O IES Vilamarín abre o I Encontro especializado para visibilizar a FP en hostalaría
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, participou nesta primeira Xornada ‘Formados e Profesionais’ que congrega a blogueiros e publicacións sectoriais no eido destas ensinanzas
Esta iniciativa -que se desenvolverá nos oito centros que integran a Rede Galega de FP de Hostalaría- abrangue mesas redondas e encontros, así como unha exposición práctica do traballo dos alumnos con show cooking, coctelería, preparación de aperitivos, elaboración dun xantar ou acomodación de invitados, entre outros
Xov, 27/04/2017 - 15:32

O IES de Vilamarín acolleu esta mañá a primeira das xornadas ‘Formados e Profesionais. FP Hostalería”, que se levará a cabo nos oito centros que integran á Rede Galega de FP de Hostalaría, e que ten como principal finalidade dar a coñecer o traballo desenvolto por docentes e alumnado no eido desas ensinanzas, mediante as oportunidades que ofrecen as novas canles informativas como a internet e os blogs especializados.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe o IES de Vilamarín, onde ao longo de toda a mañá tiveron lugar unha serie de charlas, mesas redondas e demostracións de cociña e de aloxamento, que congregou a blogueiros, medios especializados no ámbito da restauración e medios convencionais.

Román Rodríguez destacou o carácter innovador desta iniciativa que se pon en marcha da man da Administración e dos propios centros de FP de Hostalería co obxectivo de mostrar e divulgar o nivel de calidade e a esixencia formativa que hai detrás das ensinanzas de Formación Profesional da familia da Hostalaría e Turismo, con centros que son referentes a nivel internacional.

Alta empregabilidade

O conselleiro subliñou a aposta do Goberno galego por unhas ensinanzas de calidade, con profesionais cualificados e con capacidade de inserirse no mundo laboral. Esta tendencia está constatada polos últimos datos de empregabilidade, que sitúan a inserción medida da familia de Hostalaría e turismo no 73,2%; mentres que nos ciclos de cociña e gastronomía acada o 71,1%, o 81% en Dirección de cociña, case o 82% nos Servizos en restauración, e do 100% en Dirección de servizos en restauración.

Para Román Rodríguez, as ensinanzas de FP de Hostalaría en Galicia son un sinónimo de excelencia que hai que seguir mantendo, e na que xogan un papel fundamental os docentes a través da súa implicación; así como os propios alumnos, que están contribuíndo a dignificar a profesión.

O conselleiro, xunto co director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; e o alcalde de Vilamarín, Amador Vázquez; entre outros, tiveron a ocasión de degustar un aperitivo e un xantar deseñado e elaborado polo alumnado do centro.

Os centros da Rede

Esta iniciativa que arrancou hoxe no IES Vilamarín desenvolverase de xeito secuencial ata finais de curso nos outros sete centros da Rede: Os CIFPs Paseo das Pontes (A Coruña), Compostela (Santiago), Carlos Oroza (Pontevedra) e Manuel Antonio (Vigo); e os IES Fraga do Eume (Pontedeume), de Foz, e Sanxillao (Lugo).

En todos eles ofrecerase un almorzo, un aperitivo e unha comida elaborada polo alumnado do centro, farase un percorrido guiado e realizarase un coloquio entre todos os participantes na sesión. Ademais, haberá un show cooking a cargo dun chef, que podería ser incluso exalumno do propio centro no que se desenvolva.

Polo tanto, búscase amosar as instalacións e recursos que teñen os principais centros de FP galegos de Hostalaría, que se fai neles e, da man dos chefs convidados, a onde se pode chegar tras cursar estes estudos.

Este proxecto pioneiro conta, ademais, cun sitio web (http://www.edu.xunta.es/fp/rede-fp-hostalaria) no que se ofrece información e orientación sobre os centros da Rede creada en 2014, a súa oferta formativa e o conxunto de servizos que se brindan ás empresas. Para a propia comunidade educativa o web serve como punto de acceso único ás ofertas de emprego, ao emprendemento ou as mobilidades. O obxectivo é achegar a FP á empresa, dando resposta ás demandas do sector e transferíndolle o coñecemento adquirido en centros innovadores.