Román Rodríguez anuncia un investimento de máis de 39,7 millóns de euros para mellorar as instalacións de case a metade dos centros educativos de Galicia

O conselleiro de Cultura e Educación explicou que se farán obras en 527 centros públicos galegos, pertencentes ao 70% dos concellos

As principais reformas centraranse na eficiencia enerxética, ampliación de centros de FP, reparación de cubertas, ampliación de centros e execución de obra nova

A maiores haberá preto de 3,6 millóns de euros para investimento en equipamento, que permitirá mellorar a dotación de maquinaria e dos centros de FP, así como adquirir material que o alumnado de ESO e Bacharelato poida empregar en materias como a de Programación

Mar, 07/06/2016 - 13:05
Román Rodríguez anuncia un investimento de máis de 39,7 millóns de euros para mellorar as instalacións de case a metade dos centros educativos de Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para expoñer as obras que se realizarán, en gran parte este verán, nos centros educativos ao abeiro do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas 2016-2020 e dos recursos obtidos a través do Fondo de Superávit de Responsabilidade, co que o Goberno central recompensa á nosa Comunidade por ter cumprido o obxectivo de déficit. Serán este ano 2016 máis de 39,7 millóns de euros cos que se realizarán 683 actuacións en 527 centros de ensino de 219 concellos de toda a xeografía galega. Do total das intervencións 431 realizaranse en centros de educación Primaria, 224 en centros de Secundaria e FP e outras 28 nos que imparten outras ensinanzas (conservatorios, escolas oficiais de idiomas, etc). Do total do investimento, algo máis de 20,8 millóns proceden do Fondo do Superavit de Responsabilidade, máis de 15,4 millóns do Plan de mellora das infraestruturas educativas 2015-2020, e máis de 3,4 millóns  do orzamento RAM (obras de reparacións, ampliacións e mellora executadas desde as Xefaturas Territoriais da Consellería).

Isto supón que o 47% dos centros públicos galegos de case o 70% dos concellos verán melloradas as súas instalacións, seguindo unicamente criterios técnicos e de poboación escolar. Non en balde, tal e como indicou o conselleiro, as dez maiores inversións realízanse –por esta orde- nos municipios de Lugo, Pontevedra, A Coruña, Ourense, Santiago de Compostela, Vigo, Ames, Cangas, Culleredo e Vila de Cruces; o que deixa patente que non existe ningún tipo de relación de signo político con estes investimentos.

Estes máis de 39,7 millóns cos que agora se recompensan anos de contención do gasto súmanse, con todo, aos máis de 103,4 millóns de euros investidos en obras pola Consellería de Cultura e Educación entre os anos 2009 e 2015, atendendo ás principais prioridades e necesidades detectadas pola Xefaturas Territoriais.

A maiores, a Consellería destinará preto de 3,6 millóns de euros á compra de equipamento co que, entre outras cousas, se poderán mellorar os recursos cos que conta o alumnado de Formación Profesional e se poderá mercar material de robótica para que o empregue o alumnado de ESO e Bacharelato en materias como a programación, no marco do compromiso da Consellería co fomento das vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñerías e Matemáticas).

Tipoloxía e distribución das obras

Segundo explicou Román Rodríguez, as actuación previstas responden a unha priorización en función de 4 criterios técnicos, nomeadamente os de seguridade, utilidade, accesibilidade e habitabilidade; sendo todas elas obras determinadas a partir das avaliacións realizadas polas unidade técnicas da Consellería. Deste xeito as intervención divídense en 16 tipoloxías: eficiencia enerxética (5,82 millóns), ampliación de centros de FP (5,66 millóns), reparacións de cubertas (5,6 millóns), execución de obra nova (4,59 millóns), ampliacións de aulas (3,2 millóns), actuacións de acondicionamento xeral (2,7 millóns), obras en patios (2,1 millóns), actuacións en ventás de centros (1,87 millóns), melloras de instalacións deportivas (1,49 millóns), intervencións en fachadas (1,3 millóns), actuacións en fontanería e calefacción (1,28 millóns), actuacións en instalacións eléctricas (1,27 millóns), melloras en baños (algo máis de 1 millóns), actuacións en materia de accesibilidade (máis de 814.400 euros), actuacións en comedores (máis de 632.300 euros) e melloras en bibliotecas (máis de 165.900 euros).

Respecto da distribución territorial das actuacións realizouse en base aos devanditos criterios técnicos e ás realidades demográficas, buscando un reparto equitativo entre zonas urbanas e rurais e entre provincias. Deste xeito, o investimento ascende a máis de 13,8 millóns de euros na provincia da Coruña (beneficiando a 206 centros de ensino), a máis de 6,8 na de Lugo (94 centros beneficiados), case 5 millóns de euros na de Ourense (93 centros) e a case 14,1 millóns na de Pontevedra (134 centros).

Segundo indicou o conselleiro, a distribución das actuacións na provincia da Coruña concrétase en máis obras, pero de menor tamaño; concentrando o 34,8% dos recursos económicos. No caso da provincia de Pontevedra, as necesidades orixinan actuacións máis integrais e de maior envergadura; que concentran o 35,5% dos recursos económicos.

Pola súa banda, a provincia de Lugo benefíciase do 17,2% dos recursos destinados a obras, cun peso especial da actuación que se realiza no CIFP As Mercedes, na capital lucense; mentres que o peso das actuacións en centros da provincia de Ourense representa o 12,5% do investimento total.

Credibilidade e esforzo

Durante a súa intervención o conselleiro salientou que actuacións como as que agora se programan demostran a credibilidade da Consellería, “que desde o primeiro momento ofreceu realismo nas súas propostas, responsabilidade na xestión e na execución das medidas e resultados”. Sobre este último aspecto lembrou que estes froitos quedan reflectidos en datos como a baixada do abandono educativo temperá (do 25,8% de 2009 ao 17% de media anual do 2015), ou o feito de que o índice de satisfacción xeral das familias co seu centro educativo, segundo a macroenquisa realizada sobre a convivencia escolar, é do 81,1%.

Así mesmo, Román Rodríguez explicou que nos últimos anos se acadou un mellor acceso á educación, en igualdade de oportunidades no marco dunha escola inclusiva, se implantou un modelo de ensino plurilingüe; se introduciron as TIC nas aulas e se mellorou a FP, todo combinado cunha maior innovación e maior autonomía para os centros de ensino.

O conselleiro destacou finalmente que todos, profesores, familias, organizacións sindicais, administración…; traballaran para conseguir o bo sistema educativo que nestes momentos ten Galicia. Desta forma apelou á responsabilidade dos parlamentarios e convidounos a traballar xuntos para prestixiar o ensino galego e evitar a influencia negativa de intereses alleos ao benestar e ao progreso do alumnado e das súas familias.