O sistema educativo galego recibe 12 auxiliares de conversa de alto perfil académico

Este apoio chega ao abeiro do convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Cultura e Educación e a Comisión Fulbright

Máis de 500 persoas auxiliares desenvolven este curso o seu labor en centros de ensino galegos o vindeiro curso

Mar, 20/09/2016 - 12:25
O sistema educativo galego recibe 12 auxiliares de conversa de alto perfil académico

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, recibiu hoxe os 12 auxiliares de alto perfil académico que prestarán apoio este curso nos centros educativos galegos ao abeiro do convenio asinado entre o departamento que dirixe e a Comisión Fulbright de Intercambio Cultural, Educativo e Científico entre España e os Estados Unidos de América.

Tras a recepción, celebrada esta mañá na Cidade da Cultura de Galicia, os auxiliares coñecerán os centros nos que desenvolverán o seu labor nos vindeiros meses, concretamente os Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol) e As Mercedes (Lugo); e os IES Plurilingües Eusebio da Guarda e Elviña (ambos na Coruña), Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), Plurilingüe de Ames, A Xunqueira I (Pontevedra), Valadares e República Oriental do Uruguai (ambos en Vigo), Lucus Augusti (Lugo), As Lagoas e Ramón Otero Pedrayo (os dous en Ourense).

As persoas auxiliares de conversa, que están en España en condición de bolseiros Fulbright, serán destinadas a realizar tarefas de apoio de ensinanza do inglés, xa sexa na materia de lingua inglesa, xa noutras materias impartidas no dito idioma.

Entre outros obxectivos, o alto perfil académico destas persoas permitirá que presten apoio en proxectos plurilingües de materias STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñarías e Informática), que son tamén obxecto de impulso por parte da Consellería de Cultura e Educación.

Avance do plurilingüismo

A figura do auxiliar de conversa é un elemento clave para acercar a realidade cultural e lingüística do seu país de orixe ao alumnado galego. Deste xeito, estas persoas levan a cabo un importante servizo complementario, ao apoiaren o labor do profesorado, facilitando as prácticas de conversa en linguas estranxeiras. Ademais, representan un auténtico vehículo de achegamento á cultura dos países onde se fala a lingua obxecto de estudo, polo que contribúen a reforzar o labor docente na compoñente de multiculturalidade, eixo sobre o que pivotan os currículos dos centros implicados no Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras.  

En total, no curso 16-17 apoiarán aos centros galegos máis de 500 auxiliares de conversa, que desenvolven o seu labor tanto nas Escolas Oficiais de Idiomas como nos centros plurilingües e seccións bilingües que existen no sistema educativo galego. Este curso 2016/17 funcionan na nosa Comunidade un total de 282 centros escolares, que impartirán ata un terzo do horario lectivo nunha lingua estranxeira e que contan, todos eles, con apoio dun auxiliar de conversa nativo. Ademais está autorizado o funcionamento de 3.914 seccións bilingües.