A Xunta celebra con 200 escolares composteláns o Día do Medio Ambiente descubrindo a fauna do Bosque de Galicia

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez; e a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato animaron aos participantes a descubrir a riqueza do ecosistema do Gaiás

Alumnos de 6 a 12 anos construíron, en colaboración con Viaqua, caixas niño para paxaros e refuxios para morcegos e réptiles e os distribuíron polo Gaiás

Lun, 06/06/2016 - 13:39
A Xunta celebra con 200 escolares composteláns o Día do Medio Ambiente descubrindo a fauna do Bosque de Galicia

Escolares galegos celebraron hoxe o Día do Medio Ambiente na Cidade da Cultura cuns obradoiros concibidos para descubrir a importancia da fauna e contribuír a súa protección no Bosque de Galicia. Ata alí se desprazaron esta mañá o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez; e a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato; que animaron aos nenos participantes a descubrir a riqueza do ecosistema do Gaiás. Á xornada asistiron tamén o director territorial de Viaqua, Julio Masid Bande, e a directora-xerente da Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño

Distribuídos en catro quendas entre hoxe e mañá martes, uns 200 escolares de Compostela entrarán en contacto coa natureza a través da actividade didáctica ‘Acubillando a fauna do Gaiás’, coa que construír caixas niño para paxaros e refuxios para morcegos e réptiles. “Con actividades deste tipo buscamos educar aos máis pequenos na importancia de conservar a nosa biodiversidade, ademais de facelos partícipes no proceso de naturalización do Gaiás”, asegurou Román Rodríguez durante o encontro cos escolares.

Neste sentido explicou que a Consellería de Cultura e Educación desenvolve múltiples accións neste sentido, como a coordinación do Plan Proxecta, no que se insiren unha decena de programas relacionados coa protección e coidado do medio ambiente; ou a impartición como materia de libre configuración autonómica de ‘Paisaxe e sustentabilidade’, que este ano cursan máis de 700 alumnos de 1º de ESO. Así mesmo salientou o labor que se está a desenvolver en prol dunha conservación conxunta de patrimonio natural e cultural “dous tesouros de Galicia que debemos mimar para que as seguintes xeracións poidan gozar deles”.

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, gabou a importancia do Bosque de Galicia como nova área verde de Compostela, un proxecto de todos e para todos no que estiveron implicadas ata catro consellerías, incluído o seu departamento, que investiu máis de 260.000 euros na creación dos seus case 4 quilómetros de sendeiros peonís.  Ademais de destacar a relevancia deste enclave, Mato puxo en valor o espírito de iniciativas como esta, que permiten inculcar entre os máis novos os valores de respecto ao contorno e a paisaxe, e potenciar así unha toma de conciencia “efectiva e duradeira”.

Xeolocalización con GPS

Tras a construción dos niños e caixas refuxio, Román Rodríguez e Beatriz Mato acompañaron aos participantes na súa colocación polo Bosque de Galicia. Cada elemento foi xeolocalizado mediante GPS para que os rapaces saiban exactamente onde os situaron e poidan volver periodicamente a comprobar o seu importante labor na protección do medio.

A actividade ‘Acubillando a fauna do Gaiás’ contou co patrocinio e colaboración de Viaqua, no marco da súa política de educación e concienciación sobre o medio ambiente.