Título node Learning object

Fitofaladoiro (curso 2021/22)
Xov, 13/08/2015 - 09:25

Ficha técnica

Institucións:

  • Consellería de Cultura, Educación e Universidade
    • Secretaría Xeral de Política Lingüística
  • Universidade de Santiago de Compostela
    • Herbario SANT
    • Instituto da Lingua Galega

Ámbito: ciencia e tecnoloxía / medio ambiente / normalización lingüística / patrimonio
Definición: o programa consiste en desenvolver un proxecto relacionado coa recollida e preservación do coñecemento da biodiversidade vexetal de Galicia. Os centros promoverán a elaboración dun traballo en equipo no que terán que recompilar e divulgar información sobre os nomes e usos das plantas no seu territorio.

Vinculación cos ODS da Axenda 2030:

  • ODS 11. Cidades e comunidades sustentables

Temporización: curso completo

Alumnado ao que vai dirixido: primaria, ESO, bacharelato, FP e adultos

Límite de centros participantes: 12 (resérvase a posibilidade de ampliar o número de centros en función da calidade dos proxectos presentados)

Criterios de selección:

  1. Proxectos que prioricen a participación do alumnado nas súas casas desde o principio do curso, de xeito que non se vexan afectados por posibles peches dos centros (ver opcións propostas na web de referencia do programa).
  2. Profesorado con participación satisfactoria no proxecto Fitofaladoiro en cursos anteriores (dentro ou fóra do Plan Proxecta), ou con experiencia acreditada en proxectos da mesma temática.
  3. Idoneidade e calidade do proxecto presentado (en relación cos obxectivos do Fitofaladoiro).
  4. Grao de implicación da comunidade educativa (alumnado, profesorado, familias, outros).
  5. Representatividade territorial do centro (priorizaranse os centros integrados no medio rural).
  6. Representatividade dialectal do centro (priorizaranse os centros situados en distintas áreas lingüísticas).
  7. De haber máis solicitudes que prazas ofertadas, priorizarase aos centros públicos.

Criterios de exclusión:

  1. Inadecuación do proxecto presentado aos obxectivos específicos do Fitofaladoiro.
  2. Participación insatisfactoria en convocatorias anteriores do Plan Proxecta (excepto a do curso 2019-2020, afectada pola covid-19).
  3. Non proxectar as actividades básicas do programa (recollida de plantas e enquisas) para seren realizadas polo alumnado na contorna das súas casas, mesmo en situación de  peche dos centros.
  4. Para a preadmisión no Fitofaladoiro os centros deben facer unha conta gratuíta de Google adicada exclusivamente a este programa, e comunicala por email a fitofaladoiro@gmail.com antes de rematar o prazo de solicitude de participación.

Persoa responsable:

Nome: David García San León
Departamento: Herbario SANT (Facultade de Farmacia, Santiago de Compostela)
Teléfono: 881 815 022
Correo electrónico: fitofaladoiro@gmail.com


Xustificación

Este programa dá continuidade a un proxecto preexistente do ILG e o Herbario SANT, xurdido da necesidade de documentar e preservar o saber popular acerca dos nomes e usos das plantas propias de Galicia.

Obxectivos

O obxectivo fundamental do programa Fitofaladoiro é fomentar a participación activa do alumnado na documentación do saber popular sobre as plantas que existen no medio natural do seu contorno, para tomaren conciencia do valor da nosa biodiversidade vexetal.

Preténdese promover o uso da lingua galega e o interese polo noso patrimonio material e inmaterial, fomentando a inmersión do alumnado na sociedade rural e a súa interacción e diálogo cos veciños na procura de información herdada dos seus devanceiros sobre nomes e usos tradicionais, tanto materiais (alimentación, medicina, artesanía) coma inmateriais (léxico, toponimia, fraseoloxía, refraneiro, literatura popular, crenzas), sempre en relación coas plantas.

Desenvolvemento das competencias clave

  • Competencia en comunicación lingüística
  • Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía
  • Competencia dixital
  • Competencia en aprender a aprender
  • Competencia en conciencia e expresións culturais

Actividades

  • Actividades obrigatorias: para seren admitidos no Fitofaladoiro os centros deben crear unha conta gratuíta de Google adicada exclusivamente a este programa, co compromiso de cedela ao remate de cada curso para poder proceder á avaliación e corrección dos resultados. O nome da conta debe comunicarse por email a fitofaladoiro@gmail.com antes de rematar a convocatoria de solicitudes de participación no Plan Proxecta. O resto de prazos serán os marcados na convocatoria do mesmo para todos os centros.
  • Formación: fundamentalmente, a través dos videos e documentación dispoñibles na web de referencia do programa. A vía preferente de contacto para solucionar dúbidas dos participantes será a través do correo electrónico fitofaladoiro@gmail.com.

Recursos

  • Web de referencia: http://fitofaladoiro.eu. Esta web ofrece todo tipo de información, recursos e metodoloxía recomendada (obxectivos, temporización e exemplos) para orientar na elaboración e o desenvolvemento dos proxectos. Ofrece tamén enlaces aos resultados procedentes de cada participante.

Produto final

Para dar visibilidade na web ao proceso de aprendizaxe desenvolvido coa preparación e da documentación das mostras das plantas e mais a través das enquisas realizadas, empregarase o espazo gratuíto dispoñible na conta Google creada para o proxecto (Drive para arquivos variados -fundamentalmente imaxes e gravacións de audio-, Youtube para vídeos, Sheets para os datos).

Nese espazo existirán táboas modelo para o procesamento dos datos por parte de cada centro, que así poderán ser supervisados e asesorados desde a organización do Fitofaladoiro.

Como produto final indispensable para a avaliación, os datos, imaxes e gravacións deberán ser subidos á conta Google do proxecto de cada centro para así apareceren enlazados nunha páxina informativa específica dentro da web do programa (con independencia de que se usen outros posibles medios de difusión).

Criterios de avaliación da memoria final

Criterios xerais do Plan Proxecta

1 .Creación dunha rede de traballo cooperativa na comunidade educativa entre alumnado, profesorado, familias e/ou institucións da contorna. Valorarase especialmente a participación activa do alumnado no desenvolvemento do proxecto (toma de decisións, realización do produto final etc).

2. Interdisciplinariedade (achegas desde distintos departamentos didácticos, disciplinas ou materias) e transferibilidade do proxecto.

3. Impacto e difusión do proxecto. É imprescindible incorporar na memoria, a través de ligazóns (páxinas web, blogs etc), evidencias gráficas e/ou documentais do traballo realizado que permitan constatar o desenvolvemento do proxecto.

Criterios específicos do programa Fitofaladoiro

4. Calidade das mostras de plantas para permitir a súa identificación e/ou reutilización futura (herbario ben preparado e etiquetado, imaxes de boa definición e accesibles etc.).

5. Calidade das enquisas (máis detalladas, mellor gravadas, transcritas etc.) e do proceso de selección e anotación dos informantes (procedencia xeográfica, idade, actividade, contexto sociocultural etc.).

6. Calidade na presentación e catalogación dos resultados (claridade, orde, facilidade de consulta posterior), dacordo cos formatos tabulados propostos polo Fitofaladoiro para facilitar a integración dos datos de todos os centros.

Nota informativa: valorarase moito máis a calidade que a cantidade dos resultados (preténdese que as actividades sirvan de aprendizaxe e exemplo para cursos posteriores).

 

Selección de boas prácticas

Menús Learning object node R