Cultura e Educación abre o prazo para incorporar novas seccións bilingües, que este curso xa suman 3.630

O prazo de presentación de solicitudes para o curso 2016/2017 remata o vindeiro 31 de maio

Lun, 25/04/2016 - 17:41

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de abrir o prazo para incorporar novas seccións bilingües en centros sostidos con fondos públicos o vindeiro curso 2016/2017. Os detalles da convocatoria, que sae publicada hoxe no DOG, poden consultarse hoxe no seguinte enlace http://www.xunta.es/dog/Publicados/2016/20160425/AnuncioG0164-180416-0002_gl.html.

Actualmente existen 3.630 seccións bilingües en toda Galicia, 407 máis con respecto ao curso pasado. En concreto, hai 175 novas seccións nos centros educativos da provincia da Coruña, 34 en Lugo, 45 en Ourense e 153 en Pontevedra. Co fin de seguir incrementando este número, a Consellería vén de sacar unha nova convocatoria, cuxo prazo de presentación de solicitudes rematará o próximo 31 de maio.

Segundo se reflicte na resolución, a valoración das solicitudes presentadas realizarase considerando a viabilidade do proxecto. Para isto terase en conta o profesorado e alumnado participante; os obxectivos propostos e os contidos; as etapas e cursos nos que se desenvolverá; ás áreas, materias ou módulos; as estratexias metodolóxicas e as pautas para a avaliación do proxecto.

Así mesmo, levarase a cabo un seguimento dos proxectos que resulten elixidos e, paralelamente, os docentes de cada área, materia ou módulo non lingüístico implicados no Programa de seccións bilingües deberán elaborar unha memoria avaliativa que trasladará á dirección do centro. Posteriormente, esta memoria será traslada á xefatura territorial de Educación correspondente e, despois, á Dirección Xeral de Educación.

90.000 alumnos con ensino plurilingüe

Nos últimos anos, o actual Goberno galego está realizando unha forte aposta polo ensino plurilingüe a través das diferentes accións enmarcadas dentro do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras. Ao abeiro desta iniciativa, preto de 90.000 alumnas e alumnos galegos benefícianse este curso dalgún programa deste Plan, o que supón un incremento do 6,2% con respecto ao 2014/2015.