Encontre a súa información...

Aulas I+I: Inclusivas e Igualitarias
Mér, 17/08/2016 - 11:12
[actualizado o 19/09/2016]
 

Ficha técnica

Proxecta

Institución:

  • Consellería de Política Social
    • Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade. Subdirección Xeral de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia
  • Asociación TADEGa

Ámbito: convivencia / igualdade
Definición: identificación, posta en valor e activación de estratexias que favorecen a inclusión das persoas con capacidades diferentes nas aulas.
Temporización: curso completo
Alumnado ao que vai dirixido: 5º e 6º de educación primaria, 1º e 2º da ESO
Límite de centros participantes: 5

Criterios de selección:

  1. Priorizarase a participación de centros públicos.
  2. Idoneidade e calidade do proxecto.
  3. Porcentaxe do profesorado implicado no programa.
  4. Participación do Departamento de Orientación e da Dirección do centro.
  5. Experiencia previa na elaboración de produtos audiovisuais.

Persoas responsables:

Nomes: Feliciano José Couto Escanciano
Departamento: TADEGA
Teléfono: 607 335 460
Correo electrónico: felo@edu.xunta.es

Xustificación

A inclusión no ámbito educativo é unha tarefa que está aparentemente resolta, con todo cómpre trasladarlle ao contorno educativo a necesidade de avanzar nela para desenvolver as mellores estratexias para levala á práctica.

A educación inclusiva manifesta avances significativos, malia que aínda non pasamos do formal ao real. Cómpre seguir a traballar para que a escola inclusiva sexa unha realidade. Ser inclusivo/a pasa necesariamente por adoptar na vida unha idea das capacidades diferentes e diversas das persoas diferente á que tiñamos ata hoxe, unha actitude de convivencia aberta e de crenza na dignidade, capacidade e posibilidades sen facer distingos nin apartes e comezando polos centros de ensino.

Este programa deseña esta aprendizaxe para levala aos centros, abre espazos nos que ver e palpar dignamente a inclusión, permite que os resultados acadados non queden ocultos senón expostos nun produto final elaborado polo centro no que os seus protagonistas expresan as súas reflexións, e a obra producida compártese co resto da comunidade educativa.

Obxectivo xeral

O obxectivo do programa Aulas I+I (aulas inclusivas e igualitarias) é sensibilizar a comunidade educativa da necesidade de afondar nas estratexias que favorezan a inclusión das persoas con diversidade funcional nas aulas xa que ainda que  a inclusión é unha realidade integrada nas aulas, resulta necesario desenvolver estratexias para levala á práctica dun xeito efectivo e identificar cales delas son as mellores para favorecela.

Os obxectivos xerais do programa son os seguintes:

  • Reflexionar sobre as posibilidades e os atrancos do alumnado con capacidades diferentes na escola.
  • Potenciar que o alumnado sexa parte activa na toma de decisións.
  • Producir un cambio metodolóxico nas aulas, que dea cabida a todo o alumnado.
  • Formar o profesorado nos procesos de igualdade e dereitos das persoas con capacidades diferentes.
  • Coñecer experiencias escolares inclusivas de éxito na escola.

Palabras clave

Calidade. Convivencia. Discapacidade. Diversidade funcional. Empoderamento. Equidades. Igualdade. Inclusión. Respecto. Solidariedade. Tecnoloxía dixital. Xustiza.

Obxectivos específicos

PARA O ALUMNADO

  • Identificar condutas sociais excluíntes.
  • Desenvolver técnicas de traballo cooperativo que favorezan a empatía co alumnado máis desfavorecido (simulación de casos, xogos de rol...).
  • Valorar o traballo cooperativo como unha estratexia de solidariedade necesaria para a vida en comunidade.
  • Deseñar ou elaborar recursos creativos, dixitais... que favorezan a inclusión.
  • Lograr un coñecemento práctico sobre as diferenzas mais salientables que se atopan na aula/escola.

PARA O PROFESORADO

  • Definir o que se entende por exclusión, segregación, integración e inclusión.
  • Definir o que se entende por diversidade funcional.
  • Abordar o tratamento conceptual sen incorrer en usos discriminatorios da linguaxe.
  • Rebaixar os niveis de autocompracencia cos obxectivos conseguidos na inclusión.
  • Poñer en práctica estratexias ou metodoloxías que favorezan a integración de todo o alumnado nas dinámicas de aula.
  • Realizar actividades que favorezan o contacto coa diversidade funcional para poñer en práctica as aprendizaxes adquiridas.
  • Coñecer experiencias escolares inclusivas de éxito na escola.
  • Identificar as potencialidades do alumnado.
  • Formarse nos procesos de igualdade e dereitos das persoas con capacidades diferentes.
  • Mellorar as estratexias para que os grupos humanos funcionen por solidariedade e por empatía.
  • Avaliar a idoneidade dos espazos e dos recursos físicos e humanos do centro que favorecen a inclusión (portas, pupitres, ascensores, aseos, accesos, equipos informáticos, dotación tecnolóxica, profesorado especialista...).
  • Implicar o centro e as familias nas accións desenvolvidas para que a integración sexa un obxectivo compartido.
  • Establecer canles de participación para o alumnado e o resto da comunidade educativa onde poder debater e delatar as cuestións de interese.
  • Favorecer o contacto e o traballo en rede entre centros participantes no programa ou centros de referencia no ámbito da inclusión (ex. TADEGA, ASPANAES, ASPRONAGA, CPI José García García, Cruz Vermella, etc.).

PARA AS FAMILIAS

  • Lograr que as familias acollan a diversidade das aulas como un valor engadido e inherente á diversidade dos grupos humanos.
  • Lograr a participación activa das familias nalgunhas actividades desenvolvidas ao abeiro da participación no programa.
  • Colaborar coas familias na busca das potencialidades do alumnado, para que toda a comunidade educativa traballe polos mesmos obxectivos, deben coñecer e recoñecer para mellorar.

Metodoloxía recomendada

Abordarase unha proposta metodolóxica de aprendizaxe por proxectos baseada en dinámicas activas, cooperativas e contextualizadas, centradas na experiencia práctica do alumnado sobre o seu contorno inmediato. O centro deseñará actividades para levalas a cabo no propio centro dentro dun proxecto interdisciplinario que inclúa elementos do currículo de diversas materias, áreas, ámbitos ou módulos e que se integre nas programacións específicas do profesorado participante e na programación xeral anual.

O centro contará co apoio do equipo de Tadega e cooperativamente cos responsables dos outros centros a través da aula virtual e resolver dubidas, atender propostas de actividades suxeridas, etc.

Temporización

A temporización abarca todo o curso escolar.

Desenvolverase en tres fases:

  • Xornada de autoavaliación inicial. Avaliaranse os preconceptos e as experiencias previas do profesorado.
  • Desenvolvemento de actividades do centro e no centro.
  • Posta en común dos traballos. Xornada de posta en común.

O traballo distribuirase do seguinte xeito ao longo do curso:

  • 1º trimestre:
    • xornada de autoavaliación inicial (unha única sesión presencial)
    • seguimento a través da Aula Virtual
    • asistencia dos técnicos do programa no centro
    • deseño de actividades no centro
  • 2º trimestre:
    • proxección do filme "Vida" e do making off "Máis ca Vida"
    • actividades na Aula Virtual
    • desenvolvemento de actividades no centro
    • apoio no centro do equipo do filme
    • deseño do produto final
  • 3º trimestre:
    • elaboración do produto final
    • desenvolvemento de actividades no centro
    • xornada final de posta en común (lugar por determinar)

Actividades e recursos

Entre as actividades do programa recóllense as seguintes:

  • Formación do profesorado:
    • Xornada de autoavaliación inicial
      Obrigatoriedade: a esta actividade deben asistir cando menos 3 docentes do centro (preferiblemente con docencia directa na/s aula/s que participan no proxecto). O axeitado sería que asistise o seu titor ou titora.
      Modalidade: presencial
      Núm. horas: 3 h
      Data: día sen determinar (1º trimestre)
      Lugar: sen determinar
      Prazas: sen determinar
      Observacións prazas: prioridade para docentes do programa 'e '. Está aberto a todos os docentes que o queiran solicitar.
      Web de acceso ao curso:
    • Curso de formación
      Referencia: sen determinar
      Centro de formación e recursos: CAFI
      Modalidade: rede
      Núm. horas: 50
      Temporalización: 
      Data límite de inscrición: sen determinar
      Lugar: sen determinar
      Prazas: sen determinar
      Observacións prazas: pechada para para docentes do programa.
      Web de acceso ao curso: Aula Virtual do CAFI
  • Apoio ao profesorado: telefónico ou presencial do equipo de TADEGa para favorecer a sensibilización e información inicial ao profesorado cando se precise, para inicio de traballo na aula. Asistencia no centro do equipo audiovisual.
  • Actividades complementarias (no centro):
    • Proxección de "Vida" e "Máis ca Vida"
    • Colaboración cos creadores de "Vida" para desenvolver actividades de aula
  • Actividade extraescolar (saídas): ofrecerase que o alumnado participe na Xornada de Posta en Común Final; inclúe sesións de traballo, de convivencia e sesión lúdico-festiva.
  • Material didáctico: o programa ofrece os seguintes materiais:
    • Curtametraxe "Vida" (17 min)
    • Dossier "Vida"
    • Documental "Máis ca vida" (50 min)
    • Guión dos produtos audiovisuais
    • Orientacións de traballo: seleccionar temáticas para traballar (diversidade funcional, inclusión, autoconcepto, familia, relacións persoais, formación, integración laboral, relacións de parella, lecer, sexualidade, mobilidade, prexuízos...).
  • Webs de referencia:
  • Outras webs de interese:
  • Bibliografía de referencia:
  • Listaxe de recursos e de centros de referencia:
  • Materiais educativos e pedagóxicos de referencia (como transmitir as capacidades diferentes ao alumnado, coñecementos básicos e técnicos sobre as distintas diversidades)

Produto final

  • Aberto, centrado no ámbito audiovisual. Dispoñerase dunha web para visibilizar o traballo dos centros.

Criterios específicos para a avaliación das memorias finais

Ao final do curso escolar, as persoas responsables do programa valorarán a idoneidade dos proxectos desenvolvidos en función dos seguintes criterios específicos:

  • 1-3: criterios xerais do Plan Proxecta
  • 4: nivel de implicación e participación do alumnado e do profesorado
  • 5: grao de elaboración das actividades realizadas e do produto final
  • 6: rigor no nivel de profundización na autoavaliación final e na reflexión