As obras de eficiencia enerxética no CEIP de Outes rematarán antes de que inicie o curso
A Consellería de Cultura e Educación inviste preto de 470.000 euros nesta actuación
O secretario xeral técnico supervisou hoxe o avance dos traballos
Lun, 04/09/2017 - 13:17

O secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Oitavén Barcala, supervisou hoxe o avance das obras de rehabilitación integral (enerxética e funcional) que se están a desenvolver no CEIP de Outes e que, segundo o previsto estarán rematadas antes do inicio do curso escolar, o vindeiro 11 de setembro. O departamento educativo da Xunta de Galicia destina preto de 470.000 euros a esta actuación, que está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, eixe 4.

O secretario xeral técnico explicou que esta reforma supón unha importante mellora no confort do conxunto da comunidade educativa do centro e salientou que a reorganización desenvolvida permite que os antigos usuarios do CEIP Emilio Navasqües, alumnos agora do CEIP de Outes, se beneficien do resultado destas obras. Deste xeito, todos os escolares de infantil e primaria deste concello gozarán dunhas instalacións moi melloradas, en igualdade de oportunidades.

O obxectivo da actuación é corrixir os problemas de infiltración de auga e aire, o alto coeficiente global de transmisión de calor, así como os problemas de eficiencia enerxética derivados do sistema de iluminación das aulas.

Para iso os traballos contemplaron o illamento da fachada mediante sistema de envolvente continua, a substitución das fiestras por novas ventás de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo e a instalación de luminarias de alta eficiencia enerxética. Asemade, múdase o material de cubrición por panel de dobre chapa de aceiro con illamento intermedio. Todas estas medidas combinadas supoñen un aforro enerxético en enerxía primaria non renovable do 22,23%.

A obra rematará coa reparación e pintado de paramentos interiores e colocaranse elementos de identidade corporativa.

Esta actuación enmárcase no Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas 2016-2020, ao abeiro do cal se realizaron no ano 2016 obras para a mellora da eficiencia enerxética en 10 centros educativos e se van realizar este ano outras 8, por importe de 3,2 millóns de euros.