Nota aclaratoria sobre a suspensión do transporte escolar
Mar, 21/03/2017 - 20:02

Diante das dúbidas suscitadas por membros da comunidade educativa, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quere aclarar o sentido da nota de prensa sobre a suspensión de transporte escolar:

  1. O transporte de entrada aos centros educativos está suspendido a partir das 12,00 horas en determinadas zonas, dado que a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) declara un fenómeno adverso meteorolóxico a partir das 12 do mediodía de mañá mércores día 22 de marzo (salvo as puntualizacións nas zonas de montaña de Sur de Ourense, Montaña de Lugo, Montaña de Ourense e Valdeorras). A prioridade en cada unha destas decisións é a seguridade e salvagarda do alumnado.
  2. A suspensión do transporte escolar afecta dende o momento en que se declaran circunstancias meteorolóxicas adversas pola AEMET, polo que non haberá transporte de recollida do alumnado mañá a mediodía nin, no seu caso, transporte de tarde. Diante desta circunstancia, os proxenitores elixirán recoller ao alumnado mediante medios de transporte non colectivos, ou non enviar ao alumnado ao centro educativo. A decisión de suspender o transporte de regreso baséase na situación de risco existente para o transporte colectivo, en función da predición meteorolóxica comunicada polo organismo con competencias sobre a materia, a AEMET.
  3. Os centros educativos, dado que non existe suspensión da actividade lectiva, permanecerán abertos durante toda a xornada lectiva.
  4. Salvo que se comunique o contrario por cambio nas predicións meteorolóxicas, o xoves día 23 de marzo, non haberá transporte de entrada aos centros educativos, polo que o alumnado, para as familias que o desexen, deberá acceder aos centros en transporte non colectivo. Dado que o adverso meteorolóxico finaliza o día 23 ás 12,00 horas do mediodía, si existirá transporte de regreso desde os centros educativos.
  5. A Consellería quere aclarar que noutras ocasións suspendeuse o transporte de entrada e saída dado que a comunicación das circunstancias meteorolóxicas adversas iniciáronse antes do comezo das clases.
  6. A Consellería quere poñer de manifesto que o transporte en vehículos colectivos supón un risco maior que noutro tipo de vehículos, polo que adopta a decisión de suspender o transporte escolar co fin de garantir a seguridade do alumnado.
  7. Na adopción desta decisión prima, en todo momento, a seguridade do alumnado que emprega transporte escolar, tendo en conta as previsións de alertas meteorolóxicas da AEMET, que son diferentes en cada área xeográfica en función do risco de nevarada.