Xefatura Territorial, inspección e os directores dos centros afondan na coordinación e planificación para garantir a normalidade no inicio do curso escolar nas Pontes
Cómpre lembrar que a reestruturación escolar neste Concello levouse a cabo co fin de mellorar a atención educativa aos alumnos, que van ter acceso a máis programas educativos e a máis optatividade tanto en itinerarios como en materias
A atención educativa ao alumnado con Necesidades Específicas de Apoio está blindada e asegurada ao cento por cen cos recursos necesarios
O obxectivo é que os rapaces non perciban ningunha eiva na dinámica escolar
Xov, 31/08/2017 - 20:34

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria -a través da Xefatura Territorial de Educación na Coruña- e mailos directores do CEIP A Magdalena e do IES Moncho Valcarce, Elena Coira e Javier Cabarcos respectivamente, mantiveron hoxe unha reunión de traballo de carácter técnico para a planificación e coordinación dos últimos detalles de cara ao inicio do curso escolar.

No decurso da mesma, o xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, acompañado do inspector xefe, Fermín Álvarez, e da inspectora de zona, Beatriz Plana, afondaron en todos os aspectos relevantes co obxectivo de que o alumnado das Pontes non perciba ningunha eiva na súa dinámica escolar neste novo período. Nesa liña, tratáronse todos os aspectos relativos á configuración dos grupos, distribución do profesorado, horarios, fondo de libros, transporte e comedor escolar, entre outros. Ambos directores amosaron a súa disposición a traballar arreo para que o curso escolar discorra con total normalidade e tendo como prioridade que o alumnado vai recibir a mesma calidade tanto na atención coma nos servizos educativos.

Así mesmo, un dos temas a abordar foi a situación do alumnado NEAE (Necesidade Específica de Apoio Educativo), cuxa atención está blindada e asegurada ao cento por cen con todos os recursos que precisen, e cos orientadores e especialistas en AL (Audición e Linguaxe) e PT (Pedagoxía Terapéutica) que sexan necesarios atendendo ás súas necesidades. Tanto a administración como os directores dos centros puxeron de manifesto que todas as medidas nesta liña vanse acabar de implementar unha vez que se coñezan as matrículas definitivas destes alumnos, logo das probas de setembro.

Traballo coordinado

Desde o departamento de Educación estase a traballar da man dos directores, de xeito coordinado, para que o inicio do curso escolar se desenvolva con total normalidade para as familias e os alumnos.  

Cómpre lembrar que o alumnado de Infantil e Primaria do CPI Monte Caxado vai continuar exactamente igual que ata o de agora, no mesmo edificio, nas mesmas aulas e co mesmo profesorado.