Educación e Concello de Noia colaborarán na construción dun polideportivo no CEIP Felipe de Castro

O conselleiro e o alcalde asinaron hoxe o convenio para a construción dun novo pavillón, que suporá un investimento de máis de 392.000 euros e contará con bancadas para unhas 100 persoas sentadas

Mar, 30/08/2016 - 20:42
Educación e Concello de Noia colaborarán na construción dun polideportivo no CEIP Felipe de Castro

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e o alcalde de Noia, Santiago Freire; asinaron hoxe un convenio de colaboración para a construción dun pavillón polideportivo no CEIP Felipe Castro, unha nova infraestrutura que absorberá 392.169 euros de investimento dos cales 150.000 serán aportados pola Consellería e o resto polo Concello. O Goberno municipal asumirá tamén as redaccións e aprobacións do proxecto técnico, a dirección de obra, e de execución e a coordinación de seguridade e saúde; así como o mantemento e conservación das instalacións unha vez que entren en servizo.

O novo pavillón vén a suplir a insuficiencia en equipamento deportivo neste Centro de Infantil e Primaria e supón que a comunidade educativa e tamén o resto dos cidadáns de Noia dispoñan dunha infraestrutura axeitada para a práctica do deporte.

O polideportivo terá unha superficie construída de 1.365 metros cadrados, con bancadas para unhas 100 persoas sentadas, vestiarios para os equipos local e visitante, e para árbitros, aseos para público, sala de caldeiras, almacén, pista polideportiva e tres accesos diferenciados (para o colexio, para o público desde o exterior das instalacións escolares, e para os xogadores).

Unha vez construído, o pavillón polideportivo do CEIP Felipe de Castro será para uso da comunidade escolar dentro do horario lectivo. Non obstante, as instalacións poderán ser abertas ao uso xeral da poboación fóra do horario lectivo para fins educativos, deportivos e culturais, sempre que non interfira na programación das actividades do centro.