Título node Learning object

Conecta Cultura (Educación Intercultural)
Mér, 17/08/2016 - 11:08

Ficha técnica

Proxecta

Institución:

  • Conselllería de Política Social
    • Subdirección Xeral de Inclusión e Integración Social
  • Asociación Diversidades

Ámbito: solidariedade / interculturalidade
Definición: ofrecer un marco de reflexión e acción que dote de ferramentas didácticas para a abordaxe positiva da multiculturalidade co fin de convertela en interculturalidade
Temporización: curso completo
Alumnado destinatario: ESO, especialmente os  cursos de 2º e 3º ESO e 5º, 6º de EP (CPI)
Límite de centros participantes: 8 centros

Criterios de selección:

1.  Prioridade á participación de centros onde se dea maior pluralidade cultural
2. Prioridade á participación dos centros públicos
3. Prioridade aos centros que inclúan a abordaxe da diversidade cultural no seu Proxecto Educativo
4. Procurarase a representatividade territorial seleccionando dous centros por provincia

Persoas responsables:

Nomes: Belén Arranz Núñez, Laura Gómez Fernández, Santiago González Avión
Departamento: Asociación Diversidades
Teléfono: 886 117 990/ 604 028 247/669 794 398
Correo electrónico: belen.arranz@diversidades.org,laura.gomez.fernandez@diversidades.org,santiago@diversidades.org,
Web: http://diversidades.org/

Xustificación

Os nosos centros educativos, igual ca os do resto dos países comunitarios, están a experimentar unha profunda transformación pola crecente presenza de alumnado doutras culturas e procedencias como resultado das novas tendencias migratorias de carácter internacional. De feito, o noso país pasou nas últimas décadas de ser un país principalmente de emigrantes a converterse en país de referencia de acollida de inmigrantes de diversos lugares, etnias, costumes, linguas e relixións. Pola súa banda, e centrándonos no contexto educativo, é evidente a existencia de aulas multiculturais. Os profundos cambios sociais que se derivaron da incorporación nas nosas aulas e escolas de numerosos grupos de nenos e nenas inmigrantes esixe a revisión das estratexias educativas e a reapertura dun proceso de reflexión sobre os seus valores e obxectivos docentes.

Nesta liña, sendo os docentes os principais axentes na educación intercultural, cómpre que se doten de ferramentas que lles sirvan para afrontar e dar resposta ás diferentes situacións no contexto educativo, onde a diversidade e a heteroxeneidade do alumnado é a clave.

Obxectivo xeral

"Conecta Cultura" é un proxecto de desenvolvemento intercultural, con propostas educativas específicas para alumnado e profesorado que ten como finalidade dotalos de ferramentas prácticas e didácticas para fomentar a interculturalidade, favorecer a aceptación da diversidade social mediante unha serie de actividades educativas e de sensibilización para facer as nosas escolas máis interculturais e inclusivas.

O programa procura:

  • Formar o alumnado na comprensión da diversidade cultural da sociedade actual e na adquisición de coñecementos, actitudes e habilidades en diversas culturas que lle permitan e favorezan a súa interacción con persoas e grupos doutras culturas que con el conviven.
  • Desenvolver talleres de sensibilización respecto da diversidade cultural e da aceptación das diferenzas individuais.
  • Desenvolver actitudes, coñecementos e destrezas necesarias para comprender distintas perspectivas culturais e adquirir estratexias de orientación culturalmente apropiadas.
  • Proporcionarlle ao profesorado materiais e ferramentas didácticas orientadas a fomentar a educación en valores, a igualdade de oportunidades e a loita contra a discriminación desde a sensibilización no ámbito educativo.
  • Facilitar ao centro educativo instrumentos para o desenvolvemento da educación intercultural a través dos documentos de organización interna (ex. Plan de Acollida do Alumnado, Plan de Convivencia, Proxecto Lingüístico, Proxecto Educativo do Centro).
  • Promover unha cultura participativa nos centros educativos, facilitadora dun maior protagonismo de toda a comunidade educativa e especialmente das familias.
  • Traballar coas familias e co profesorado conxuntamente nos temas da diversidade cultural e propostas de actividades onde os dous axentes involúcrense e teñan un papel activo no proceso.
  • Apoiar as escolas para a comprensión dos antecedentes, a cultura da familia, así como os obxectivos que estas se expoñen para os seus fillos.
  • Afondar nas estratexias de comunicación coas familias para achegar información sobre os programas escolares e o progreso do alumnado.
  • Capacitar os educadores para traballar con voluntariado que apoie aos estudantes e á escola.
  • Capacitar as familias en valores positivos ante a diferenza e a diversidade.
  • Realizar accións formativas especificas a profesorado e persoal non docente en materia de interculturalidade, minorías étnicas e resolución de conflitos.

Os elementos transversais que se van traballar durante este curso están centrados na Educación Cívica e Constitucional. Entendemos que o fundamento dos valores de convivencia en contextos de pluralidade cultural son os dereitos humanos e a súa concreción no marco constitucional de convivencia. De forma transversal, as diferentes materias curriculares e as actividades extraescolares que se desenvolven no marco do proxecto “Conecta Cultura” deben reforzar o coñecemento e a posta en práctica deses valores.

Palabras clave

Convivencia. Educación en valores. Educación para a paz. Empatía. Espírito crítico. Igualdade de xénero. Interculturalidade. Non discriminación. Resolución de conflitos

Obxectivos específicos

PARA O ALUMNADO

  • Coñecer a realidade multicultural do seu contorno.
  • Adquirir valores que fomenten a convivencia harmónica dentro dun marco multicultural.
  • Concienciar a outros sobre a discriminación e o racismo na nosa sociedade actual.
  • Desenvolver habilidades sociais a través de talleres de sensibilización respecot da diversidade cultural e aceptación das diferenzas individuais.
  • Fomentar os valores da convivencia para a construción de relacións sociais significativas e estables.

PARA O PROFESORADO

  • Adquirir estratexias para adestrar habilidades psicosociais para a educación intercultural.
  • Identificar e analizar as “crenzas sociais” (prexuízos, estereotipos, temores presentes na comunidade educativa) que poden xerar actitudes, discursos e/ou prácticas discriminatorias e que á súa vez, poidan xerar conflitos manifestos ou latentes.
  • Manexar materiais e ferramentas didácticas axeitadas para o tratamento da interculturalidade.
  • Analizar a organización e o funcionamento do centro desde unha perspectiva intercultural.
  • Crear canles bidireccionais de comunicación coas familias.
  • Favorecer a participación, formación, actividades e horarios que faciliten a implicación das familias como voluntarios ou como audiencias na escola ou noutras institucións.
  • Incluír as familias como participantes nos procesos de toma de decisións do centro, goberno e desenvolvemento de actividades a través de consellos escolares, comités, ou asociacións de pais.

PARA A COMUNIDADE EDUCATIVA

  • Analizar a organización e o funcionamento do centro desde unha perspectiva intercultural.
  • Desenvolver liñas de traballo para favorecer a participación activa e conxunta do centro e as familias nas accións de diversidade cultural.
  • Ensinarlles aos pais e ás nais estratexias didácticas que poidan utilizar no fogar para axudar de forma efectiva aos seus fillos e fillas nas súas etapas evolutivas e para establecer as condicións que favorezan o apoio no fogar.
  • Realizar accións formativas especificas a profesores e traballadores do centro en materia de interculturalidade, minorías étnicas e resolución de conflitos.

Metodoloxía recomendada

Proponse que o desenvolvemento do proxecto inclúa:

  • Formación para profesorado. Fase inicial: antes do Nadal. Curso de formación presencial e On Line, conforme o modelo NEELI ( www.neeli.eu)
  • Creación dun grupo de traballo (mes de decembro).
  • Formación e sensibilización do alumnado: na formación para o profesorado ofrecerá as pautas de explotación das 8 unidades didácticas específicas para que este traballe directamente co alumnado. Esta fase de sensibilización susténtase en varias actividades en forma de charlas, cinedebate e actividades de grupo (xaneiro-abril 2019).
  • Sensibilización ás familias: as actividades dirixidas ás familias terán como principal obxectivo estreitar relacións familia-centro e, polo tanto, fomentar o seu papel activo no proceso educativo. A fin última é sensibilizalas en materia de interculturalidade e diversidade cultural brindando estratexias específicas para traballar estas temáticas no fogar.

Temporización

A temporización abarca todo o curso escolar.

Fase inicial: outubro-decembro 2018.

Creación do grupo de traballo: decembro 2018.

1ª fase de intervención: ata o día escolar da Paz (xaneiro 2019).

2ª fase de intervención: ata fin de curso (xornada de convivencia intercultural).

Actividades e recursos

Entre as actividades do programa recóllense as seguintes:

  • Formación inicial para os centros novos: a formación do profesorado realizarase de xeito presencial no propio centro educativo. Durará 8 h lectivas. As sesións formativas basearanse na metodoloxía "Acción Participación", onde o profesorado comparte os seus coñecementos e vivencias previas arredor da interculturalidade no ámbito educativo; nestas sesións recibirá ferramentas prácticas para a abordaxe da dita temática. A formación complétase coa web NEELI
  • Formación continua para o profesorado: haberá a posibilidade de constituír grupos de traballo para potenciar a autoxestión do coñecemento, onde os propios integrantes teñan unha implicación creativa de abordar as temáticas e que teña o proceso de formación bidireccionalidade.
  • Apoio ao profesorado: asistencia a distancia: telefónica, whatsapp, redes sociais, Youtube e correo electrónico
  • Asistencia no centro: unha reunión presencial -ao menos- por trimestre en cada centro.
  • Colaboración con axentes externos: Asociación Diversidades, Red Acoge
  • Material didáctico: o programa ofrece unidades didácticas para traballar co alumnado. Ofrecerase unha guía didáctica en formato físico e dixital en formato aberto.
  • Webs de referencia:
  • Outras webs de interese:

Bibliografía básica de referencia:

BESALÚ, X; VILA, I. (2007): La buena educación: Libertad e Igualdad en la escuela del Siglo. Madrid. Ministerio de Educación y Ciencia.

CIDE (2004): La atención al alumnado inmigrante nuevo en el sistema educativo en España. Madrid. Ministerio de Educación y Ciencia.

DÍEZ PALOMAR / FLECHA GARCÍA (2010): Comunidades de Aprendizaje. Revista Interuniversitaria de Formación de Profesorado. 67(24,1). Zaragoza.

DÍAZ–AGUADO, M.J. (1986): El papel de la interacción entre iguales en la adaptación escolar y el desarrollo social. Madrid. CIDE.

DÍAZ–AGUADO, M.J. (2006): Educación intercultural y aprendizaje cooperativo. Madrid. Pirámide.

ESSOMBRA, M. et alii (1999): Construir la escuela intercultural. Barcelona. Graó.

FRANZÉ MUNDANÓ (2008): "Diversidad cultural en la escuela. Algunas contribuciones antropológicas". En Revista de Educación (pp. 111-132).

GALLEGO LÓPEZ, B. (2010): "Planes y programas de escolarización y enseñanza de L2 a niños y jóvenes inmigrantes en España". En Revista electrónica de didáctica. Vol. 1(2) (pp. 62-89).

JORDÁN SIERRA, Juan Antonio. “Educar para la convivencia intercultural" en Aula Intercultural. El portal de la educación intercultural

SANTOS REGO, M.A. (1994): Teoría y práctica de la Educación Intercultural. Santiago de Compostela : P.P.U.

SASTRE, G. / MORENO, M. (2002): Resolución de conflictos y aprendizaje emocional. Una perspectiva de género. Barcelona. Gedisa.

SERRAT, A. (2002): Resolución de conflictos. Una perspectiva globalizadora. Barcelona. Cisspraxis.

SORIANO AYALA, E. (1997): “Análisis de la educación multicultural en los centros educativos de la comarca del poniente almeriense”. Revista de Investigación Educativa, Vol.15, nº1, pp.43-67.

XUNTA DE GALICIA (2005): Plan de Acollida. Orientacións para a súa elaboración. Materiais de apoio ao profesorado para a atención educativa ao alumnado procedente do estranxeiro. PDF descargable. 40 páx.

Produto final

O formato e o tipo de produto final será o que elixan os centros. Aconséllase a selección dun produto audiovisual que apoie a mensaxe nun argumento escrito. Para a escritura do argumento pódese empregar un programa que permita unha fácil redacción e maquetación e que fomente a relación interdepartamental (lingua, novas tecnoloxías, plástica, música...). O produto audiovisual pode ser: lipdub, vídeo, microcurtas, curtametraxes, anuncios, microentrevistas, documentais, longametraxe...

Criterios de avaliación da memoria final.

Criterios xerais do Plan Proxecta

1. Participación activa do alumnado na realización do proxecto, na toma de decisións e na realización do produto final. Cómpre visibilizar claramente o traballo do alumnado a través de evidencias gráficas (a través de webs, blogs...) ou documentais.

2. Implicación da comunidade educativa (profesorado, familias e institucións do contorno) e creación entre todos dunha rede de traballo cooperativo.

3. Interdisciplinariedade do proxecto (desde distintos departamentos didácticos, disciplinas ou materias) e transferibilidade.

Criterios específicos

4. Relevancia do produto final.

5. Calidade didáctica do produto final.

6. Participación na elaboración (estimada a partir do número de autores ou actores) do produto final.

Menús Learning object node R