Verónica Rodríguez Martínez, do CPI Conde de Fenosa de Ares, gaña o 56º Concurso de Relatos de Coca-Cola en Galicia

A Consellería de Cultura e Educación, Coca-Cola e a Universidade da Coruña entregáronlles hoxe os premios aos 21 finalistas deste certame que promove a escrita creativa entre a mocidade

Ven, 27/05/2016 - 19:51
Verónica Rodríguez Martínez, do CPI Conde de Fenosa de Ares, gaña o 56º Concurso de Relatos de Coca-Cola en Galicia
Verónica Rodríguez Martínez, do CPI Conde de Fenosa de Ares, gaña o 56º Concurso de Relatos de Coca-Cola en Galicia

Verónica Rodríguez Martínez, do CPI Conde de Fenosa de Ares, é a gañadora do 56º Concurso Coca-Cola Jóvenes Talentos de Relato Corto de Galicia, dirixido a promover a creación literaria entre ao alumnado de 2º da ESO. O seu nome deuse a coñecer esta tarde nun acto que tivo lugar na Cidade da Cultura, no que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Universidade da Coruña e mais Coca-Cola  lles fixeron entrega dos premios aos 21 finalistas do certame.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, expresoulles as rapaces e rapazas a súa admiración polo seu traballo e a calidade das súas obras, ao tempo que os animou a seguir lendo para enriquecer a súa capacidade creativa no ámbito das letras. El e o xerente de Comunicación de Coca-Cola, Gonzalo Márquez, fixéronlle entrega do premio a Verónica Rodríguez, nun acto que tamén contou coa intervención da vicerreitora de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria da Universidade da Coruña, Margarita Amor.

Os gañadores desta edición amosaron os seus dotes literarios o pasado 8 de abril durante a celebración das probas escritas en diferentes cidades de España. Nelas, os participantes recibiron unha caixa de música como obxecto para inspirar o contido dos seus relatos, xunto coa frase, no caso de Galicia, “Non podía deixar de repetir esa melodía”. 

Alumnos e alumnas finalistas

Por sectores, o gañadores do da Coruña foron Candela Fernández, do IES Rafael Dieste; Gael Merino, do centro Santa María del Mar; e Ximena Sánchez, do IES Ramón Menéndez Pidal. Do sector de Santiago de Compostela foron galardoados Mariña Carreño, do IES Virxe do Mar de Noia; Isabel Cid, do CPR Compañía de María, e Noela Rivas Cantelar, do IES Arcebispo Xelmírez, ambos de Santiago de Compostela.

As alumnas Sofía López, do IES Lucus Augusti; Carmen López, do Colexio María Auxiliadora; e Ariana Núñez, do IES Santiago Basanta Silva, foron as premiadas do sector de Lugo, e, do sector de Ourense fixéronse cos galardóns Ana Arca, do Colexio Divina Pastora; Anne Capilla e Iria Guevara, ambas do IES As Lagoas.

No sector de Vigo gañaron Lola Borrás, do Colexio Niño Jesús de Praga; Candela Carrasco, do IES San Tomé de Freixeiro; e Valeria Iglesias, do Colexio Compañía de María; mentres que no de Pontevedra os galardoados foron Pedro Fernández, do Colexio Sagrado Corazón; Iván Garnil, do Colexio Nuestra Señora de los Dolores; e Carmen Lamas, do Colexio Plurilingüe Calasancio.

Finalmente, no sector de Ferrol, os galardoados foron Jaime Costas, do IES Saturnino Montojo de Ferrol; Marta Vera, do CPR Jorge Juan Xubia, de Xubia; e Verónica Rodríguez, do CPI Conde de Fenosa de Ares, que resultou a gañadora autonómica do certame.

Unha vez elixidos os gañadores provinciais do certame –o máis lonxevo de España- , un xurado autonómico selecciona un gañador por cada comunidade. Aos 17 galardoados entregaránselles os premios nun acto que terá lugar na sede Real Academia Española a finais do mes de xuño e no que se darán a coñecer os tres gañadores estatais, que recibirán un curso a distancia de escritura creativa impartido por unha prestixiosa escola literaria.

Finalmente, os gañadores e as gañadoras de cada comunidade autónoma asistirán á Experiencia Coca-Cola Jóvenes Talentos, unha experiencia de carácter cultural e de ocio a Madrid, onde coñecerán destacados escritores, e que culminará cunha viaxe literaria ao estranxeiro.

Unha participación de máis de 1.200 rapaces

A edición de 2016 deste certame contou coa participación de máis de 12.000 alumnos e alumnas de 2º da ESO de todo o Estado español, que se suman aos máis de 10 millóns de mozos e mozas que formaron parte do certame desde a súa creación, en 1961. Trátase do concurso de redacción máis antigo do país que, ademais, contou coa colaboración da RAE por terceiro ano consecutivo.

O pasado 20 de maio, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e Coca-Cola entregaron os premios do 8º Concurso de Novos Talento de Relato Curto, que recoñecen a creatividade en galego da mocidade. Noela Rivas Cantela, alumna do IES Xelmírez I, foi a gañadora autonómica desta edición.

Menús News node R