As xornadas Xosé Calviño 2017 analizan a implantación do portugués no ensino medio galego

Valentín García Gómez inaugurou hoxe esta actividade formativa organizada polo CAFI e polo IES compostelán Arcebispo Xelmírez I

A Secretaría Xeral de Política Lingüística apoia a iniciativa no marco das accións que leva adiante para o desenvolvemento da coñecida como Lei Paz-Andrade

Mar, 04/04/2017 - 19:05
As xornadas Xosé Calviño 2017 analizan a implantación do portugués no ensino medio galego

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inaugurou hoxe á tarde no IES Arcebispo Xelmírez I as Xornadas Xosé Calviño 2017, que se desenvolverán ata o día 6 de abril na Aula Magna do instituto compostelán. A actividade formativa reúne este ano máis de medio cento de docentes que se centrarán en analizar a implantación da materia de portugués nas ensinanzas medias de Galicia.

Valentín García evocou “a facilidade con que os galegos adquirimos novas linguas grazas á nosa condición de cidadáns bilingües, especialmente se se trata de idiomas románicos e, moi especialmente, se falamos do portugués, tan próximo ao galego”. Lembrou que coñecer máis dun idioma sempre é unha axuda, “nunca un impedimento”, para adquirir calquera outro que poidamos necesitar na nosa vida adulta e instou o profesorado e o alumnado “a aproveitar este potencial partindo do galego para abordar as novas aprendizaxes”.

O secretario xeral estivo acompañado na mesa inaugural por Manuel Portas, director do instituto anfitrión; Filipa Soares, coordinadora do ensino do portugués en España e Andorra do Instituto Camões, e Antía Cortizas, presidenta da Associação de Docentes de Português na Galiza (DPG). A consellería que dirixe Román Rodríguez apoia a iniciativa no marco das accións que leva adiante para o desenvolvemento da Lei 1/2014 para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía.

Xornadas Xosé Calviño 2017

Desde o ano 1999 o IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago de Compostela promove as Xornadas Xosé Calviño para favorecer a reflexión pedagóxica e renderlle homenaxe ao que foi profesor de filosofía do centro, ensaísta e especialista en temas pedagóxicos. Este 2017, as Xornadas Xosé Calviño son organizadas conxuntamente polo CAFI e polo centro de ensino compostelán e desenvolveranse no IES desde hoxe e ata o día 6 de abril.

Durante estes tres días, máis de medio cento de profesores e profesoras terán ocasión de intercambiar experiencias didácticas e de debater sobre a actualidade do ensino do portugués en Galicia. Hoxe mesmo, tras a inauguración, puideron asistir á conferencia “A iniciativa Paz Andrade”, impartida por Ângelo Cristovo, representante da Academia Galega da Lingua Portuguesa (AGLP), e mais á mesa redonda “Situación actual do ensino do portugués na educación secundaria”, na que participaron Noemí Álvarez, da Consellería de Cultura e Educación; Filipa Soares, do Instituto Camões, e Antía Cortizas, da DPG.

O día 5 de abril desenvolveranse tres conferencias. Dúas delas achegaranlles aos asistentes a perspectiva galega e a portuguesa arredor do tema do ensino do portugués en Galicia. A perspectiva galega ofreceraa o profesor Valentim Fagim, en tanto que a portuguesa correrá a cargo de Carla Sofia Nunes Fernandes. Ademais, Jacques Songy, presidente da Asociación del Profesorado de Portugués en Extremadura (APPEX), disertará sobre “O portugués no sistema educativo estremeño: dos inicios á situación actual”.

A derradeira xornada incluirá, antes da sesión de clausura, as conferencias “O portugués na escola de idiomas” e “Ops, un obradoiro para crear vontade de estudar portugués”, a cargo de Gonzalo Constenla, director da EOI de Santiago de Compostela, e da profesora Loaira Martínez Rei, respectivamente.

Lei Paz-Andrade

A Secretaría Xeral de Política Lingüística apoia a celebración das xornadas pedagóxicas Xosé Calviño no marco das accións que leva adiante para o desenvolvemento da Lei 1/2014 para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía. A coñecida como Lei Paz-Andrade, aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia a raíz dunha proposición de lei de iniciativa lexislativa popular avalada por 17.000 sinaturas, ten como obxectivo aproveitar a vantaxe lingüística do galego na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP).

A Xunta de Galicia contempla na súa axenda de traballo, tal e como recolle a Lei, accións estratéxicas de promoción das relacións cos países de fala portuguesa. Estas accións inclúen o Memorando de Entendemento entre a Xunta e o Instituto Camões para adopción do portugués como lingua estranxeira de opción e avaliación curricular no sistema educativo non universitario da Comunidade Autónoma de Galicia (asinado en 2015) e a conseguinte implantación e consolidación desta materia en ESO e bacharelato. A esta iniciativa únense outras, como a consecución do status de membro observador consultivo do Consello da Cultura Galega en representación de Galicia na CPLP ou iniciativas de achegamento á lingua e á cultura galegas desde os sete centros de estudos cos que conta a Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia en Portugal e no Brasil.

Menús News node R