Título node Learning object

Educación patrimonial (curso 2021/22)
Lun, 21/08/2017 - 14:32

Ficha técnica

Institución:

  • Consellería de Cultura, Educación e Universidade
    • Dirección Xeral de Patrimonio Cultural
      • Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

Ámbito: patrimonio
Definición: o programa consiste en desenvolver un proxecto relacionado co patrimonio cultural tanto material como inmaterial da contorna inmediata. Os centros promoverán a elaboración dun traballo en equipo no que terán que facer unha pescuda sobre o patrimonio e os bens comúns dende o punto de vista antropolóxico, arqueolóxico, histórico, arquitectónico, xeográfico e linguistico da contorna.

Vinculación cos ODS da Axenda 2030:

  • ODS 11. Cidades e comunidades sustentables
  • ODS 4. Educación de calidade
  • ODS 9. Industria, innovación e infraestructura
  • ODS 12. Produción e consumo responsable

Temporización: curso completo.

Os proxectos deberán organizarse en etapas repartindo o traballo de xeito equitativo ao longo de todo o curso e desenvolvéndose progresivamente. Ao final de cada trimestre deberán publicarse as actividades desenvolvidas no blog do programa: http://blogs.xunta.gal/educacionpatrimonial/.

Para a modalidade “Terras Sacras (mosteiro e olería)”:

  • Desenvolvemento de actividades no mosteiro e olería: marzo, abril, maio e xuño.
  • Prazos e fases na realización das actividades ou na entrega dos traballos: 17 xuño.

Modalidades (son excluíntes entre si):

a) Mirando polo Camiño. Dirección Xeral de Patrimonio Cultural

b) Patrimonio Etnográfico na Ribeira Sacra. Dirección Xeral de Patrimonio Cultural

c) Museos e Patrimonio. Dirección Xeral de Patrimonio Cultural

d) Patrimonio salitre. FUNPROMAR ( Fundación Clúster de Conservación de Produtos do Mar / Museo ANFACO)

e) Terras Sacras (mosteiro e olería). Departamento de Cultura e Turismo do Concello de Xunqueira de Espadanedo

f) Patrimonio cultural europeo en colaboración no programa eTwinning. Subdirección Xeral de Innovación, Orientación e Formación de Rercursos Humanos (Servizo de Innovación e Formación dos Recursos Humanos)

Alumnado ao que vai dirixido:

a) Mirando polo Camiño, b) Patrimonio etnográfico na Ribeira Sacra e c) Museos e Patrimonio: educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato, ciclos de formación profesional de calquera grao, ensinanzas para adultos e centros de educación especial.

d) Patrimonio salitre: 5º e 6º de educación primaria, educación secundaria, bacharelato, ciclos de formación profesional de grao medio e superior (familia hostalaría).

e) Terras Sacras (mosteiro e olería): educación primaria, secundaria, bacharelato, ciclos de formación profesional (vinculados con Turismo), ensinanzas para adultos.

f) Patrimonio cultural europeo en colaboración no programa eTwinning: educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato, ciclos de formación profesional de grao básico, medio ou superior, ensinanzas de réxime especial (escolas de idiomas, deportes, danza, música, artes...), ensinanzas para adultos (a partir dos 18 anos, e, excepcionalmente a partir dos 16) e centros de educación especial .

Límite de centros participantes:

a) Mirando polo Camiño: 9

b) Patrimonio etnográfico na Ribeira Sacra: 6

c) Museos e Patrimonio: 5 (1 proxecto/centro por museo: Museo das Peregrinacións e de Santiago, Museo de Belas Artes da Coruña, Museo do Castro de Viladonga, Museo Etnolóxico de Ribadavia e Museo do Viño de Galicia)

d) Patrimonio salitre: 3

e) Terras Sacras (mosteiro e olería): 3

f) Patrimonio cultural europeo en colaboración no programa eTwinning: 12.

Límite de docentes participantes por centro: na modalidade f) Patrimonio cultural europeo en colaboración no programa eTwinning: 5 docentes.

Criterios de selección: indícanse os criterios que se aplicarán en cada unha das modalidades:

a) Mirando polo Camiño:

  1. Admitiranse unicamente centros emprazados nos distintos tramos galegos dos Camiños de Santiago (Camiño Francés, Camiño Primitivo, Camiño do Norte, Camiño Inglés, Camiño Portugués, Ruta da Prata, Camiño de Fisterra, a ruta de inverno e a ruta do mar de Arousa, tamén chamada ruta da Traslatio).

  2. Seleccionarase un centro por cada un dos Camiños.

  3. No caso de non haber representatividade dalgún dos Camiños, seleccionarase un segundo centro daqueles camiños que teñan máis dun proxecto presentado ata chegar aos nove.

  4. No caso de haber varios proxectos de centros representativos dun mesmo Camiño, valorarase a idoneidade e calidade dos proxectos, o grao de innovación dos proxectos e o grao de implicación do claustro e da comunidade educativa.

  5. Unha vez aplicados os criterios anteriores, darase prioridade aos proxectos centrados en 1º e 2º da ESO.

b) Patrimonio etnográfico na Ribeira Sacra:

  1. Admitiranse unicamente centros emprazados nos concellos da Ribeira Sacra ata un máximo de seis.

  2. Seleccionarase 3 centros por cada unha das dúas provincias, Lugo e Ourense. No caso de non chegar ás 3 solicitudes nunha provincia e pasar de 3 na outra, seleccionaranse as restantes solicitudes ata chegar a 6.

  3. Primarase ter representación de diferentes concellos, no caso de haber varias solicitudes procedentes dun mesmo concello escollerase unha.

  4. Valorarase a idoneidade e calidade dos proxectos, o grao de innovación dos proxectos e o grao de implicación do claustro e da comunidade educativa.

  5. Unha vez aplicados os criterios anteriores, darase prioridade aos proxectos centrados en 1º e 2º da ESO.

c) Museos e Patrimonio:

  1. Admitiranse con preferencia centros emprazados nos concellos nos que se sitúan os museos aínda que, se os proxectos teñen vencello cos contidos temáticos ou coas coleccións dos museos, poderán estar situados noutros concellos.

  2. Proxectos centrados nas coleccións dos museos ou nos seus contidos temáticos.

  3. Proxectos que impliquen dar a coñecer o museo á sociedade e a difusión do coñecemento.

  4. Proxectos con relevancia social para a comunidade local e sobre a contorna inmediata do museo e/ou do centro de ensino.

d) Patrimonio salitre:

  1. Proxectos que incorporen posibles usos dos espazos industriais abandonados, arquivos, memoria do traballo e obxectos de calquera índole relacionadas coa industria do mar

  2. Calidade, innovación e creatividade do proxecto.

  3. Carácter inclusivo. Estratexias inclusivas e de visibilidade do alumnado NEAE.

e) Terras Sacras (mosteiro e olería):

  1. Os centros que xa participaran no Plan Proxecta teñen preferencia

  2. Por proximidade.

  3. Vinculación co espazo, centros situados na Ribeira Sacra, ou cvon formación relacionada co turismo.

  4. Se ben, estas son as prioridades no caso de haber prazas, calquera centro galego podería participar.

f) Patrimonio cultural europeo en colaboración no programa eTwinning:

  1. Ter superado o curso de Platega “Iníciate en eTwinning ou ben ter perfil e experiencia na plataforma eTwinning

  2. Calidade do proxecto presentado.

  3. Poderán participar un máximo de 5 docentes por cada un dos centros escolares seleccionados.

  4. Proposta de implicación da comunidade educativa.

  5. Plan de difusión dos resultados do proxecto.

Criterios de exclusión: na modalidade f) Patrimonio cultural europeo en colaboración no programa eTwinning: é obrigatorio que, como mínimo un/unha docente solicitante de cada centro, teña superado o curso de Platega “Inicíate en eTwinning” ou teña participado nun proxecto eTwinning con/sen Selo de Calidade Nacional.

Persoas responsables:

(a) Mirando polo Camiño, (b) Patrimonio Etnográfico na Ribeira Sacra e (c) Museos e Patrimonio
Nome: Paz Varela Campos
Departamento: Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de BBCC
Teléfono: 881 997 013
Correo electrónico: paz.varela.campos@xunta.gal

(d) Patrimonio Salitre

Nome: Mariña López Rodríguez
Departamento: responsable do Museo ANFACO
Correo electrónico: marina@anfaco.es

(e) Terras Sacras (mosteiro e olería)
Nome: Mª Eugenia Muñoz Fernández
Departamento: Cultura e Turismo do Concello de Xunqueira de Espadanedo
Teléfono: 988291001/656473338
Correo electrónico: emunoz@roteiros.org

(f) Patrimonio cultural europeo en colaboración no programa eTwinning
Nome: María Luz Ares Fandiño
Departamento: Servizo de Innovación e Formación dos Recursos Humanos - Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.
Teléfono: 981 546 545
Correo electrónico: etwinning@edu.xunta.es


Xustificación

A necesidade deste programa Educación Patrimonial xurde pola importancia de xerar unha sensibilización en relación co patrimonio, establecendo vínculos cos bens patrimoniais e promovendo procesos para a súa apropiación simbólica e consecuentemente, a súa protección, regulada na Lei 5/2016 do 4 de maio do patrimonio cultural de Galicia.

Ademais, responde á necesidade emerxente de aproveitar a potencialidade do patrimonio como recurso educativo transversal.

a) Mirando polo Camiño: este programa está destinado a centros que se encontren en concellos emprazados nalgún dos tramos galegos do Camiño de Santiago oficialmente recoñecidos (Camiño Francés, Camiño Primitivo, Camiño do Norte, Camiño Inglés, Camiño Portugués, Ruta da Prata, Camiño de Fisterra, a ruta de inverno e a ruta do mar de Arousa, tamén chamada ruta da Traslatio). Preténdese traballar co alumnado de maneira contextualizada sobre o patrimonio cultural, literario e lingüístico vinculado ao tramo do Camiño de Santiago no que o centro educativo está emprazado.

b) Patrimonio Etnográfico na Ribeira Sacra: preténdese promover entre a comunidade educativa o traballo co patrimonio etnolóxico da comarca dun xeito antropolóxico, identificando aqueles elementos, tanto da arquitectura tradicional (vivendas, construcións para o traballo etc.) como ferramentas de traballo, lendas, tradición oral...que recollen as pegadas das xeracións pasadas que foron transformando o medio para procurar a súa subsistencia e configurar a paisaxe cultural que hoxe coñecemos como Ribeira Sacra. Preténdese que o alumnado recoñeza o papel da comunidade como actora na configuración da súa contorna non só no pasado, senón tamén no presente e cara ao futuro, e no recoñecemento do seu valor patrimonial.

c) Museos e Patrimonio: xurde coa intención de promover proxectos cos que se fomente unha colaboración estreita entre a comunidade educativa e o o museo facendo deste un instrumento eficaz para a educación formal. Os museos que participan este curso serán: Museo das Peregrinacións e de Santiago, Museo de Belas Artes da Coruña, Museo do Castro de Viladonga, Museo Etnolóxico de Ribadavia e Museo do Viño de Galicia.

d) Patrimonio salitre:  o desenvolvemento do mundo do mar en Galicia tivo e ten unha entidade que non desenvolveu con esta magnitude en ningún sitio de Europa, polo que o seu impacto na paisaxe está aínda moi presente. É de rigor coñecer ben esta singularidade do noso patrimonio industrial para a súa valorización por parte dos seus habitantes. Na actualidade o desenvolvemento insensible e insostible deste patrimonio e a ausencia da súa protección causa unha perda do patrimonio e da identidade das vilas pesqueiras polo que Patrimonio salitre dentro do Plan Proxecta quere formar parte do proceso de recuperación divulgando o legado do mar e da súa industria.

A falta de valorización sobre a cuestión “industrial” fomenta a desaparición ou a degradación tanto de espazos, arquivos, tecnoloxía e procesos produtivos, dos chamados tesouros vivos e conducen á perda de identidade territorial e de arraigo da nosa cultura máis singular, próxima e contemporánea. A participación neste programa contribuirá a que a comunidade escolar coñeza mellor o patrimonio industrial e as raíces socieconómicas dos seus contornos, non como bens illados senón integrados no seu contexto territorial, con elementos fráxiles e vulnerables, en ocasións incomprendidos, considerados como un novo ben cultural representado e interpretado a través dunha lectura actualizada, integrada, científica e divulgativa

e) Terras Sacras (mosteiro e olería): Terras Sacras xoga con dúas palabras que caracterizan a Xunqueira de Espadanedo, a terra, base das nosas arxilas e espazo físico no que o mosteiro asenta o seu dominio económico, cultural e social; e sacra, os mosteiros que se erixen nestas terras sacralizan o territorio e a arxila da nosa olería é a materia prima coa que, segundo a tradición, o Demiúrgo creou a humanidade. Preténdese promover entre a comunidade educativa o traballo cos patrimonios culturais, tanxibles e intanxibles do concello de Xunqueira de Espadanedo, epicentro da Ribeira Sacra. Se ben o nome de Ribeira Sacra non responde a unha realidade documental, si é claramente unha realidade cultural, pois dende a Alta Idade Media ate a Desamortización de Mendizabal, a Ribeira Sacra é a Tebaida galega (ao redor de 200 pequenos mosteiros na Alta Idade Media). O papel dos cenobios na transformación das paisaxes de Ribeira Sacra é fundamental, pois os mosteiros son os dinamizadores culturais e económicos da Ribeira Sacra. Bieitos e, fundamentalmente, cistercienses impulsaron o cultivo do viñedo que xunto cos soutos de castañas ou as olivas modifican de maneira radical a paisaxe cultural: as terrazas, socalcos nos que enraíza a vide, a oliveira ou castaño son produto, directo ou indirecto, da economía monástica. A olería é fundamental na Ribeira Sacra, a materia prima, o barro xorde das entrañas da terra, e nas mans do oleiro se transforma en contedores imprescindibles para a vida e economía galega. Contedores de aceite, graxa, viño, auga ou leite... dispensadores de comida e bebida: fontes, pratos, cuncas ou simplemente lavabos ou ouriñais, formaron parte indispensable da vida, da cultura ou da economía galega, en torno aos oleiros e as súas creacións, estruturas (fornos, obradoiros, chemineas), cántigas, poemas, tradicións, mitos.... cultura material e inmaterial que en Niñodaguia se pode sentir.

f) Patrimonio cultural europeo en colaboración no programa eTwinning: a modalidade Programa eTwinning comprende unha rede de centros europeos na que participan máis de 200.000 escolas e case un millón máis de medio millón de docentes. Forma parte de Erasmus+, o programa da Unión Europea en materia de educación, formación, xuventude e deporte. O seu obxectivo é promover e facilitar o contacto, o intercambio de ideas e o traballo en colaboración entre profesorado e alumnado de distintos países europeos a través das Tecnoloxías da Información e da Comunicación. Cómpre axudar aos centros a internacionalizarse mediante a creación de proxectos eTwinning centrados na temática de patrimonio cultural co fin de que o seu desenvolvemento sexa relevante e innovador e poida ser candidato a conseguir o Selo de Calidade Nacional eTwinning. O patrimonio cultural será o eixe temático dos proxectos para que se potencie o e se valore, tanto o material como o inmaterial e propicie o diálogo intercultural e a cohesión social que propiciará un valor engadido europeo.

Obxectivos

  • O obxectivo principal do programa Educación Patrimonial é que a comunidade educativa coñeza o patrimonio da súa contorna inmediata desde unha visión integradora e vinculada ao territorio e que, de xeito participativo, contribúa á súa conservación e difusión ideando estratexias de recoñecemento público e promoción dos seus recursos. Ao mesmo tempo, constitúe unha estratexia contextualizada para a valorización e preservación deste patrimonio a longo prazo e, polo tanto, de desenvolvemento sustentable.
  • Facilitar as ferramentas para que a comunidade educativa recoñeza o patrimonio material e inmaterial da súa contorna co fin de vincular as persoas co territorio.
  • Introducir o alumnado na terminoloxía do patrimonio cultural: valor cultural, categoría dos bens (BIC, ben catalogado, ben inventariado), protección, conservación, autenticidade ou integridade.
  • Aprender a utilizar ferramentas de patrimonialización e protección do patrimonio cultural como o inventario, catálogo, o traballo de campo etc.
  • Aprender a utilizar as entrevistas como método de recopilación de información sobre formas de traballo, ferramentas, técnicas de construción, tradición oral...
  • Involucrarse no proxecto de tal maneira que o patrimonio se incorpore transversalmente nas diferentes materias formando parte do currículo para ter unha comprensión global tanto do patrimonio como do medio no que se sitúan os bens patrimoniais
  • Utilizar a potencialidade do patrimonio cultural para dar visibilidade e participación do alumnado NEAE.
  • Reforzar a competencia dixital e a alfabetización mediática
  • Concienciar o alumnado do valor do patrimonio lingüístico, histórico, artístico e cultural que emana do Camiño de Santiago para que elabore propostas de mellora e estratexias de divulgación na súa comarca. (modalidade a)
  • Procurar a sensibilización da comunidade educativa co patrimonio etnolóxico como elemento identitario transmisor duns modos de vida, de traballar e de adaptarse ás peculiares características climáticas e paisaxísticas da Ribeira Sacra. (modalidade b)
  • Promover a participación da comunidade educativa nos museos dende o ámbito da educación formal e implicala nas actividades propias dos museos e facerlles protagonistas de iniciativas de participación activa. (modalidade c)
  • Coñecer a cultura material e inmaterial do mundo do mar-industria, incrementando o coñecemento da Galicia industrial, emprendedora e empresarial, e o papel da muller na industria pesqueira-conserveira. (modalidade d)

  • Implicar a toda a comunidade educativa como factor de cohesión para coñecer mellor a vida do territorio e o museo ANFACO e fomentar a investigación sobre os testemuños materiais (obxectos, tecnoloxía, publicidade, arquivos) ou inmateriais (relatos de vida) vinculados á memoria do traballo e do lugar(modalidade d)

  • Comprender e aprehender o patrimonio material (mosteiro cisterciense) e inmaterial (olería tradicional de Niñodaguia) de Xunqueira de Espadanedo,para valoralo e involucrarse no seu procesoi de conservación. (modalidade e)

  • Mellorar a competencia social, cívica e intercultural favorecendo o coñecemento e a comprensión doutras culturas, a comunicación intercultural, a tolerancia, o pensamento crítico e a participación cidadá (modalidade f)
  • Fomentar enfoques do patrimonio cultural, material e inmaterial centrados na súa contribución á creación de emprego e ao crecemento económico e que persigan a súa conservación e sostibilidade. (modalidade f)
  • Mellorar a competencia lingüística en lingua materna e en linguas estranxeiras promovendo a diversidade lingüística da Unión Europea e poñendo en valor a lingua galega.(modalidade f)
  • Promover e favorecer a internacionalización dos centros educativos galegos (modalidade f)

Desenvolvemento das competencias clave

  • Competencia en comunicación lingüística
  • Competencia en aprender a aprender
  • Competencias sociais e cívicas
  • Competencia en sentido de iniciativa e espírito emprendedor
  • Competencia en conciencia e expresións culturais

Actividades

  • Actividades obrigatorias e secuenciación

O programa conta cun blog (http://blogs.xunta.gal/educacionpatrimonial/) no que deben publicar todos os centros que participen no programa Educación Patrimonial, en calquera das súas modalidades, e no que deberán visualizar, periodicamente, as actividades que organicen. Os centros deberán facer unha publicación sobre o seu proxecto ao final de cada trimestre, como mínimo, dando conta das actividades ou traballos desenvolvidos ata o momento, ou ben do grado de desenvolvemento do proxecto.

No terceiro trimestre, o alumnado e profesorado das modalidades Mirando polo Camiño, Patrimonio etnográfico da Ribeira Sacra e Museos e Patrimonio deseñarán un póster dixital sobre o desenvolvemento dos seus proxectos. Os pósters serán publicados no blog e poderían servir como material para expoñer na cuarta edición das Xornadas de Educación Patrimonial.

c) Museos e patrimonio: unha vez admitidos no Plan Proxecta,, os centros deberán establecer un primeiro contacto co museo co fin de facer unha valoración conxunta do proxecto, estudar as posibles achegas do museo e establecer unha colaboración dende o primeiro momento.

d) Patrimonio salitre: a entrega da maleta didáctica do museo ANFACO levará consigo unha actividade de carácter obrigatorio e aberto a desenvolver baixo a proposta do equipo docente.

f) Patrimonio cultural europeo en colaboración no programa eTwinning.

    1. No primeiro trimestre terán unha primeira fase de formación obrigatoria e procurarán os centros socios, redactarán o proxecto eTwinning, farán a inscrición dos seus participantes e configurarán o espazo de traballo. As tarefas programadas na aula virtual terán prazo de entrega e evidencia de realización ( -captura de pantalla do twinspace)
    2. No segundo e terceiro trimestre, con asesoramento por parte dos embaixadores, desenvolverán e finalizarán o proxecto. Os centros rematarán solicitando o Selo de Calidade eTwinning dos seus proxectos.
    3. Durante o transcurso do proxecta haberá eventos eTwinning, programados por los asesores-embaixadores e os participantes.
    4. Entrada/s no Blog de Patrimonio nas distintas fases do Proxecto.

    Ademais dos criterios de avaliación do programa terá carácter obrigatorio na modalidade de eTwinning:

    1. Publicación de páxinas no TwinSpace con evidencias do traballo colaborativo realizado.
    2. Evidencias da utilización da lingua galega no proxecto eTwinning (no diario público do Proxecto)
    3. Memoria da solicitude do Selo de Calidade eTwinning.
    • Proposta de actividades

    Todos os centros que participen en calquera das modalidades do programa Educación Patrimonial poderán presentar, voluntariamente, un candidato (alumnado entre 13 e 15 anos) para representar a Galicia no “XII Foro Juvenil de Patrimonio Mundial”. Establecerase algún proceso de selección, aínda por determinar, para facer a selección.

    a) Mirando polo Camiño: ofrecerase unha charla para cada un dos centros participantes sobre a práctica diaria da conservación do patrimonio cultural, nos campos da arqueoloxía, da arquitectura ou da restauración, impartida por un técnico que tivera dirixido algunha intervención nalgún ben da zona; estas actividades poderán desenvolverse na aula ou sobre o terreo.

    b) Patrimonio etnográfico na Ribeira Sacra: actividades sobre o terreo ou no centro con cada un dos centros participantes, a elección entre un itinerario pola Ribeira Sacra ou un xogo didáctico.

    c) Museos e Patrimonio: Unha actividade didáctica que pode ser un obradoiro ou unha charla , en cada un dos museos, deseñado especificamente para o proxecto que o centro escolar estea desenvolvendo.

    d) Patrimonio salitre.

    • Disponibilidade para entrevistas ou visitas de profesionais ligados ao mundo conserveiro dende todas as súas vertentes.
    • Reunión periódica trimestral para asesoramento do proxecto.
    • Obradoiros: obradoiros específicos e multidisciplinares en torno a cultura das conservas e salazóns dos productos do mar.  Obradoiro de análise sensorial e conservas de pescado e marisco.
    • Posibilidade de realizar un cata ou analise sensorial de conservas de pescado e marisco ( actividade dependendo do aforo)
    • Faladorios sobre diferentes temáticas da cultura conserveira con empresarias, científicas, operarias, etc ..

    e) Terras Sacras. Mosteiro e olería: o desenvolvemento de actividades no mosteiro e olería, concentrarase en marzo, abril, maio e xuño.

    • Visitas interactivas Mosteiro e Olería (3 € por persoa)
    • Visitas didácticas adaptadas ás distintas idades. Para cada grupo adaptarase o discurso e os contidos ao curso, de tal maneira que podan comprender, de maneira sinxela, tanto o mosteiro coma a olería tradicional.
    • Asesoramento en actividades e adaptación dos materiais as necesidades didácticas do centro

    f) Patrimonio cultural europeo en colaboración no programa eTwinning: Todos os recursos e actividades que oferta a plataforma eTwinning e que contribuirán á adquisición das competencias clave:

    • Competencia en comunicación lingüística, en lingua materna e estranxeira. Poderase traballar tanto nos redactados das actividades como en actividades que fomenten a expresión oral, mesmo entre o alumnado dos países socios, por exemplo en videoconferencias.
    • Competencia dixital, a través tanto da recollida e do tratamento da información e da análise crítica dos datos como do uso de ferramentas dixitais para a elaboración das diferentes actividades do proxecto.
    • Competencia en aprender a aprender, seguindo metodoloxías activas que convertan ao alumnado en protagonista do deseño e elaboración de actividades e produtos finais. Se favorecerá a creación de grupos internacionais de traballo.
    • Competencia social e cívica, a través da colaboración entre alumnado de diferentes países.
    • Competencia en sentido de iniciativa e espírito emprendedor, ao darlle ao alumnado protagonismo na elaboración de propostas de traballo.
    • Competencia en conciencia e expresións culturais, a través do coñecemento, recuperación e divulgación do patrimonio cultural europeo, compartindo cos socios europeos e poñendo en valor o patrimonio cultural galego.
    • Formación:

    Dende hai uns anos vimos celebrando as Xornadas de Educación Patrimonial que na segunda e na terceira edición foron homologadas por Educación como actividade de formación para docentes de 8 horas. En caso de poder celebrarse, as próximas serían as IV Xornadas de Educación Patrimonial de Galicia. A súa asistencia non é obrigatoria. As datas están por determinar. Solicitarase a homologación por Educación como actividade de formación.

      Celebraranse reunións cos coordinadores dos centros que participan en cada unha das modalidades do programa. No caso de non poder celebrarse a reunión facilitaríase toda a información aos coordinadores a través do correo electrónico e do blog.

      e) Terras Sacras (mosteiro e olería): aportaranse materiais e poderanse impartir seminarios conxuntos cos distintos colexios e docentes participantes.

      f) Patrimonio cultural europeo en colaboración no programa eTwinning: ofertarase unha formación específica mixta de 20 horas titulada G2101082 - Patrimonio cultural europeo en colaboración a través do programa eTwinning. Plan Proxecta que se desenvolverá no primeiro e segundo trimestre do curso escolar e contarase co seguimento por parte dos Embaixadores eTwinning, asesores e expertos da Plataforma. Para conseguir os obxectivos do Selo de Calidade dos proxectos, os participantes serán remitidos aos asesores do Servizos Nacionais eTwinning, a través das tarxetas de proxecto eTwinning.

      • Saídas (os centros deben asumir os custos dos desprazamentos):

      a) Mirando polo Camiño: charlas impartidas por técnicos sobre algún ben patrimonial da zona na que se tivera intervido. Poden facerse in situ polo que poden supoñer algún desprazamento.

      b) Patrimonio etnográfico na Ribeira Sacra: as actividades poden desenvolverse sobre o terreo, polo que pode haber desprazamentos a lugares da contorna.

      c) Museos e Patrimonio: ofrecerase unha charla para cada un dos centros participantes sobre o traballo que se desenvolve no museo e realizarase unha visita para coñecer os espazos internos onde se desenvolve o traballo que se realiza coas coleccións.

      d) Patrimonio salitre: visita guiada e gratuita ao Museo ANFACO da industria conserveira. O custo do transporte ata o museo será asumido polo centro educativo.

      e) Terras Sacras. Mosteiro e olería: visitas didácticas e saída didáctica fin de actividade en Xunqueira de Espadanedo.

      • Concursos:

      e) Terras Sacras (mosteiro e olería) estudarase a posibilidade de facer un concurso entre os distintos centros participantes e exposición dos traballos elaborados polos alumno/as tanto no Mosteiro coma no Museo Eller de Olería.

      f) Patrimonio cultural europeo en colaboración no programa eTwinning: estudarase a posibilidade de facer un concurso e reunións entre os distintos centros participantes.

      Recursos

      • Materiais didácticos

      Proporcionarase material didáctico especificamente elaborado para as modalidades: a) Mirando polo Camiño (https://www.edu.xunta.gal/espazoAbalar/es/espazo/repositorio/cont/mirando-polo-camino); d) Patrimonio salitre (http://www.museoconserva.es/node/9); e) Terras Sacras (mosteiro e olería) e f) Patrimonio cultural europeo en colaboración no programa eTwinning.

        Para a modaldiade de Terras Sacras: crearase unha páxina web propia para expoñer os distintos traballos e que se elaboren en torno ao proxecto, incluso trataremos de que sexa unha plataforma na que participen os profes dos distintos centros que se unan o proxecto.

        Produto final

        a) Mirando polo Camiño: elaboración dun proxecto aberto e libre (audiovisual, blog, web...) que teña como finalidade a divulgación do patrimonio e dos valores culturais relacionados co Camiño de Santiago. Valorarase aqueles que supoñan unha intervención sociocomunitaria: participación na organización de roteiros, de labores de limpeza e coidado, creación de comunidades virtuais de concienciación,… que contribúan á concienciación da comunidade. Valorarase positivamente a posibilidade de realizar proxectos con centros doutros puntos do Camiño (galegos, españois, europeos)

        b) Patrimonio etnolóxico na Ribeira Sacra: elaboración dun proxecto aberto e libre (audiovisual, blog, web...) que teña como finalidade promover a paisaxe cultural Ribeira Sacra como testemuña das formas de vida e de subsistencia das distintas xeracións ao longo do tempo. Valorarase a elaboración dun catálogo de arquitectura tradicional do concello no que se empraza o centro no que se recollan o patrimonio material (construcións tradicionais) e o patrimonio inmaterial (técnicas de construción, usos, lendas, oficios...).

        c) Museos e Patrimonio: elaboración dun proxecto aberto e libre (audiovisual, blog, web...) que teña como finalidade a divulgación do patrimonio museístico ou do patrimonio cultural relacionado co ámbito temático do museo. Así mesmo, realización dalgunha actividade de difusión do traballo realizado no museo ao rematar o proxecto: un obradoiro, unha exposición, unha presentación ao público do traballo realizado, unha representación teatral...

        d) Patrimonio salitre: elaboración dun proxecto aberto e libre que teña como finalidade a divulgación do patrimonio industrial e dos valores culturais dos productos do mar. Preferiblemente en formato dixital. Concretarase na primeira reunión ao inicio do desenvolvemento do programa.

        e) Terras Sacras (mosteiro e olería): Tres posibilidades:

        • elaboración dun álbum ilustrado no que a partir de imaxes reais (fotografías) combinadas con debuxos, se conte unha historia vinculada co mosteiro ou coa olería. Esta historia debe permitir que outros escolares comprendan ben o mosteiro (vida, sentido) ben a olería tradicional.
        • elaboración dunha pequena curtametraxe (debuxos animados, plastilina –barro-, película tradicional) para contarnos unha historia ou sobre o mosteiro ou sobre a olería.
        • elaboración dunha exposición real e/o virtual ó redor dun tema vinculado co Mosteiro, Olería (Mulleres con olas na cabeza, A vida nun mosteiro medieval de Ribeira Sacra....).

        f) Patrimonio cultural europeo en colaboración no programa eTwinning: desenvolvemento de proxecto eTwinning sobre a temática de patrimonio cultural que debe ter a calidade mínima para conseguir o selo de calidade nacional eTwinning.

        Criterios de avaliación da memoria final

        Criterios xerais do Plan Proxecta

        1 .Creación dunha rede de traballo cooperativa na comunidade educativa entre alumnado, profesorado, familias e/ou institucións da contorna. Valorarase especialmente a participación activa do alumnado no desenvolvemento do proxecto (toma de decisións, realización do produto final etc).

        2. Interdisciplinariedade (achegas desde distintos departamentos didácticos, disciplinas ou materias) e transferibilidade do proxecto.

        3. Impacto e difusión do proxecto. É imprescindible incorporar na memoria, a través de ligazóns (páxinas web, blogs etc), evidencias gráficas e/ou documentais do traballo realizado que permitan constatar o desenvolvemento do proxecto.

        Criterios específicos

        4. Claridade no concepto de patrimonio cultural.

        5. Innovación na utilización dos recursos.

        6. Calidade dos produtos elaborados.

         

        Selección de boas prácticas

        Menús Learning object node R