Román Rodríguez fixa a FP Dual como aposta estratéxica para o curso 2017/18 con titulacións dobres

O conselleiro de Cultura e Educación comparece no Parlamento para realizar un balance do curso que remata e explicar os principais eixes do ano que vén

Lembra que hoxe o modelo educativo galego significa unha aposta polo plurilingüismo, polas TIC e as destrezas tecnolóxicas, pola inclusión e integración da diversidade e pola revalorización da FP

No vindeiro curso iniciarase a extensión do ensino plurilingüe a todas as etapas educativas a través de EDUlingüe e presentarase a nova Estratexia galega de educación dixital para fomentar as vocacións STEM

O titular do departamento educativo da Xunta destaca que Galicia conta cunha política educativa propia baseada en compromiso, confianza e colaboración con todos os axentes educativos

Mar, 20/06/2017 - 13:25
Román Rodríguez fixa a FP Dual como aposta estratéxica para o curso 2017/18 con titulacións dobres

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, compareceu esta mañá no Parlamento de Galicia para realizar un balance da actividade educativa do curso que remata e establecer os principais eixes do curso que vén 2017/18. Entre eles, fixou a FP Dual como aposta estratéxica, posto que se incrementan nun 31,6% o número de prazas, se poñen en marcha 16 novos proxectos e se impulsan, por primeira vez, os ciclos con titulación dobre. O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia explicou que hoxe se celebra o Consello galego de FP, onde a Consellería leva unha oferta –29.591 prazas en primeiro curso– axustada ás demandas do alumnado e ás necesidades do tecido produtivo de cada zona co fin de favorecer, en consecuencia, a empregabilidade dos mozos e mozas.

Ademais de reforzar a Formación Profesional, no vindeiro curso tamén se darán pasos importantes para dar un novo impulso ao modelo plurilingüe, poñerase en marcha a nova Estratexia galega de educación dixital e mellorarase a convivencia nas aulas. Todo isto co obxectivo de seguir favorecendo a calidade e a equidade no ensino galego que, segundo lembrou, “non é produto da casualidade, senón que é resultado de moito esforzo e de accións estratéxicas da Consellería, pero tamén da necesaria e importante implicación e colaboración da comunidade educativa no seu conxunto”.

Máis programas e mellores resultados

Neste sentido, valorou o cumprimento dos compromisos adquiridos para o curso 2016/17, tanto en materia de infraestruturas –a inicios de curso a Consellería xa tiña adxudicadas máis do 90% das obras– como a nivel de programas de innovación educativa. Deste xeito, destacou que actualmente hai preto de 100.000 alumnos que se benefician dalgunha acción do plurilingüismo, 282 centros plurilingües, case 3.900 sección bilingües e 504 auxiliares de conversa. Tamén se dixitalizaron as aulas desde 5º de primaria ata toda a ESO e seguiuse impulsando o Plan de mellora de bibliotecas escolares (Plambe), presente en 615 centros e referente no conxunto do Estado. Neste contexto, tamén se presentou o Plan LÍA 2016/2020 de Bibliotecas Escolares para continuar o traballo a prol das bibliotecas e o fomento da lectura nos vindeiros anos.

En canto á Formación Profesional, Galicia dispón dunha FP conectada coas demandas das empresas, o que permite acadar unha alta cualificación, favorece a permanencia no sistema educativo (a través da FP Básica) e promove a inserción laboral dos mozos e mozas. No ámbito dos resultados, Román Rodríguez salientou a redución do abandono educativo temperán (Galicia pechou 2016 cunha taxa do 15,2%), a mellora en matemáticas, ciencia e lectura segundo o informe PISA, así como a ampliación dos contratos-programa, os Plans Proxecta ou o traballo por proxectos.

En palabras do conselleiro, “hoxe o modelo educativo galego significa unha aposta polo plurilingüismo, polas TIC e as destrezas tecnolóxicas, pola inclusión e integración da diversidade, e pola revalorización da FP”. Neste sentido, “a autonomía dos centros e o bo clima de convivencia contribúen a construír este modelo que promove a mellora continua”, ratificou.

Unha OPE con seguridade xurídica

Ademais dos datos, o responsable do departamento educativo recordou que o presente curso se viu condicionado polas negociacións no marco do Pacto de Estado Político e Social pola Educación. Ademais, e pese ás críticas, Galicia apostou polas certezas e seguridade xurídica á hora de convocar a Oferta Pública de Emprego para este ano, composta por 1.043 prazas, o 100% da taxa de reposición.

Retos de futuro

De cara ao curso 2017/18, comezarase a aplicar a nova Estratexia galega de linguas estranxeiras, EDUlingüe, coa que se busca estender o ensino plurilingüe a todas as etapas educativas; e tamén se desenvolverá un plan de ensino dixital co fin de mellorar a dotación de infraestrutura e conectividade, xerar novos contidos dixitais e fomentar as vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) a través da introdución da Robótica en Primaria, das materias de libre configuración autonómica sobre este ámbito ou da posta en marcha dos Club de ciencia, entre outras accións.

Tamén se traballará, tal e como explicou o conselleiro, na mellora da convivencia nas aulas. De feito, nas vindeiras semanas convocarase ao Consello Galego de Convivencia co obxectivo de facer balance dos avances no desenvolvemento da estratexia e analizar novas liñas de actuación. E, por último, seguirase organizando a actividade dos centros educativos tendo en conta criterios pedagóxicos, demográficos, xeográficos e de xestión responsable de recursos.

En definitiva, Galicia conta cunha política educativa propia baseada no “compromiso, na confianza e na colaboración con profesores, equipos directivos, familias, alumnos e outras institucións”. “Temos un bo sistema educativo no que todos puxemos o noso grao de area, non se trata de caer na compracencia nin de xerar falsas expectativas, pero temos que tomar consciencia da realidade”, concluíu.