A Consellería de Cultura e Educación inviste case 60.000 euros na ampliación do CEIP Lamas de Abade
O departamento educativo da Xunta de Galicia contratará antes de fin de ano o proxecto de ampliación xeral deste centro
Xov, 07/09/2017 - 15:00

O secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Oitavén Barcala, e mais o xefe territorial da Consellería na provincia da Coruña, Indalecio Cabana, visitaron hoxe o CEIP Lamas de Abade, onde o departamento educativo da Xunta de Galicia está a acometer unha obra de ampliación e outras melloras, por importe de case 60.000 euros.

Segundo explicaron, os traballos consisten na construción de dúas aulas nas instalacións da que no pasado foi a casa do conserxe. Unha delas estará lista a inicio de curso e a outra estarao ao longo do 2017/18. Esta demora na execución dos traballos débese a que o Concello non puxo a disposición da Consellería o espazo co tempo suficiente para acometer a obra completa antes do mes de setembro.

Atención ás necesidades

O obxectivo da ampliación é dar resposta á demanda de prazas escolares neste centro educativo. Cómpre lembrar que a Consellería e o Concello acordaron no mes de abril de 2016 unha folla de ruta para os vindeiros tres anos co fin de atender as necesidades de escolarización do CEIP Lamas de Abade.

A primeira das actuacións é esta habilitación de dúas aulas na antiga casa do conserxe, unha obra que xa está realizando a Consellería. O seguinte paso, ao longo do período académico 2018-2019, será levar a cabo a ampliación do CEIP. Neste proxecto contémplase a creación de seis novas aulas, o que permitirá, a corto prazo, dar unha solución acaída á demanda de escolarización prevista.

A Consellería ten previsto, ademais, contratar antes de que remate o ano o proxecto para a ampliación xeral deste centro, que suporá un investimento de arredor de 2 millóns de euros.

Investimentos en Santiago

A Consellería de Cultura e Educación está a realizar un forte esforzo económico para atender as necesidades educativas do Concello de Santiago. Non en balde, en 2016 investíronse máis de 1.3 millóns en actuacións en 23 centros de ensino e este ano estase actuando en 16 centros, cun investimento de preto de 400.000 euros.