O Consello da Xunta dálle luz verde ao decreto polo que se adaptan á LOMCE os decretos de ESO e bacharelato

A nova normativa supón un cambio metodolóxico en prol da mellora da calidade educativa e da permanencia do alumnado no sistema

Xov, 25/06/2015 - 17:38

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde ao decreto polo que se adaptan os currículos de ESO e Bacharelato á Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE). Ao abeiro del, darase cumprimento ao calendario de implantación da nova norma, que establece que entre en funcionamento en setembro en 1º e 3º cursos de Educación Secundaria Obrigatoria e en 1º de Bacharelato. Así mesmo, aplicando o decreto aprobado no 2014 para Primaria, a lei aplicarase tamén en 2º, 4º e 6º cursos desta etapa.

Os novos currículos supoñen un cambio metodolóxico cara á tendencia actual da aprendizaxe por competencias na procura da mellora da calidade do ensino que permita achegar a taxa de abandono educativo temperá de Galicia á dos países europeos máis avanzados. Neste sentido, apóstase pola autonomía dos centros e amplíase a posibilidade de elección do alumnado á hora de elixir materias segundo as súas preferencias e intereses. Así mesmo, tamén ao abeiro da LOMCE, a FP Básica ofrece máis flexibilidade e posibilidades para que o alumnado atope unha alternativa que garanta a súa permanencia no sistema educativo, a obtención dunha titulación e mesmo a súa promoción cara a outros estudos.

Materias e itinerarios

Segundo o proxecto de decreto as materias na ESO e no Bacharelato dividiranse en troncais - obrigatorias ou de opción-,  específicas e de libre configuración autonómica – neste grupo os centros poderán ofertar materias propias, sempre que as autorice a Administración educativa-. Deste xeito, a maiores das troncais obrigatorias e as específicas, a medida que pasen os cursos a alumna ou alumno poderá ir aumentando o número de materias que escolle do seu currículo. Por exemplo, en 1º e 2º de ESO só haberá unha hora á semana de libre configuración, mentres que en 3º da ESO o estudante terá unha materia específica de opción– de 2 horas- a escoller entre unha oferta de 2 materias.

No caso de 4º da ESO o currículo dividirase en dúas opcións, o de ensinanzas aplicadas, máis orientado á FP; e o de ensinanzas académicas, máis orientado ao Bacharelato e á Universidade. En calquera caso ambos terán a elixir 2 materias – total de 6 horas- específicas de opción dunha oferta de 9 materias, e outras 2 troncais de opción – 6 horas-; polo que se trata de opcións flexibles para o estudante.

O proxecto de decreto divide as ensinanzas de Bacharelato en 3 modalidades, nomeadamente Ciencias Sociais e Humanidades – que se subdivide en dúas vías-, Ciencias e Artes. En 1º de Bacharelato haberá 2 materias – 8 horas- troncais de opción a elixir entre unha oferta de ata 4 –dependendo da modalidade-, e 6 horas que se poderán repartir de varias formas, combinando materias específicas de opción, Relixión, materias de libre configuración ou das troncais de opción que non se escolleran xa (4 horas).

En 2º de Bacharelato haberá 2 materias – 8 horas- troncais de opción a elixir entre unha oferta de ata 5 –dependendo da modalidade-, e 8 horas que se poderán repartir de varias formas, combinando materias específicas de opción, Relixión, materias de libre configuración ou das troncais de opción que non se escolleran xa (4 horas).

Materias de libre configuración e reforzos

O decreto supón unha clara aposta pola lingua propia de Galicia, ao blindarse a presenza do galego coa mesma consideración e carga horaria (13 horas na ESO e 6 no Bacharelato) que as materias troncais, ao tempo que se mantén a aposta polo plurilingüismo.

Por outra banda, e ao igual que se fixo en Primaria, os currículos de ESO e Bacharelato reforzan a carga horaria das matemáticas, incrementan a carga horaria nas materias troncais (57% do total na ESO e 62,5% no Bacharelato), e manteñen as horas de Música e Educación Plástica no primeiro ciclo. Así mesmo, na ESO continuará a haber unha hora dedicada a titoría.

No referido ás materias de libre configuración autonómica, cúmprense os mandatos parlamentarios e constitúense como tal Xadrez e Oratoria na ESO. Así mesmo, establécense como tal na Educación Secundaria Obrigatoria as de Paisaxe e sustentabilidade en Galicia, Promoción de estilos de vida saudables, Programación, Investigación e tratamento da información e Educación financeira; dando resposta a demandas da comunidade educativa e a experiencias piloto xa postas en marcha  - por exemplo en programación e educación financieira- en cursos anteriores. Todas elas terán unha asignación horaria de 1 período lectivo semanal e poderán ofertarse e escollerse tanto en 1º como en 2º curso, ao non teren a condición de materias de contidos progresivos.

Na etapa de Bacharelato serán de libre configuración autonómica as materias de Antropoloxía, Literaturas hispánicas, Robótica, Xeografía e historia de Galicia, Literatura galega do século XX e da actualidade Patrimonio artístico e cultural galego, Ética e filosofía do dereito, Filosofía da ciencia e da tecnoloxía, Métodos estatísticos e numéricos. Todas elas terán unha carga horaria de 2 períodos lectivos.

A maiores, os centros educativos poderán establecer as de libre configuración, segundo o seu proxecto educativo e logo da correspondente autorización da Consellería, tal e como recolle o decreto.