A Consellería de Cultura e Educación convoca 682 prazas en estadías de formación lingüística en inglés para alumnado de ESO e Bacharelato

O prazo para solicitar a participación nesta actividade estará aberto ata o 29 de abril. As estadías desenvolveranse desde a última semana de xuño ata finais de agosto de 2016
A achega das familias con maior renda será a metade do custe real da actividade, mentres que as nais e pais con menor renda aboarán só unha oitava parte do custe total
Mar, 29/03/2016 - 12:39

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de convocar un total de 682 prazas en estadías de formación lingüística en lingua inglesa para alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato. O prazo para inscribirse nesta actividade estará aberto ata o vindeiro 29 de abril. Os requisitos poden consultarse no Diario Oficial de Galicia, no enlace: http://www.xunta.es/dog/Publicados/2016/20160328/AnuncioG0164-160316-0003_gl.html

A actividade, enmarcada no Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, está subvencionada pola Consellería de Cultura e Educación, polo que as familias aboarán só parte do seu custe real, en función da súa renda. Deste xeito a achega máxima das familias con máis recursos será da metade do custe real da actividade, mentres que as nais e pais con menor capacidade económica aboarán só unha oitava parte. Os tramos de renda e as axudas para cada unha das familias poden consultarse na convocatoria.

As estadías desenvolveranse nos Centros Residenciais Docentes da Consellería, en réxime de internado entre a última semana do mes de xuño e finais do mes de agosto de 2016. Para garantir o máximo aproveitamento da actividade é requisito fundamental que o alumno ou alumna beneficiario teña superado no curso 2014/2015 todas as áreas ou materias e que teña acadado, polo menos, unha cualificación de ‘Ben’ na área de inglés en 6º de Primaria ou de 6 na materia de inglés en ESO e Bacharelato.

Neste sentido cómpre lembrar que as estadías lingüísticas van máis aló das clases en inglés, dado que o alumnado participante intégrase nun ambiente no que todas as actividades didácticas que realizan –e que inclúen obradoiros de teatro, actividades deportivas e mesmo excursións- se desenvolven en inglés. Deste xeito, mediante esta formación lingüística, social, cultural e ambiental, estase promovendo unha inmersión plena en lingua inglesa.