Román Rodríguez destaca que Galicia é a segunda comunidade con máis auxiliares de conversa por alumno

O conselleiro de Cultura e Educación en funcións dálle a benvida aos especialistas de 15 nacionalidades diferentes que durante este curso axudarán aos estudantes galegos na aprendizaxe de linguas estranxeiras

Neste 2016/17 hai 430 auxiliares de inglés, 35 de francés, 13 de alemán, 9 de portugués, 5 de chinés e 12 americanos da Comisión Fullbright

Mér, 05/10/2016 - 11:22
Román Rodríguez destaca que Galicia é a segunda comunidade con máis auxiliares de conversa por alumno

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Román Rodríguez, deulle esta mañá a benvida aos máis de 500 auxiliares de conversa que neste curso 2016/17 apoiarán ao profesorado e axudarán ao alumnado galego na aprendizaxe de linguas estranxeiras; unha cifra que sitúa a Galicia como a segunda comunidade en ratio de auxiliares por alumno.

Neste sentido, o titular en funcións do departamento educativo da Xunta de Galicia destacou tanto a función lingüística como cultural destes especialistas, posto que, tal e como subliñou, “os nosos alumnos terán a oportunidade única de coñecer realidades diferentes, costumes distintas e novas formas de pensar, o que os axudará a ser máis tolerantes e comprensivos”.

Durante esta xornada de acollida, o conselleiro estivo acompañado polo director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, así como polos responsables, asesores e coordinadores do programa.

En concreto, este ano académico haberá 504 auxiliares de conversa de 15 nacionalidades diferentes en centros sostidos con fondos públicos, 50 máis que o ano pasado. Por linguas, a maior parte serán de inglés, que chegarán ata os 430 e aos que, por primeira vez, se suman 12 auxiliares estadounidenses da Comisión Fullbright, dun alto perfil académico e orientados a realizar tarefas de apoio en centros plurilingües de secundaria. Ademais, haberá 35 especializados en francés, 13 en alemán, 9 en portugués e 5 en chinés.

Figura clave no achegamento ao país

Cómpre destacar que a figura do auxiliar de conversa é un elemento clave para acercar a realidade cultural e lingüística do seu país de orixe ao alumnado galego. Deste xeito, estas persoas levan a cabo un importante servizo complementario, ao apoiar o labor do profesorado, facilitando as prácticas de conversa en linguas estranxeiras.

Ademais, representan un auténtico vehículo de achegamento á cultura dos países onde se fala a lingua obxecto de estudo, polo que contribúen a reforzar o labor docente na compoñente de multiculturalidade, eixo sobre o que pivotan os currículos dos centros implicados no Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras.  

Preto de 100.000 alumnos beneficiados

Durante os últimos anos, o número de auxiliares non deixou de crecer, ao mesmo tempo que o fixeron os centros plurilingües e as seccións bilingües, un incremento que se enmarca dentro do impulso decidido ao Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, baixo o obxectivo último de aumentar a calidade do sistema educativo galego.

De feito, este curso, a rede de centros plurilingües de Galicia xa conta con 282 (un 10,5% máis que o pasado curso) e o número de seccións bilingües incrementouse ata as 3.914 (284 máis). En definitiva, preto de 100.000 alumnos e alumnas benefícianse dalgunha das iniciativas postas en marcha ao abeiro deste plan.