O IES Fraga do Eume amosa o seu potencial a blogueiros e xornalistas especializados

O encontro ‘Formados e profesionais’, ao que asistiu o conselleiro de Cultura e Educación, ten como obxectivo dar a coñecer as ensinanzas que se imparten na Rede Galega de FP de Hostalaría
Lun, 05/06/2017 - 18:46

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe nunha nova sesión do encontro Formados e Profesionais, que desta vez se celebrou no IES Fraga do Eume, e no que o alumnado deste centro educativo puido amosar o seu potencial aos blogueiros e xornalistas especializados congregados para a ocasión. Non en balde, esta serie de encontros impulsados polo departamento educativo da Xunta de Galicia entre os centros da Rede Galega de FP de Hostalaría teñen como obxectivo poñer en valor e visibilizar o traballo que alumnado e profesorado desenvolve arredor destas ensinanzas; aproveitando as oportunidades que supoñen as redes sociais e as novas tecnoloxías.

Esta sexta sesión do programa celebrouse nun centro que é referente nas ensinanzas desta familia profesional; de feito nel impártese a FP básica de Cociña e restauración, os ciclos de grao medio en Cociña e gastronomía (en réxime ordinario e modular para adultos), de Panadaría, repostaría e confeitaría e de Servizos en restauración (en réxime ordinario e modular para adultos); e os ciclos de grao superior en Dirección de cociña e en Dirección de servizos de restauración.

Así mesmo, este IES celebrou no 2017 a XVIII edición do Concurso de cociña y coctelería José Rodríguez-Moldes Rey, no que participaron unha decena de centro especializados nestes estudos.

Os centros da Rede

Esta iniciativa arrancou hai dous meses no IES Vilamarín (Ourense), e posteriormente tivo lugar no CIPF Paseo das Pontes (A Coruña), no CIFP Carlos Oroza (Pontevedra), e no CIFP Compostela (Santiago) e no IES Sanxillao (Lugo). Xa a comezos do vindeiro curso celebraranse encontros deste tipo no CIFP Manuel Antonio (Vigo) e no IES de Foz (Lugo).

En todos eles ofrecerase un almorzo, un aperitivo e unha comida elaborada polo alumnado do centro, farase un percorrido guiado e realizarase un coloquio entre todos os participantes na sesión. Ademais, haberá un show cooking a cargo dun chef, que podería ser incluso exalumno do propio centro no que se desenvolva.

Polo tanto, búscase amosar as instalacións e recursos que teñen os principais centros de FP galegos de Hostalaría, que se fai neles e, da man dos chefs convidados, a onde se pode chegar tras cursar estes estudos.

Este proxecto pioneiro conta, ademais, cun sitio web (http://www.edu.xunta.es/fp/rede-fp-hostalaria) no que se ofrece información e orientación sobre os centros da Rede creada en 2014, a súa oferta formativa e o conxunto de servizos que se brindan ás empresas. Para a propia comunidade educativa o web serve como punto de acceso único ás ofertas de emprego, ao emprendemento ou as mobilidades. O obxectivo é achegar a FP á empresa, dando resposta ás demandas do sector e transferíndolle o coñecemento adquirido en centros innovadores.