vai dirixida a adolescentes e mocidade, asociando o alcol con imaxes de diversión e éxito social e sexual. Está presente na nosa contorna de forma sutil, a través de elementos patrocinados na paisaxe urbana, como o mobiliario das terrazas de cafeterías e restaurantes en moitas cidades. Ademais, existe publicidade directa en anuncios na vía pública, nos medios de transporte, e nos medios de comunicación (Internet, prensa, radio, e con algunhas limitacións na televisión), asociándose con frecuencia a acontecementos deportivos, como o fútbol ou as carreiras de Fórmula 1. Por último, existen numerosos exemplos de product placement (mostrar o produto como parte da trama) no cine ou nas series televisivas.

Hai unha clara relación entre o consumo de alcol e un menor rendemento académico. O consumo de alcol relaciónase negativamente co éxito académico nos menores (principalmente entre os 14 e os 16 anos). O consumo de alcol relaciónase con repetir curso, sancións ou expulsións do centro, notas máis baixas e co abandono prematuro da escola (Bachman et al. 2008).

O consumo de alcol durante o embarazo constitúe a primeira causa previble de discapacidade intelectual e pode ocasionar un conxunto de consecuencias negativas no neurodesenvolvemento que se agrupan baixo o termo de trastornos do espectro alcólico fetal. Os déficits prenatais e as discapacidades do desenvolvemento relacionados co consumo de alcol son totalmente evitables cando as mulleres embarazadas non consomen alcol. Os problemas de conduta e neurocognitivos (aprendizaxe, atención, habilidades executivas, procesamento de emocións e de información social) derivados da exposición prenatal ao alcol son permanentes. Durante o embarazo ningún consumo de alcol pode considerarse seguro; non hai ningún trimestre seguro para o consumo de alcol; todas as formas de alcol (cervexa, viño ou licores) supoñen un risco similar; e o consumo intensivo de alcol (binge drinking) mostra un risco dose-relativo para o desenvolvemento do feto (Williams et al., 2015).

Canto máis restritivas son as leis e normas sobre o consumo de alcol, menor é o seu consumo (Anderson et al., 2012). O prezo baixo e o fácil acceso ás bebidas alcohólicas están relacionados cun elevado consumo per cápita de alcol (Anderson et al., 2012). A mocidade consegue bebidas alcólicas a baixo prezo en diversos establecementos , o cal favorece un maior consumo e un incremento de “atracóns” de bebida, que producen intoxicacións alcohólicas agudas (OEDT, 2011). En canto aos lugares donde compraron ou conseguiron bebidas alcohólicas os estudantes de 14-18 anos nos últimos 30 días en Galicia, un 41,4% refire habelas conseguido en supermercados, un 84,6% en bares, pubs ou discotecas, un 10,2% en tendas de barrio, quioscos ou bodegas, un 12,8% na casa doutras persoas e 10,0% na casa donde vive. Cando lle preguntamos en donde consumían estas bebidas alcohólicas, un 81,7% refería facelo en bares, pubs ou discotecas, un 18,3% nas casas doutras persoas, un 13,4% na casa en donde vive e un 29,1% nas rúas, prazas, parques, praias ou espazos públicos abertos (ESTUDES 2014-15). As medidas preventivas a nivel comunitario deben orientarse a regular e controlar os prezos, reducir o número de locais dispoñibles, horarios de cerre, control efectivo dos menores, idade mínima para o consumo, etc. (Anderson et al., 2012; Babor et al., 2010). Reducir o número de establecementos de venta e promulgar e facer cumprir leis, que clarifiquen unhas normas restritivas sobre o seu consumo, é unha das mellores medidas para controlar o consumo de alcol (Stockwell et al., 2005).

Obxectivo xeral

O obxectivo do programa é previr o consumo de alcol en menores e adiar o inicio do seu consumo.

Palabras clave

Concienciación. Consumo de alcol. Dependencia. Hábitos de vida saudable. Prevención. Publicidade.

Obxectivos específicos

1. Atrasar a idade de inicio do consumo de alcol na adolescencia.

2. Potenciar as habilidades para saber dicir NON ante as presións grupais.

3. Reforzar as accións preventivas sobre o alcol realizadas previamente na aula.

4. Potenciar o traballo en grupo na realización das actividades para favorecer a introdución das mensaxes de hábitos de vida saudables.

PARA O ALUMNADO

  • atrasar a idade de inicio do consumo de alcol na adolescencia.
  • potenciar as habilidades para saber dicir NON ante as presións grupais.
  • coñecer os mitos en canto ao consumo de alcol e outros estupefacientes.
  • coñecer principios básicos relacionados coa lexislación en materia de prevención do alcolismo en relación cos menores.
  • coñecer a relación entre o consumo de alcol e a saúde e cos riscos de exclusión social.
  • coñecer a implicación dos conceptos “consumo moderado”, “consumo recomendado”, “dependencia”.
  • coñecer os niveis de consumo de alcol na nosa sociedade.
  • analizar con espírito crítico a publicidade do alcol e a procura dos novos consumidores (mensaxes, cores, imaxes, linguaxes; asociación entre o consumo de alcol con determinados valores sociais: ex. éxito social, estatus social...).
  • deseñar unha campaña de prevención do alcolismo.
  • desenvolver accións de concienciación entre iguais, facendo que os máis grandes trasladen aprendizaxes aos máis pequenos.
  • desnormalizar a conduta de consumir alcol en idade adolescente (ata os 23 en homes e 21 en mulleres, data límite do desenvolvemento cerebral).
  • coñecer o código ético de autorregulación da publicidade de alcol (ex. anuncios de famosos sobre alcol e apostas dirixidas a menores).
  • desenvolver habilidades sociais e estratexias de socialización e de asertividade en ámbitos libres de alcol.
  • aprender a canalizar os propios intereses para construír modelos de ocio alternativos ao alcol.
  • buscar metáforas ou comparacións (estratexias) a través das cales transmitir a relación entre o consumo de alcol e a saúde/desenvolvemento (ex. influencia dun veleno nunha planta pequena/grande).
  • desenvolver estratexias creativas para canalizar as súas ideas.

PARA O PROFESORADO

  • fomentar os valores de prevención entre as familias para combater o descoñecemento e a falta de conciencia relacionada con esta adicción.
  • promover a conciencia crítica respecto da publicidade producida arredor do alcol.
  • fomentar unha cultura de lecer libre de alcol (ex. festas, excursións).
  • fomentar os factores de protección do consumo de alcol (ex. actividades deportivas, relacións familiares, relacións sociais, xestión do ocio, xestión de lecer nocturno activo...).

PARA A COMUNIDADE EDUCATIVA

  • concienciar, de xeito decidido, as familias da responsabilidade que teñen na educación libre de alcol como mínimo ata os 18 anos.
  • concienciar da responsabilidade de atender a demanda de determinados sectores da poboación (infancia, embarazadas...).
  • procurar solucións de servizos á comunidade para paliar os delitos de alcol en menores.
  • coñecer en detalle a lexislación específica nesta materia na nosa comunidade (Lei 11/2010 de prevención de bebidas alcólicas en menores de idade).

Metodoloxía recomendada

Proponse a realización dunha campaña de concienciación.

Temporización

O programa desenvolverase durante o 2º e 3º trimestre do curso escolar. Cronograma:

  1. 2º trimestre: xornada de formación inicial, fase de investigación.
  2. 3º trimestre: fase de elaboración da campaña, realización do produto e entrega do produto final.

Actividades e recursos

Entre as actividades do programa recóllense as seguintes:

Produto final

  •  Campaña de concienciación social

Criterios de avaliación da memoria final

Criterios xerais do Plan Proxecta

1. Participación activa do alumnado na realización do proxecto, na toma de decisións e na realización do produto final. Cómpre visibilizar claramente o traballo do alumnado a través de evidencias gráficas (a través de webs, blogs...) ou documentais.

2. Implicación da comunidade educativa (profesorado, familias e institucións do contorno) e crea entre todos unha rede de traballo cooperativo.

3. Interdisciplinariedade do proxecto (desde distintos departamentos didácticos, disciplinas ou materias) e transferibilidade.

Criterios específicos

4. Participación de forma activa do alumnado e do profesorado na xornada de formación presencial.

5. Participación de forma activa do alumnado e do profesorado no traballo para a realización do proxecto final.

6. Interdisciplinariedade do proxecto (desde distintos departamentos didácticos, disciplinas ou materias) e transferibilidade.