A Consellería de Educación impulsa un novo ciclo de FP en igualdade de xénero

A mesa sectorial do ensino non universitario analizou hoxe esta titulación, cuxo currículo irá enriquecéndose ao longo da súa tramitación

Xov, 06/04/2017 - 17:36

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de elaborar o currículo do título de técnico superior en Promoción de Igualdade de Xénero, un novo ciclo que se axusta á estratexia da Xunta de Galicia en prol da igualdade de dereitos entre mulleres e homes. De feito, este ciclo é unha das medidas contempladas no primeiro Plan de actuacións para a igualdade nos centros educativos de Galicia 2016/2020. A mesa sectorial do ensino non universitario analizou hoxe este programa de estudos, que se podería ofertar xa a partires de xuño nos centros de ensino galegos que impartan formación profesional.

Pertencente á familia profesional de Servizos Socioculturais e á Comunidade, o título ten unha duración de 2.000 horas e correspóndese co nivel 1 do Marco Español de Cualificacións para a educación superior.

O currículo deste título de nova creación irase enriquecendo ao longo da súa tramitación no Consello Galego de FP e no Consello Escolar de Galicia, sempre buscando o consenso nun tema de importancia como é o da igualdade.

Competencias e postos de traballo

A competencia xeral do título de técnico superior en Promoción de Igualdade de Xénero consiste en programar, desenvolver e avaliar intervencións relacionadas coa promoción da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes, aplicando estratexias e técnicas do ámbito da intervención social, detectando situacións de risco de discriminación por razón de sexo e potenciando a participación social das mulleres.

As persoas que obteñan este título poderán exercer como promotoras de igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, ou como técnicas de apoio en materia de igualdade efectiva de mulleres e homes, entre outras ocupacións. Estes postos de traballo poderían exercelos en asociacións, fundacións, institucións, sindicatos, empresas, consultoras, servizos municipais, organismos de igualdade, centros comunitarios, etc; sempre que presten servizos orientados á igualdade efectiva entre ambos xéneros.

Entre outras, as persoas que estuden este ciclo adquirirán competencias para programar intervencións que promovan a igualdade entre homes e mulleres, interpretando e tendo en conta a normativa legal, o plan estratéxico e políticas públicas de referencia; para dirixir a posta en práctica de proxectos neste ámbito, desenvolver accións de intervención socioeducativa ou deseñar estratexias para previr a violencia de xénero, detectando os posibles factores de risco.

Ademais, poderán desenvolver actividades de información, comunicación e sensibilización das mulleres e da poboación en xeral, poñer en práctica programas e accións de prevención de violencia de xénero, así como asesorar e acompañar as mulleres en situación de violencia de xénero.

Outros asuntos

Ademais deste título, a mesa sectorial do ensino analizou o reintegro individual de gastos por asistencia a actividades de formación do profesorado non universitario para o ano 2017. Así mesmo, abordouse o programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras (PIALE) para este curso, ao abeiro do que se convocarán 215 prazas de formación de profesorado en inglés, portugués, francés e alemán; incrementando nun 50% as prazas e o orzamento. Por outra banda, tratouse a orde de licenzas de formación para o profesorado no 2017, cun total de 500 meses.