Román Rodríguez destaca o grao de internacionalización e a calidade dos proxectos do Galicia Spin-Off

O conselleiro de Cultura e Educación en funcións participou na entrega dos premios anuais deste certame, a través do cal se recoñecen as mellores iniciativas empresariais xurdidas dos grupos de investigación das tres universidades galegas

Lun, 10/10/2016 - 13:31
Román Rodríguez destaca o grao de internacionalización e a calidade dos proxectos do Galicia Spin-Off

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Román Rodríguez, participou esta mañá na entrega dos premios Galicia Spin-Off, cos que se distinguen as melloras iniciativas empresariais xurdidas dos grupos de investigación das tres universidades galegas.

Na súa intervención, o conselleiro lembrou que Galicia conta cun excelente patrimonio de profesionais, centros e grupos de investigación universitaria, que contan con apoio público da Administración galega. Segundo dixo, a creación de empresas que nacen das universidades para transferir a súa tecnoloxía e patentes é unha das mostras máis palpables do transvase de coñecemento á sociedade. “Unha transmisión -especificou- que implica xeración de riqueza, e que ten capacidade de explotar nichos de creación de emprego moi cualificados, o que supón un importante peso na economía e no emprego”.

Un exemplo representativo desta dinámica son, segundo Román Rodríguez, as empresas participantes neste segundo certame Galicia Spin-Off, xa que actúan como “verdadeiros viveiros de emprendemento”. O conselleiro subliñou a alta calidade das propostas presentadas así como o seu importante grao de internacionalización.

O conselleiro expresou os seus parabéns aos gañadores deste certame, así como aos seus promotores (Banco Pastor e o portal de ciencia galega GCiencia) e ás entidades colaboradoras (Fundación Barrié e Gadis), polo seu esforzo na organización duns premios que divulgan polo mundo o noso modelo de universidade e o apoio ao talento desde Galicia.

Proxectos galardoados

Na modalidade de “Idea Emerxente” resultou gañadora AllGenetics, polo seu sistema pioneiro que permite analizar o impacto sobre o medio ambiente dos produtos utilizados nos laboratorios. Neste mesmo apartado quedou finalista Lupeon, por contribuír a ampliar o mundo de posibilidades na impresión 3D, un dos sectores con máis perspectivas no eido da innovación.

Pola súa banda, na modalidade de “Selo de Calidade” resultou gañadora Galchimia, cunha aposta pola investigación química que xa está dando o salto á internacionalización.