A Consellería de Cultura e Educación convoca 50 prazas para a formación de docentes

O prazo para a preinscrición remata o 6 de marzo

Xov, 23/02/2017 - 10:05

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar a convocatoria anual de estadías formativas en empresas ou institucións para o ano 2017 destinadas ao funcionariado docente non universitario. En total ofértanse 50 prazas dirixidas ao profesorado dos corpos e das especialidades vinculadas ás ensinanzas de formación profesional dos sistema educativo,así como ás das artes plásticas e o deseño. O prazo para presentación realizar a preinscrición remata o 6 de marzo. A información da convocatoria pode consultarse no enlace http://www.edu.xunta.gal/fp/estadias-formativas-en-empresa.

O pasado ano 2016 participaron un total de 52 profesores, que desenvolveron unha estadía formativa,  15 correspondentes á modalidade A, 24 á modalidade B1 e 13 á modalidade B2. Cómpre agradecer ás empresas a súa colaboración nesta tarefa, que contribúe á mellora da calidade nos centros educativos, así como á formación permanente dos docentes do sistema de ensino galego.

Modalidades

A oferta estrutúrase en tres modalidades. Na primeira delas, que conta con 20 prazas, as estadías desenvolveranse nas empresas ou institucións que se relacionan na propia convocatoria. No caso da modalidade B1, con 20 prazas, as estadías realizaranse en empresas, situadas na Comunidade Autónoma de Galicia, propostas pola persoa interesada; mentres que na modalidade B2 – 10 prazas- se desenvolverán en empresas tamén propostas polos docentes pero situadas no resto do Estado ou en países da Unión Europea.

Con carácter xeral, poderanse realizar os períodos formativos en empresas ou institucións desde o 17 de abril ata o 8 de setembro de 2017.  A duración de cada estadía será como mínimo de 40 horas e como máximo de 160 horas.

Esta convocatoria está dotada cun orzamento de 72.000 €. A contía máxima que poida percibir o profesorado que realice unha estadía formativa poderá acadar a cantidade de 1.300,00 euros para as estadías de modalidade A e B1, e os 2000 € para o caso das estadías da modalidade B2.