O conselleiro de Educación asiste ao peche da xornada de presentación “As TIC no CPI dos Dices”, que se celebra no colexio de Rois

Xesús Vázquez Abad recordou que o centro integra a rede Abalar desde o presente ano escolar

O proxecto beneficiará o vindeiro curso a 31.500 estudantes de toda Galicia

Xov, 14/04/2011 - 18:59
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visit
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CPI dos Dices, en Rois

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CPI dos Dices, en Rois. Aproveitando a súa visita reuniuse coa comunidade educativa coa que estivo a falar do Proxecto Abalar do que xa se benefician estudantes de 5º de primaria e 1º da ESO do centro desde o actual curso académico. No encontro estiveron presentes os pais e a nais dos alumnos do centro, así como o persoal docente do mesmo.

Durante a súa intervención o conselleiro destacou que “o Proxecto Abalar persegue un salto cualitativo e cuantitativo no modelo educativo galego, co fin de mellorar a súa eficiencia nun proceso de modernización, integrando ás Tecnoloxías da Información e da Comunicación en todos os ámbitos educativos“, ao que engadiu que “o Centro Educativo Dixital supera o concepto de Centro Educativo Tradicional. Pon ao servizo do sistema os recursos humanos e pedagóxicos necesarios. Deste xeito dota ao ensino galego de infraestruturas e servizos axeitados para o uso cotián da tecnoloxía por parte da comunidade educativa, tanto na actividade docente como nos ámbitos da aprendizaxe e administrativos”.

Dirixíndose aos asistentes Xesús Vázquez Abad recordou que “estamos a dar os primeiros pasos e queremos, que as familias e o profesorado galego -sen dúbida un dos mellor preparados de Europa- nos acompañen nesta esforzada e apaixonante tarefa histórica”.

Antes da intervención do conselleiro realizáronse relatorios en torno aos antecedentes das TIC no centro e a formación do profesorado. Asemade falouse da experiencia Abalar no colexio, e os blogs de 5º de primaria e de infantil.

Os beneficiados polo Abalar

Durante a súa visita o conselleiro percorreu as instalacións do CPI dos Dices, que é un dos setecentos centros educativos que integran a rede Abalar no seu primeiro ano, un proxecto do que neste curso se que benefician máis de 14.500 alumnas e alumnos de 5º de Primaria e 1º da ESO, número que o vindeiro ano aumentará ata os 31.500 estudantes.

Cómpre destacar que a instalación dos netbooks así como o equipamento preciso nas aulas de 5º de primaria e 1º da ESO levou consigo un investimento de case 26.000 euros neste colexio.

O centro plurilingüe, no que estudan 249 nenas e nenos de infantil, primaria e ESO, conta ademais con seis seccións bilingües en inglés que benefician a 84 dos estudantes. Así mesmo o colexio de Rois recibiu nos últimos anos máis de 18.000 euros destinados á mellora do espazo da biblioteca escolar, ben dentro do plan de mellora destes espazos, ou cos clubes de lectura.