Título node Learning object

Mirando polo Camiño
Xov, 13/08/2015 - 13:36
[actualizado o 6/10/2016]
 

Ficha técnica

Institución:

  • Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
    • Dirección Xeral do Patrimonio Cultural
      • Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais

Ámbito: patrimonio cultural
Definición: coñecemento, divulgación e protección do patrimonio cultural vinculado ao Camiño de Santiago
Temporización: curso completo
Alumnado ao que vai dirixido: primaria, ESO, bacharelato e FP

Límite de centros participantes: 9

Criterios de selección:

  • Admitiranse unicamente centros emprazados nos distintos tramos galegos dos Camiños de Santiago (Camiño Francés, Camiño Primitivo, Camiño do Norte, Camiño Inglés, Camiño Portugués, Ruta da Prata, Camiño de Fisterra, a ruta de inverno e a ruta do mar de Arousa, tamén chamada ruta da Traslatio).
  • Seleccionarase un centro por cada un dos Camiños.
  • No caso de non haber representatividade dalgún dos Camiños, selecccionarase un segundo centro de aqueles que teñan máis solicitudes, ata chegar aos nove.
  • No caso de haber varios proxectos de centros representativos dun mesmo Camiño, valorarase a idoneidade e calidade dos proxectos en canto ao grao de innovación, implicación do claustro e da comunidade educativa.
  • Unha vez aplicados os criterios anteriores, darase prioridade aos proxectos centrados en 1º e 2º da ESO.

Persoa responsable:

Nome: Paz Varela Campos
Departamento: Dirección Xeral do Patrimonio Cultural / Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais
Teléfono: 881 997 013
Correo electrónico: paz.varela.campos@xunta.es

Xustificación

A participación neste programa axudará a que o alumnado coñeza mellor o patrimonio cultural da súa comarca, contribúa á súa conservación e difusión e idee estratexias de recoñecemento público e promoción dos seus recursos.

Dentro do concepto patrimonio cultural atenderase fundamentalmente os elementos de interese artístico, bibliográfico e documental, arquitectónico, arqueolóxico e etnográfico. A carón do patrimonio cultural traballarase tamén o patrimonio material ou inmaterial de interese lingüístico e literario (textos literarios, lendas, romanceiro, literatura de tradición oral, toponimia...).

Cómpre abordar o tratamento do patrimonio desde unha visión integradora e vinculada ao territorio. Búscase transmitir unha visión do patrimonio como paisaxe ou universo en cambio, que se foi configurando con valores engadidos por distintas xeracións. Así, ao longo da historia, os nosos antepasados foron patrimonializando (ou acollendo como propios, facendo seus) elementos culturais da nosa realidade ata convertelos en obxectos identitarios, elementos de seu, nos que se recoñecen.

Por último, o programa debe achegar a visión do patrimonio cultural non como unha colección de obxectos e bens illados, senón como a construción dun concepto de identidade a partir dun territorio construído e caracterizado polas pegadas que deixou nel a actividade humana.

Obxectivo xeral

Traballar co alumnado de maneira contextualizada sobre o patrimonio cultural, literario e lingüístico vinculado ao tramo do Camiño de Santiago no que o centro educativo está emprazado.

Palabras clave

Camiño de Santiago. Competencia cultural e artística. Patrimonio cultural. Patrimonio da Humanidade. Paisaxe Cultural. Territorio Histórico

Obxectivos específicos

PARA O ALUMNADO

  • Explorar a tradición e a transcendencia do Camiño na súa comarca.
  • Coñecer o percorrido do camiño e a súa transitabilidade.
  • Realizar un catálogo de recursos patrimoniais (históricos, artísticos ou cultuais en senso amplo) vinculados ao tramo do camiño sobre o que se traballa.
  • Poñer en valor a figura do Patrimonio da Humanidade.

PARA O PROFESORADO

  • Centrar o tratamento do patrimonio cultural desde as perspectivas de protección, conservación e divulgación co fin de chegar á concienciación e ao convencemento de que o noso patrimonio é unha vantaxe desde moi distintos puntos de vista.
  • Dar a coñecer a toda a comunidade educativa o patrimonio material e inmaterial relacionado co tramo do Camiño en que se empraza o centro co fin de vincular as persoas co territorio.
  • Introducir o alumnado na terminoloxía do patrimonio cultural: valor cultural, categoría dos bens (BIC, ben catalogado, ben inventariado), protección, conservación, autenticidade ou integridade.
  • Concienciar o alumnado do valor do patrimonio lingüístico, histórico, artístico e cultural que emana do Camiño de Santiago para que elabore propostas de mellora e estratexias de divulgación na súa comarca.

PARA A COMUNIDADE EDUCATIVA

  • Difundir o valor do patrimonio cultural existente no contorno teritorial do centro como un recurso para o ocio e para mellorar a calidade de vida.
  • Dar a coñecer o valor de ter no concello un tramo do Camiño de Santiago, como un ben protexido do patrimonio cultural.
  • Concienciar sobre o dereito a coñecer e usar o patrimonio cultural e o deber de conservalo e protexelo.

Temporización

A temporización abarca todo o curso escolar.

Esixencias na descrición dos proxectos dos centros

Crearase un blog na plataforma de blog da Xunta de Galicia no que deben participar todos os centros admitidos neste programa educativo e no que deberán visualizarse as actividades que organicen no desenvolvemento do proxecto en cada centro docente.

Actividades e recursos

Entre as actividades do programa recóllense as seguintes:

  • Material didáctico

Paio peregrinoPara facilitar o desenvolvemento do proxecto, ponse a disposición do profesorado tres secuencias didácticas, cada unha das cales presenta diversas tarefas e remata cun produto final de carácter colaborativo:

  • Mirando polo camiño
  • O patrimonio do noso concello
  • Protexemos o noso patrimonio cultural

Este recurso está no Repositorio de contidos Abalar polo que se pode visualizar directamente en rede ou descargar todo o recurso para poder visibilizalo fora de rede.

Ligazón ao recurso.

  • Charlas:
    • Ofrecerase unha charla para cada un dos centros participantes centrada na práctica diaria da conservación do patrimonio cultural, nos campos da arqueoloxía, da arquitectura ou da restauración, impartida por un técnico que tivera dirixido algunha intervención nalgún ben da zona. Esta actividade poderase desenvolver na aula ou sobre o terreo.
    • Organizarase un ciclo de conferencias sobre educación patrimonial e didáctica do patrimonio, en datas aínda por determinar entre os meses de xaneiro e abril de 2017, será presencial e non abrigatorio. Este ciclo de conferencias estará orientado a docentes e técnicos dedicados á conservación ou xestión do patrimonio cultural, e as conferencias serán impartidas por especialistas no campo da educación patrimonial.
  • Web de referencia: http://www.cultura.gal/gl/mirando-polo-camino
  • Outras webs de referencia :
  • Bibliografía de referencia: pódese descargar aquí.
    Pódeselle solicitar á Asesoría de Bibliotecas da Consellería a maleta viaxeira "Camiño de Santiago".
  • Excursión: a final de curso programarase unha excursión a un lugar relacionado co Camiño de Santiago, aínda por determinar, que servirá de xornada común para todos os centros cunha programación de actividades didácticas. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural elaborará o programa da actividade; os gastos de transporte e comida do alumnado irán por conta de cada centro participante.

Produto final

  • Proxecto aberto e libre (audiovisual, blog, web...) que teña como finalidade a divulgación do patrimonio e dos valores culturais relacionados co Camiño de Santiago. Farase fincapé no valor engadido que implica a categoría Patrimonio da Humanidade.

  • Valorarase que supoñan unha intervención sociocomunitaria: participación na organización de roteiros, de labores de limpeza e coidado, creación de comunidades virtuais de concienciación… que contribúan á concienciación da comunidade.

  • Valorarase positivamente a posibilidade de realizar proxectos con centros doutros puntos do Camiño (galegos, españois, europeos).

    Boas prácticas desenvolvidas no curso 2015-16:

Menús Learning object node R