Cultura e Educación recorda que rematan os prazos de presentación de solicitudes para as 13 prazas convocadas en lectorados universitarios de galego

As persoas interesadas en concorrer ás prazas de Barcelona, Bangor (Reino Unido), Heidelberg, Kiel, Leipzig (Alemaña) e Varsovia (Polonia) deben solicitalas ata o luns 13 de xuño

Ata o xoves 16 de xuño estará aberto o prazo de presentación de solicitudes para optar ao lectorado de Salamanca

As persoas interesadas nas de Berlín (Alemaña), Lisboa (Portugal), Roma (Italia), Zádar (Croacia), Río de Xaneiro e São Paulo (Brasil) teñen ata o 20 de xuño

A Secretaría Xeral de Política Lingüística renova así 13 dos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas da Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia

Ven, 10/06/2016 - 15:03

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recorda que a semana que vén rematan os prazos fixados polas diferentes convocatorias de prazas de profesorado-lector de lingua, literatura e cultura galegas que publicou a Secretaría Xeral de Política Lingüística o pasado mes de maio para renovar 12 dos centros de estudos galegos da Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia, á que se sumou no mes de xuño a do Centro de Estudos Galegos de Salamanca. Con elas, a secretaría dirixida por Valentín García renova 13 dos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas da Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia.

Derradeiros días: 13, 16 e 20 de xuño

Así, o luns 13 remata o prazo de presentación de solicitudes da primeira das convocatorias publicadas por medio do Diario Oficial de Galicia (ED110A) para a cobertura das prazas dos centros universitarios de Barcelona, Bangor (Reino Unido), Heidelberg, Kiel, Leipzig (Alemaña) e Varsovia (Polonia).

O seguinte luns, 20 de xuño, será o derradeiro día de presentación de solicitudes para a segunda (ED110B), na que foron convocadas as de Berlín (Alemaña), Lisboa (Portugal), Roma (Italia), Zádar (Croacia), Río de Xaneiro e São Paulo (Brasil).

Todas as persoas aspirantes a estas 12 prazas terán que defender o vindeiro 28 de xullo na Escola Galega de Administración Pública, ante a comisión de valoración creada para o efecto, o proxecto didáctico que propoñen aplicar nos lectorados a que aspiren, tal e como establecen as bases e os requisitos de participación destas dúas convocatorias que se poden consultar no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal).

Por outra banda, o xoves 16 de xuño finaliza o prazo de presentación de solicitudes para optar ao lectorado de Salamanca, que se xestiona nesta ocasión desde a propia universidade e cuxas bases tamén están publicadas no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Requisitos de participación

Entroutros requisitos, as persoas concorrentes deben estar en posesión do título de Licenciatura en Filoloxía Galega ou en Filoloxía Románica sempre que a primeira ou segunda lingua románica elixida fose o galego, grao en Lingua e Lilteratura Galegas, Grao en Estudos de Galego e Español ou Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios. Requírese tamén ter unha idade máxima de 35 anos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Ademais, para as prazas localizadas en Alemaña, Italia e Croacia poderá presentarse tamén quen estea en posesión da Licenciatura en Tradución e interpretación sempre que  acredite 27 créditos en materias de galego e 21 en materias de inglés ou ben da lingua oficial do país onde se localice o lectorado solicitado. Tamén poderán concorrer os graduados en Tradución e Interpretación, pero neste caso deben acreditar 30 créditos de materias de galego e 21 en materias de inglés ou da lingua oficial do país de destino.

Proxección exterior do galego

A Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia está integrada por un total de 35 centros en universidades de América e de Europa por medio de convenios de colaboración que subscribe a Administración autonómica galega desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O obxectivo é dotar estas universidades de órganos de referencia –coordinados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística- para o  coñecemento e a promoción da nosa lingua, non só no ámbito académico, senón tamén na súa área de influencia.

Actualmente, hai centros de estudos galegos en Alemaña, Brasil, Croacia, España, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, Polonia, Portugal, Reino Unido, Rusia e Suíza. A maioría destes centros -en concreto, 27-  vense reforzados coa presenza dun profesor lector ou lectora que, como complemento á súa actividade formativa, se responsabiliza da docencia, da investigación e da promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas.

A creación dos centros de estudos galegos responde a un dos obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega fixados no ámbito da proxección exterior que incide en “consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades en que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico”.

 

Menús News node R

Ensinanza