Título node Learning object

Moitavista na Escola
Mér, 17/08/2016 - 14:21

Ficha técnica

Proxecta

Institución:

  • Consellería de Emprego e Igualdade
    • Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA)

Ámbito: prevención
Definición: sensibilización sobre a importancia da prevención de riscos asociados á contorna escolar e promoción de condutas seguras e saudables.

Ofrece 3 modalidades:

a) Prevención en seguridade
b) Prevención en riscos hixiénicos
c) Prevención de riscos ergonómicos e psicosociais

Vinculación cos ODS da Axenda 2030:

  • ODS 3. Saúde e benestar
  • ODS 4. Educación de calidade

Temporización: curso completo
Alumnado ao que vai dirixido: 3º, 4º, 5º e 6º de primaria
Límite de centros participantes: 10

Criterios de selección:

1. Idoneidade e calidade do proxecto
2. Fomento da cultura preventiva
3. Contextualización dos riscos e das actividades propostas na realidade cotiá do alumnado

Persoas responsables:

Nomes: Alberto Conde Bóveda e Héctor Gónzalez Novoa
Departamento: Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA)
Teléfono: 881 999 398 e 988 386 391
Correo electrónico: aconde@xuntal.gal e hector.gonzalez.novoa@xunta.gal 


Xustificación

A Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020 (prorrogada no 2021) no seu obxectivo 6 destaca a importancia da formación en prevención de riscos no período escolar e nas etapas prelaborais, como base na que afianzar a xeración dunha conciencia preventiva no conxunto da sociedade. En particular, propón como primeira liña estratéxica deste obxectivo consolidar a integración da formación en prevención de riscos laborais nas diferentes etapas do sistema educativo co fin de asentar a cultura preventiva na nosa sociedade desde as primeiras etapas.

Para previr a accidentalidade desde a infancia cómpre incidir na adquisición da conciencia do risco, na toma de decisións consciente e da adquisición de hábitos de conduta saudables co fin de que sexa o propio alumnado un axente activo na redución dos accidentes e no fomento das condutas seguras.

O ISSGA conta coa Escola Galega de Prevención, que ten como obxectivo que os nenos e as nenas integren o concepto de prevención, de xeito transversal e fronte aos riscos que lles son propios, dende os primeiros anos da súa formación e ata a súa incorporación ao mercado laboral, introducindo a cultura preventiva dun xeito didáctico, ameno e adecuado á súa idade. Pártese da base de que os nenos e as nenas de hoxe son os traballadores e traballadoras do futuro e que este momento é o máis doado para introducir a cultura preventiva a través da aprendizaxe de condutas positivas que quedarán asentadas na súa personalidade.

A Escola adecúase aos riscos que se identifican máis prominentes nas primeiras etapas escolares. Así, visualízanse riscos no fogar, na rúa e na escola, fomentando que o alumnado adquira conciencia da seguridade nas actividades que desenvolve a diario, e tamén co fin de que actúe como motor de cambio nas actividades que realizan os seus proxenitores e na súa contorna.

No marco da Escola Galega de Prevención, xorde o desenvolvemento do Programa Moitavista na Escola, co obxectivo de fomentar os vínculos cos centros educativos, intercambiar información e dar difusión das actividades conxuntas.

Neste curso académico 2021-2022 hai circunstancias excepcionais debido á situación de pandemia internacional provocada polo coronavirus COVID-19. Este programa propón ao profesorado e o alumnado a posibilidade de traballar en materia de prevención de riscos e saúde pública, entendendo que este momento excepcional ao mesmo tempo ofrece tamén unha ventá de oportunidades para aprender.

 

Desenvolvemento de competencias clave

  • Competencia en comunicación lingüística
  • Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía
  • Competencia dixital
  • Competencia en aprender a aprender
  • Competencia en sentido de iniciativa e espírito emprendedor
  • Competencia en conciencia e expresións culturais

Palabras clave

Accidentes domésticos. Acoso escolar. Cultura preventiva. Ergonomía. Estrés. Hábitos de vida saudables. Medidas preventivas. Prevención de riscos. PVD (=pantallas de visualización de datos). Riscos (risco eléctrico, risco químico). Saúde

Modalidades de participación

Os centros poderán solicitar o número de modalidades que queiran. Os temas que se abordarán en cada modalidade son os seguintes:

Modalidade A: Prevención en seguridade

  • Caídas a diferente nivel: escaleiras, rampas, mobiliario, ventás abertas...

  • Electricidade: protección de enchufes, altura á que están os enchufes, aparatos eléctricos...

  • Emprego de utensilios e materiais: tesoiras, punzóns, grampadoras...

  • Lumes e altas temperaturas: cociña, forno...

  • Portas: proteccións para non pillar os dedos, pestillos...

  • Zonas de recreo: patios, áreas recreativas, centros comerciais, etc.: seguridade cos columpios, vixilancia activa, eliminación de obxectos perigosos (cristal, pedra...).

Modalidade B: Prevención de riscos hixiénicos

  • Uso seguro de produtos de hixiene e limpeza. Precaucións ante os líquidos tóxicos: útiles limpeza, xardinería, material escolar coma colas, transvases líquidos...

  • Adquisición de hábitos de hixiene: lavado de mans, emprego de luvas se é necesario, etc.

  • Prevención fronte ao coronavirus. Medidas adoptadas no colexio e na casa. Uso de máscara, distancias de seguridade interpersoal, lavado de mans, etc.

Modalidade C: Prevención de riscos ergonómicos e psicosociais

  • Ergonomía: pesos na mochila, posturas na mesa de estudo...

  • Estrés. Acoso escolar. Condutas preventivas

  • Organización do traballo e das tarefas escolares

  • Hábitos de vida saudables. Práctica de deportes

Obxectivo xeral

O obxectivo do programa é a prevención dos riscos na infancia e na adolescencia. O programa inclúe dúas vertentes:

  • a formación do alumnado na prevención de riscos para lograr a maior autonomía posible dentro da súa idade e a sensibilización ante os riscos

  • a toma de medidas de protección da súa contorna.

Pártese da base de que os nenos e as nenas de hoxe son os traballadores e traballadoras do futuro e que este momento é o máis doado para introducir a cultura preventiva a través da aprendizaxe de condutas positivas que quedarán asentadas na personalidade .

A actuación do profesorado ten pois un dobre obxectivo para conseguir abrir un proceso de reflexión e unha acción decidida a prol da cultura preventiva:

  • protexer a contorna escolar co obxecto de garantir as medidas de seguridade no centro

  • fomentar a cultura preventiva como valor educativo co alumnado para fomentar a prevención de riscos.

  • Os obxectivos xerais propostos son os seguintes:

  • Identificar e coñecer os elementos de risco habituais na escola e na casa.

  • Distinguir as situacións de risco cotiás e entender a importancia de tomar precaucións para evitalas.

  • Adoptar procedementos seguros antes estas situacións e elementos de risco.

Obxectivos específicos

PARA O ALUMNADO

1) Identificar e coñecer situacións e elementos de risco na vida cotiá:

  • Xestionar a prevención dos riscos habituais na súa contorna: no fogar, na escola e na rúa.

  • Coñecer as obrigas e recomendacións derivadas das situacións derivadas dunha pandemia

  • Identificar os riscos eléctricos no fogar e na escola.

  • Coñecer os perigos de manipulación do lume e altas temperaturas.

  • Recoñecer os riscos asociados a actividades de tempo de lecer (xogos no parque, áreas recreativas e centros comerciais, seguridade viaria...).

  • Identificar os produtos químicos habituais na súa casa, recoñecer a os seus pictogramas etiquetaxe e coñecer os riscos que producen.

  • Identificar os riscos elementais de ergonomía na aula e con PVD.

  • Coñecer os riscos asociados á sobrecarga psicolóxica e ao estrés propio da vida actual e desenvolver estratexias..

  • Recoñecer situacións de acoso escolar e ciberacoso e desenvolver estratexias para xestionar estes problemas.

  • Coñecer o concepto de accidente laboral e a prevención de riscos no traballo.

  • Recoñecer a sinalización de seguridade en distintos contextos: sinais de perigo, prohibición, sinais de alarma, etc.

2) Desenvolver habilidades de prevención do risco e adoptar procedementos seguros:

  • Implicarse na recollida e orde dos obxectos da aula e xoguetes despois de usalos.

  • Manipular obxectos, ferramentas e materiais didácticos con seguridade (obxectos cortantes, tesoiras, punzóns, chinchetas, pinturas, colas...).

  • Evitar situacións de risco eléctrico e altas temperaturas. Manexar en condicións de seguridade enchufes, aparellos eléctricos, etc.

  • Usar protectores e calzado adecuado para aquelas actividades deportivas que o precisen (casco coa bicicleta, protección para os xeonllos cos patíns, etc.).

  • Adoptar medidas hixiénicas básicas: limpar as mans antes de comer, non tusir cara aos compañeiros, etc. Recoñecer aquelas derivadas dunha situación de pandemia

  • Manter volumes de son adecuados nas aulas (ton de voz, berros, música, etc.).

  • Coñecer e aplicar normas básicas de seguridade viaria na realización de percorridos habituais.

  • Utilizar sistemas axeitados de levantamento e transporte de pequenas cargas.

  • Manexar os equipos informáticos adecuadamente (posición correcta, iluminación, horarios, etc.).

  • Desenvolver respostas axeitadas ante situacións de perigo, atragantamentos de compañeiros, mordeduras de animais, intoxicacións, etc.

3) Adquirir valores preventivos:

  • Valorar a importancia de adoptar medidas de prevención do risco na vida cotiá.

  • Valorar a importancia de fomentar a orde e limpeza na escola e no fogar.

  • Valorar a importancia de desenvolver a súa actividade coa maior autonomía e seguridade posibles.

PARA O PROFESORADO

  • Adquirir a conciencia do risco, nos centros educativos, no fogar do alumnado e nos espazos onde se desenvolven actividades deportivas e culturais.

  • Fomentar a cultura preventiva entre o alumnado para favorecer a identificación dos riscos e a adopción de prácticas seguras ao longo da vida.

  • Favorecer a análise da área da prevención nesta realidade complexa en dous planos que se complementan: o persoal (como individuo) e o colectivo (social) e as responsabilidade que supoñen.

  • Sensibilizar o alumnado sobre os accidentes no ámbito doméstico, escolar, actividades de ocio e laboral.

  • Fomentar os principios de orde e limpeza entre o alumnado, o coidado no manexo das ferramentas de traballo e do material manipulable.

  • Dar a coñecer os equipamentos de protección adecuados na práctica deportiva ademais de garantir a hidratación.

  • Sensibilizar sobre a mellora das condicións hixiénicas das aulas e corredores.

  • Impartir formación básica sobre os pictogramas de perigo e advertencia dos produtos químicos.

  • Dar a coñecer os principios básicos de seguridade viaria nos desprazamentos habituais do alumnado.

  • Fomentar a participación do alumnado en actividades orientadas ao recoñecemento dos sinais de seguridade: perigo, prohibición, salvamento, etc.

  • Formar o alumnado en principios ergonómicos: manexo de pequenas cargas, levantamento de pesos, emprego de mochilas, posturas na mesa de estudo e cos equipamentos informáticos, saltos, etc.

PARA A COMUNIDADE EDUCATIVA

  • Colaborar co alumnado na identificación de riscos no fogar, na rúa e nos espazos no que desenvolven actividades de tempo libre.

  • Coñecer as situacións e os elementos de risco no fogar (bolsas de plástico, pezas pequenas, produtos químicos, medicamentos).

  • Promover condutas preventivas (orde e limpeza, manipulación dos xoguetes, manipulación de obxectos domésticos, ergonomía, iluminación, hidratación, exposición solar).

  • Fomento de prácticas seguras nas tarefas domésticas relacionadas coa calor e co lume: riscos de altas temperaturas na cociña, pautas ante os incendios domésticos, extintores no edificio, etc.

  • Tomar precaucións e adoptar recomendacións sobre a protección dos produtos de limpeza, xardinería e bricolaxe.

  • Identificación de riscos eléctricos. Riscos no manexo de electrodomésticos, pequenas reparacións domésticas e explicar as medidas preventivas que se deben adoptar.

  • Aproveitar os paseos e saídas para visibilizar na rúa as materias desenvoltas na aula: sinais de seguridade en espazos públicos, sinais de tráfico, cintos de seguridade no transporte, equipamentos de prevención de riscos nos traballadores da rúa, etc.

  • Fomentar a realización de actividades deportivas e lúdicas encamiñadas á consecución de hábitos de vida saudables.

Metodoloxía recomendada

Proponse...

  • Análise da situación: identificar os riscos existentes nunha contorna definida (fogar, escola, instalacións deportivas, etc.) que poden provocar lesións infantís e as súas consecuencias.

  • Descrición de causas: recoller información con datos numéricos e cualitativos, coñecer a súa frecuencia e avaliar as circunstancias que poden provocar as lesións e aumentar a súa gravidade.

  • Proposta de melloras: desenvolver accións que preveñan as lesións infantís identificadas anteriormente de acordo coas causas descritas. Promover as prácticas idóneas.

Temporización

A temporización abarca todo o curso escolar. Establécense tres bloques de traballo diferenciados, e terase en conta que a situación sanitaria permita desenvolvelos.

  • Primeiro trimestre

    • Para os docentes:

      • Planificación e cronograma das activdades que realizarán no curso

      • Organización conxunta do equipo participante e presentación do programa ao alumnado

    • Para o alumnado:

      • Coñecemento do programa

      • Primeiros achegamentos á materia: identificación de contexto e conceptos

Tarefa final do trimestre: elaboración de cronograma e presentación do programa

  • Segundo trimestre

    • Para os docentes:

      • Identificar fontes de información e recursos formativos existentes vinculados ao ámbito (organismos con competencia na materia, web, publicacións...).

      • Ogganización conxunta do equipo docente por materias.

      • Explicación da metodoloxía, organización das tarefas, supervisión do traballo realizado polo alumnado, etc.

    • Para o alumnado:

      • Traballo de diagnose e descrición das consecuencias de nos adoptar medidas adecuadas

      • Sensibilización e análise de elementos e situacións de riscos (proposta de actividades):

        • Recollida de novas en medios de prensa durante un período de dúas semanas de accidentes laborais

          • Recompilación de experiencias próximas de accidentes domésticos

      • Propoñer que o alumando reflexione sobre os equipamentos de traballo ou tarefas domésticas que coñece e os relacione cos traballos ou actividades habituais dos proxenitores (cascos, guantes, valas de protección, máscaras, campás extractoras, chaleco reflectores, chalecos salvavidas etc.)

      • Toma de contacto con equipos de protección individual (EPI) (xornada con familias), caixas de primeiros auxilios, materiais de protección de laboratorios, extintores, equipos de protección deportivos, etc.

      • Estudar principios ergonómicos: física e pesos, hixiene postural, principios das poleas, etc.

Tarefa final do trimestre: actividades desenvoltas de toma de contacto, recoñecemento dos riscos na contorna, recompilación de información, etc.

  • Terceiro trimestre

    • Para os docentes:

      • Facilitar a participación do alumnado nas actividades e recursos existente (ver epígrafe de bibliografía)

      • Dirixir o traballo final do alumnado proposto. Entrega de produto final na primeira quincena de maio

      • Presentación do traballo final: 2ª quincena maio/1ª quincena xuño

    • Para o alumnado:

      • Actitude preventiva e mellora dos procedementos

      • Desenvolver actividades orientadas a establecer procedementos de actuación seguros (ver epígrafe de bibliografía)

      • Visita ao centros do Issga da Coruña ou de Rande, da Escola Galega de Prevención (participación voluntaria), se a situación sanitaria e as obrigas derivadas nos ámbitos académicos e laborais o permiten.

      • Realizar o traballo final de curso

      • Presentar o traballo final de curso nunha xornada conxunta no centro do Issga da Coruña ou de Rande (participación voluntaria)

Tarefa final do trimestre: presentación do traballo final do curso

Actividades e recursos

Entre as actividades do programa recóllense as seguintes:

  • Apoio ao profesorado: telefónico para favorecer a sensibilización e información inicial ao profesorado cando se precise, para inicio de traballo na aula.

  • Xornada final de presentación de traballos finais : o Issga acollerá a xornada de presentación dos proxectos dos centros para favorecer a identificación e transferibilidade das boas prácticas no centro do Issga da Coruña. A xornada final terá lugar entre maio e xuño e desenvolverase en xornada de mañá; nesta presentación o alumnado terá unha participación activa, se a situación sanitaria e as obrigas derivadas nos ámbitos académicos e laborais o permiten.

  • Visita á Escola Galega de Prevención do Issga: a Escola ofrece as súas instalacións para realizar visitas escolares. Idade recomenda: 8-12 anos. Grupo máximo: 30 alumnos/día (divididos en 2 grupos). Duración: 1.30-2.00 h. A actividade principal da escola desenvólvese nun espazo dividido en tres zonas diferenciadas por cores: equipamento (verde), audiovisual (amarelo) e documentación e actividades (vermello). En todas elas a información se estrutura en catro grandes bloques temáticos: na casa, na rúa, na escola e no fogar. Na zona de equipamento equípanse con cascos e chalecos e fanse unha foto que posteriormente poderá baixarse da páxina web da Escola. Hai catro grandes paneis informativos con mensaxes claras e directas. Na zona audiovisual proxéctase un vídeo relacionado coa prevención de riscos e interactúase con eles sobre o seu contido. Por último, na zona de documentación e actividades, poden consultar publicacións, pasatempos e cómics relacionados coa prevención, acceder nos equipos informáticos a diversos recursos web, aprender a través de diferentes escenarios a distinguir accións correctas e incorrectas, probar diferentes equipos de protección individual na zona de espellos como por exemplo cascos, gafas, luvas, arneses de seguridade, etc., así como diversos xogos de imáns e cubos relacionados con diferentes profesións e varios paneis e lonas con recomendacións que lles permitan integrar a prevención no día a día. Estas visitas poderán realizarse se a situación sanitaria e as obrigas derivadas nos ámbitos académicos e laborais o permiten.

  • Material didáctico: o programa ofrece a posibilidade de desenvolver tarefas de aula (véx. Bibliografía).

  • Actividades proposta nas publicacións Erga Primaria do INSST. Actividades de prevención de risco químico. Etiquetaxe e pictogramas.
    Tarefas relacionadas cos pictogramas de sinalización de perigo.
    Actividades de seguridade viaria. Accións de promoción da saúde.

  • Participación de xornada conxunta coas familias

  • Documentación descargable na web da Escola: Carteis. Trípticos informativos. Guía de seguridade viaria. Cómics, pasatempos, minicontos, xogos.

Webs de referencia:

Produto final

O programa ofrece distintas propostas de produtos finais aos centros:

  • Dramatización: posta en escena de situacións de risco e medidas preventivas que se deben adoptar. Exemplo: Moitollo no fogar, Moitavista camiño da escola...

  • Protocolos da actuación coas ferramentas de estudo e prevención (PVD, ergonomía etc.).

  • Decálogos de boas prácticas ante determinados riscos (eléctrico, químico, incendios, ergonómicos, hábitos de vida saudables etc.).

  • Identificación dos riscos nun espazo concreto: exemplo, na aula, na casa e adopción de medidas preventivas.

  • Escolma de prensa sobre prevención de riscos e sinistralidade e reflexión do alumnado. Realización dun periódico imaxinario “en positivo”; accidentes que non ocorreron polas medidas adoptadas.

  • Creación dun cómic con temática prevención.

  • Produción dunha publicación (realista ou de ficción) con situacións habituais dos escolares e actitudes positivas ante situacións de risco.

  • Elaboración dun xogo de mesa con temática de prevención (exemplos: dominó, emparellamentos relacionando accidente-medida preventiva ou elemento de risco-medida preventiva, preguntas e respostas etc.).

  • Creación dun circuíto simulando unha evacuación por incendio, no que se adopten pautas básicas de seguridade: chamar ao 112, empregar saídas de emerxencia sinalizadas, rodar polo chan se fose necesario etc.

  • Taller de disfraces de oficios enfatizando o uso de EPI en cada oficio.

  • Mural, collage, exposición... con sinxelas recomendacións de seguridade para o uso das instalacións do centro.

  • Representación musical ou teatral con percusión corporal, rimas ou cancións para musicar as aprendizaxes adquiridas polo alumnado.

Criterios a a avaliación das memorias finais

Criterios xerais do Plan Proxecta

  1. Creación dunha rede de traballo cooperativa na comunidade educativa entre alumnado, profesorado, familias e/ou institucións da contorna. Valorarase especialmente a participación activa do alumnado no desenvolvemento do proxecto (toma de decisións, realización do produto final etc).

  2. Interdisciplinariedade (achegas desde distintos departamentos didácticos, disciplinas ou materias) e transferibilidade do proxecto.

  3. Impacto e difusión do proxecto. É imprescindible incorporar na memoria, a través de ligazóns (páxinas web, blogs etc), evidencias gráficas e/ou documentais do traballo realizado que permitan constatar o desenvolvemento do proxecta

Criterios específicos

  1. Correspondencia entre os obxectivos didácticos previstos relacionados coa prevención de riscos e as actividades desenvolvidas.

  2. Programación de actividades con carácter de continuidade ao longo do curso escolar: enfoques variados e secuencias (introdutorias, reflexivas, de desenvolvemento, etc.), tarefas variadas, etc.

  3. Relación entre as actividades propostas e a realidade cotiá do alumnado: relación cos intereses e coñecementos previos do alumnado, participación das familias, recoñecemento de situacións de risco na escola/contorna/casa etc.

 

Menús Learning object node R