Título node Learning object

Proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística
Lun, 29/08/2016 - 13:21

Ficha técnica

Proxecta

Institución:

  • Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
    • Secretaría Xeral de Política Lingüística

Ámbito: promoción da cultura / normalización e dinamización lingüística
Definición: o programa consiste en elaborar e desenvolver un proxecto relacionado coa innovación educativa en dinamización da lingua galega no centro de ensino. Para iso, o centro, mediante un traballo en equipo, planificará e desenvolverá accións innovadoras que impliquen e fomenten o uso da lingua galega e á vez promovan o coñecemento cultural para garantir a plena competencia comunicativa.

Vinculación cos ODS da Axenda 2030:

  • ODS 4. Educación de calidade
  • ODS 5. Igualdade de xénero
  • ODS 10. Redución de desigualdades

Temporización: curso completo
Alumnado ao que vai dirixido: centros de educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato, ciclos de formación profesional de grao básico, medio ou superior, ensinanzas de réxime especial, ensinanzas para adultos e centros de educación especial.
Límite de centros participantes: 25
Límite de docentes participantes por centro: mínimo 2 e máximo 10, incluída a persoa coordinadora. Polo menos unha debe pertencer ao EDLG. Na medida do posible, implicarase o maior número posible de membros de diferentes departamentos do centro ou centros participantes.

Criterios de selección:

  1. Prioridade dos centros públicos

  2. Calidade e idoneidade do proxecto

  3. Grao de innovación do proxecto

  4. Grao de implicación da comunidade educativa (alumnado, profesorado, familias e outros) e de repercusión na contorna

  5. Viabilidade do proxecto

Criterios de exclusión

  1. Solicitude que incumpre os requisitos do programa

Persoas responsables:

Nome: Sabela Gil Gil
Departamento: Coordinación Central dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega
Teléfono: 881 996 324
Correo electrónico: isabel.gil.gil@xunta.gal e sxpl.planificacion@xunta.es

PROVINCIA DA CORUÑA
Nome
: Pura Galán Boutureira
Departamento: Coordinación Provincial dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega
Teléfono: 981 184 452
Correo electrónico: puragalan@edu.xunta.es

PROVINCIA DE LUGO
Nome
: Pilar Teijeiro Díaz
Departamento: Coordinación Provincial dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega
Teléfono: 982 294 448
Correo electrónico:  pilar.teijeiro.diaz@xunta.gal

PROVINCIA DE OURENSE
Nome
: Manuela Maseda Sabucedo
Departamento: Coordinación Provincial dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega
Teléfono: 988 687 293
Correo electrónico: mmaseda@edu.xunta.es

PROVINCIA DE PONTEVEDRA
Nome
: Isabel Valiño Ferrín
Departamento: Coordinación Provincial dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega
Teléfono: 986 803 931
Correo electrónico: ivalino@edu.xunta.es


Xustificación

Dada a nova realidade social na que nos movemos e os novos retos que nos propón o futuro, precísase que o uso do galego se amplíe nos centros e se prolongue no ámbito que os rodea, de xeito que a mocidade galega atope nel espazos onde se comunicar con normalidade na lingua propia de Galicia.

Obxectivos

Obxectivo xeral

Fomentar o desenvolvemento de proxectos educativos innovadores que impliquen o uso da lingua galega e que garantan unha plena competencia comunicativa neste idioma, proxectos que valoricen e promovan o seu emprego á vez que potencian habilidades comunicativas e actitudes a prol da lingua e que procuren acadar algún ou varios dos seguintes obxectivos específicos.

Obxectivos específicos

  • Fomentar o galego oral, coa creación de novos ámbitos de uso frecuente, tanto dentro da aula como nas relacións con toda a comunidade educativa, e favorecer a transmisión interxeracional.
  • Mellorar as habilidades e competencias comunicativas do alumnado en galego, especialmente as orais, tanto nos usos coloquiais como en contextos cultos.
  • Achegarlle a lingua e o coñecemento da realidade sociocultural galega ao alumnado procedente do estranxeiro e ás súas familias e, en xeral, incrementar o uso e valoración da lingua galega entre o alumnado neofalante.
  • Colaborar con entidades culturais, asociativas, recreativas e deportivas, así como coas empresas locais ou doutras zonas, para favorecer o emprego da lingua galega e mellorar a súa valoración social.
  • Potenciar o uso e valoración da lingua galega a través das tecnoloxías da información e da comunicación e mediante actividades e produtos, materiais e recursos con formatos atractivos para a xente nova.
  • Estender o emprego da lingua a espazos e temas asociados á modernidade (sobre todo a través das ferramentas TIC) e construír unha imaxe positiva do galego.
  • Fortalecer os vínculos coa lusofonía e con outras realidades lingüísticas como posibilidade de internacionalización da lingua galega.
  • Divulgar entre a comunidade educativa os resultados do proxecto e a súa repercusión na dinamización da lingua.
  • Visualizar o galego nas redes sociais e nas plataformas dixitais máis utilizadas pola xente nova (Twitter, Facebook, Instagram, Tik Tok...)
  • Os centros pódense centrar naqueles obxectivos que consideren máis necesarios na súa contorna. O fomento dun número maior deles valorarase de forma positiva.

Desenvolvemento das competencias clave

  • Competencia en comunicación lingüística
  • Competencia en conciencia e expresións culturais
  • Competencia en aprender a aprender
  • Competencias sociais e cívicas
  • Competencia en sentido de iniciativa e espírito emprendedor

Metodoloxía e temporalización

Metodoloxía

A metodoloxía será activa e colaborativa, orientada á implicación de toda a comunidade educativa mediante a selección de actividades e recursos que sexan motivadores para o alumnado (p. e. relacionados coas TIC, coa gamificación etc.).

Temporalización

  • 1º trimestre: Contacto coas responsables provinciais. Planificación de actividades para o curso; realización das actividades iniciais.

  • 2º trimestre: desenvolvemento das actividades correspondentes. Presentación da solicitude de participación na convocatoria da SXPL de realización de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística (data aproximada de publicación, xaneiro de 2024), no caso dos centros de titularidade pública admitidos no programa (estes deben presentar, obrigatoriamente, a solicitude e o proxecto correspondentes, de acordo coas nas bases da convocatoria).

  • 3º trimestre: realización das actividades previstas; entrega de memoria nos prazos do Plan Proxecta (data aproximada: xuño de 2024).

Actividades

Entre as actividades do programa recóllense as seguintes:

  • Apoio ao profesorado

    O programa ofrece asesoramento telefónico, telemático e/ou presencial do/da coordinador/a provincial, que lle proporcionará ao profesorado información e orientacións tanto na fase inicial como nas distintas fases do desenvolvemento do proxecto.

  • Desenvolvemento do programa:

    • 1º trimestre: Contacto coas responsables provinciais. Planificación e realización; realización das actividades iniciais.
    • 2º trimestre: desenvolvemento das actividades correspondentes. Presentación da solicitude de participación na convocatoria da SXPL de realización de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística (data aproximada de publicación, xaneiro de 2024), no caso dos centros de titularidade pública admitidos no programa (estes deben presentar, obrigatoriamente, a solicitude e o proxecto correspondentes, segundo o indicado nas bases da convocatoria).
    • 3º trimestre: realización das actividades previstas; entrega de memoria nos prazos do Plan Proxecta (xuño-xullo de 2024).

Actividades obrigatorias e prazos de entrega:

  • Concurso:

    O programa prevé unha convocatoria de realización de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística para centros de titularidade pública, participantes ou non no Plan Proxecta. Os 5 mellores proxectos recibirán unha achega económica de 2.000 €. Tamén está previsto conceder 2 mencións de honra, sen dotación económica; as/os docentes participantes que acaden estas achegas económicas recibirán o recoñecemento de Primeiro Premio de Innovación Educativa e as/os que reciban as mencións de honra recibirán unha certificación de Accésit. As bases desta convocatoria publicaranse na web da SXPL e no Portal educativo (data aproximada, xaneiro de 2024).

    Os centros de titularidade pública admitidos neste programa deberán presentar obrigatoriamente a solicitude de participación na devandita convocatoria da SXPL, na que se incluirá o proxecto, coa estrutura que se indica nas súas bases.

Recursos

Produto final

O produto final do programa é un proxecto de innovación educativa en dinamización lingüística (deseño e desenvolvemento). Este proxecto desenvolverá diversas accións que fomenten a dinamización da lingua galega cun enfoque innovador e que teñan un impacto positivo sobre o proceso educativo, a comunidade educativa e a contorna.

O produto final deste proxecto é aberto e dependerá das necesidades de cada centro, en función da súa situación sociolingüística, pero sempre terá como eixe central a dinamización da lingua galega. Pódese optar por estes ou outros exemplos: regueifas, proxectos con códigos QR, realidade aumentada, linguaxes alternativas, aplicacións para móbiles, produtos relacionados coa gamificación (xogos interactivos, videoxogos etc.), producións audiovisuais (filmes, documentais, animacións, musicais...), programas de radio e TV, exposicións virtuais, guías turísticas dixitais, robótica etc. Recoméndase, en xeral, optar por produtos que impliquen o uso das TIC e das TAC e que poidan ser empregados tamén fóra da aula.

Criterios de avaliación da memoria final

Criterios xerais do Plan Proxecta

1. Creación dunha rede de traballo cooperativa na comunidade educativa entre alumnado, profesorado, familias e/ou institucións da contorna. Valorarase especialmente a participación activa do alumnado no desenvolvemento do proxecto (toma de decisións, realización do produto final etc.).

2. Interdisciplinariedade (achegas desde distintos departamentos didácticos, disciplinas ou materias) e transferibilidade do proxecto.

3. Impacto e difusión do proxecto. É imprescindible incorporar na memoria, a través de ligazóns (páxinas web, blogs etc.), evidencias gráficas e/ou documentais do traballo realizado que permitan constatar o desenvolvemento do proxecto.

Criterios específicos do programa

4. Consecución dos obxectivos expresados no proxecto e vinculación destes coa dinamización da lingua galega.

5. Grao de innovación do proxecto en relación coa dinamización da lingua galega.

6. Idoneidade das accións e produtos realizados no marco do proxecto e contribución destes ao aumento do uso e da valoración positiva da lingua galega.

 

Selección de boas prácticas

  • Exemplos de boas prácticas en proxectos de innovación en dinamización lingüística: ligazón.

Menús Learning object node R