A lingua galega reforza a súa proxección no Xapón da man de Takekazu Asaka

O secretario xeral de Política Lingüística e o profesor da Universidade de Tsudajuku, considerado o embaixador do galego máis famoso do país nipón, presentaron hoxe á mañá a ‘Nova gramática galega’ e mais a edición bilingüe galego-xaponés da primeira parte da obra novoneyriana ‘Os Eidos’

Ven, 04/08/2017 - 16:33

A lingua propia de Galicia reforza a súa proxección internacional, e faino desta volta a través de dúas novas publicacións en xaponés que chegan da man do lingüista Takekazu Asaka, profesor da Universidade de Tsudajuku considerado o embaixador do galego máis famoso do país nipón. Trátase da Nova gramática galega e da edición bilingüe galego-xaponés da primeira parte de Os Eidos, de Uxío Novoneyra, que saen do prelo, ambos os dous, no marco do catálogo da editorial nipona Kakenhi.

 

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o propio autor déronas a coñecer hoxe pola mañá nunha rolda de prensa na que García Gómez lle agradeceu a Asaka os novos traballos, que salientou como “novas contribucións exhaustivas ao galego que reforzan a proxección exterior da nosa lingua e que, nomeadamente, inciden directamente no prestixio e no coñecemento da mesma, ademais de fortaleceren as pontes que comunican dúas culturas e dous idiomas tan afastados desde o punto de vista lingüístico coma xeográfico”. García Gómez lembrou que, en virtude da colaboración co Cervantes, impártese formación de lingua galega na sede deste instituto da capital nipoa.

 

O secretario xeral e o lingüista xaponés estiveron acompañados polos autores de cadanseu limiar, o académico da lingua Francisco Fernández Rei –da gramática- e o poeta Claudio Rodríguez Fer –do poemario-, así como de Elba Rei, presidenta da Fundación Uxío Novoneyra; e do secretario do Centro Ramón Piñeiro, Armando Requeixo.

 

Nova gramática para aprender galego e ler a Novoneyra en xaponés

A Nova gramática do galego do profesor Asaka ofrece unha nova versión da Gramática do galego moderno que publicara en 1993, un texto pioneiro que agora se actualiza consonte á modificación normativa do 2003 e implementa a través de novos apartados e abondosos exemplos de uso, sen dúbida moi útiles para aqueles que desexen aprender o galego tamén na súa realidade máis conversacional. O libro conta, amais, cun prólogo no que Francisco Fernández Rei destaca o longo vencello de Asaka con Galicia desde hai décadas e fai un cumprido repaso da súa produción lingüística e literaria arredor da nosa lingua.

 

Por parte, a edición bilingüe galego-xaponés da primeira parte do poemario Os Eidos de Uxío Novoneryra posibilita o coñecemento polo público nipón dunha das obras cimeiras da poesía galega de posguerra. Publicado orixinariamente en 1955, Os Eidos condensa o máis característico da escrita do autor, quen espella nel a súa visión da natureza e o ser antropolóxico do Courel e, por extensión, de toda Galicia, tanto na súa dimensión material coma inmaterial, tanto no relativo á xeografía ou á meteoroloxía, á botánica ou á zooloxía, como desde unha dimensión cósmica e pannaturista. A edición conta cunha cuberta de Xosé Vizoso e cun documentado e revelador prólogo de Claudio Rodríguez Fer, especialista na obra do courelao, quen dá conta da especial significación destes versos e destaca a súa natural proximidade coa lírica do haiku, tan definitoria da cultura xaponesa.

 

Embaixador da lingua e da cultura galegas no Xapón

Takekazu Asaka (Tokio, 1952), profesor de Filoloxía Románica na Universidade de Tsudajuku, entrou en contacto coa cultura e a lingua de Galicia a finais dos anos setenta, mantivo correspondencia no seu día con significados galeguistas, como Ramón Piñeiro e Xaime Isla Couto, e publicou desde entón numerosos artigos e investigacións relacionadas coa lingua galega.

 

Como ensaísta e investigador, conta cunha dilatada traxectoria galicianista que o levou a escribir volumes referenciais para a aprendizaxe do galego en Xapón, tales como a Guía de conversación en galego (1994) ou o Vocabulario básico da lingua galega (1995). Especial relevo ten o seu labor como tradutor de figuras senlleiras da literatura galega ao idioma nipón, dedicación cuxo froito son as versións xaponesas dos Cantares gallegos (2009) e os Contos da miña terra (2014), de Rosalía de Castro; a Cantata a Ramón Cabanillas (2013) ou o seu Xograr Martín Codax (2015).

 

Este esforzo de proxección da lingua e a literatura galegas por terras do Oriente complétase agora coa presentación da Nova gramática galega para xaponeses e mais a edición bilingüe do poemario Os eidos de Uxío Novoneyra, dúas publicacións que apoia a Secretaria Xeral de Política Lingüística a prol da proxección exterior da lingua e do estreitamento dos lazos entre as culturas galega e xaponesa.

 

Menús News node R