Galicia participa nun proxecto europeo para o estímulo das vocacións científicas desde a escola

A Consellería de Cultura e Educación desenvolve o programa ‘STEM capacity building’ para mellorar o desenvolvemento dos alumnos que están a formarse nos centros educativos nestas disciplinas

Dom, 11/09/2016 - 10:05

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) ,está a participar no proxecto europeo Erasmus+ ‘STEM capacity building’, unha iniciativa que ten como obxectivo artellar un novo enfoque arredor das ensinanzas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), co fin de mellorar o desenvolvemento dos alumnos que están a formarse nos centros educativos e que empregan a ciencia para contribuír ao progreso e o benestar da sociedade do século XXI.

Neste sentido, a través de ste proxecto afondarase en novas formas e métodos de ensino de STEM -tanto aprendizaxe como avaliación-, nas competencias que precisan ter os docentes, na integración interdisciplinaria destas materias e na súa aplicación no mundo real, así como no desenvolvemento da creatividade e o pensamento crítico no eido das competencias STMD (competencia matemática, competencias básicas en ciencia e tecnoloxía, competencia dixital).

Así mesmo, neste ámbito compártense as boas experiencias e fortalécese e apóiase a rede internacional de profesores de STEM. De feito, unha das actividades previstas neste programa é a elaboración dunha colección de boas prácticas con leccións de vídeo con subtítulos e material de apoio (notas, tarefas, material metodolóxico , etc.) para o uso diario dos profesores.

A duración desta iniciativa é de 24 meses, estendéndose ata o final do próximo curso 2017-2018. Durante este período desenvolveranse múltiples actividades de proxección internacional, como a realización dun curso masivo en liña para proporcionar formación aos usuarios interactivos e para apoiar a interacción de comunidade entre os socios do proxecto, tanto estudantes como profesores, ou un programa de desenvolvemento profesional para os docentes

A maiores da de Galicia, o proxecto conta coa participación do Ugdymo Plétotés Centras (Vilnius, Lituania), do Centro de Recursos educativos e Formaçao (Sesimbra, Portugal), do Epimorf Otiki e Directorat of Secondary Education (Kilkis, Grecia), e da University of Amsterdam Faculty of Science (Holanda).