A Xunta visibilizará a FP de Hostalaría mediante encontros con blogueiros e medios de comunicación
O programa ‘Formados e profesionais’ achegarase á realidade do traballo que se desenvolve en oito centros que imparten estas ensinanzas
Ven, 17/03/2017 - 12:17

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, reuniuse hoxe cos directores dos oito centros que compoñen a Rede Galega de FP de Hostalaría para presentarlles o programa Formados e profesionais. FP de Hostalaría, co que o seu departamento busca visibilizar o traballo que alumnado e profesorado desenvolve arredor destas ensinanzas.

A iniciativa desenvolverase nestes oito centros mediante encontros aos que serán convidados xornalistas – tanto especializados como de medios de comunicación convencionais- e blogueiros. O obxectivo é aproveitar as oportunidades da internet e da prensa para dar a coñecer o traballo que se desenvolve nestes centros, coa mirada posta nunha experiencia previa de éxito, o Bloguer Day realizado co gallo da exposición Con-Fío en Galicia. Naquela ocasión, o encontro de máis de 100 blogueiros do sector xerou uns 600 posts e máis de 1,2 millóns de impresións no marco da exposición da moda e téxtil galegos.

Actividades

“Formados e profesionais. FP de Hostalaría” desenvolverase de forma secuencial ata fin de curso, cun encontro en cada centro. Neles, ofrecerase un almorzo, un aperitivo e unha comida elaborada polo alumnado do centro, farase un percorrido guiado e realizarase un coloquio entre todos os participantes na sesión. Ademais, haberá un show cooking a cargo dun chef, que podería ser incluso exalumno do propio centro no que se desenvolva.

Polo tanto, búscase amosar as instalacións e recursos que teñen os principais centros de FP galegos de Hostalaría, que se fai neles e, da man dos chefs convidados, a onde se pode chegar tras cursar estes estudos.

FP e economía competitiva

O conselleiro lembrou que as de Hostalaría son unhas das ensinanzas de FP con maior demanda e cun gran éxito na inserción laboral. Non en balde, segundo o último estudo de inserción laboral realizado pola Consellería a familia de Hostalaría e turismo tiña un nivel de inserción laboral medio do 73,2%. Ademais, no referido aos ciclos máis relacionados coa cociña e a restauración, os datos van do 71,1% de Cociña e gastronomía, ao 100% de Dirección de servizos en restauración, pasando polo 81% de Dirección de cociña e polo 81,8% de Servizos en restauración.

Neste sentido, sinalou que esta nova iniciativa contribúe a prestixiar a difusión dos ciclos formativos como unha vía formativa de calidade, no marco dunha FP que significa innovación, oportunidades de emprego, e tecnificación dos sectores produtivos. “É dicir, unha FP que contribúe a facer a economía galega máis competitiva”.

Asemade, Román Rodríguez salientou que este programa promove unha interrelación proveitosa entre educación e gastronomía, ao tempo se potencian os recursos gastronómicos galegos desde o sistema educativo.

A rede

A Rede galega de FP de hostalaría foi creada en 2014 pola Consellería de Cultura e Educación co fin de enmarcar os 8 centros públicos da nosa Comunidade especializados nesta familia profesional co fin de crear un espazo vivo e dinámico de intercambio de experiencias e de innovación. Desta forma procúrase, ademais, impulsar a calidade de actividades produtivas estratéxicas para Galicia como son as de Restauración, Aloxamento e Servizos, estreitamente vencelladas ao turismo, eido tamén de significativa importancia no desenvolvemento económico desta terra. A rede está composta polos CIFPs Paseo das Pontes (A Coruña), Compostela (Santiago), Carlos Oroza (Pontevedra) e Manuel Antonio (Vigo); e polos IES Fraga do Eume (Pontedeume), de Foz, Sanxillao (Lugo) e de Vilamarín

Este proxecto pioneiro conta, ademais, cun sitio web (http://www.edu.xunta.es/fp/rede-fp-hostalaria ) no que se ofrece información e orientación sobre os centros que a integran e das súa oferta formativa e do conxunto de servizos que se ofertan ás empresas. Para a propia comunidade educativa o web serve como punto de acceso único ás ofertas de emprego, ao emprendemento ou as mobilidades. O obxectivo é achegar a FP á empresa, dando resposta ás demandas do sector e transferíndolle o coñecemento adquirido en centros innovadores.