A Consellería de Cultura e Educación facilitará o servizo de transporte escolar a 192 alumnos con discapacidades e o de comedor a outros 297

O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace á colaboración con asociacións especializadas na atención a estas persoas

O investimento destinado a este fin será de preto de 635.000 euros

Xov, 25/06/2015 - 17:35

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria facilitará no vindeiro curso 2015/2016 o servizo de transporte adaptado a 192 alumnas e alumnos con discapacidades e o de comedor escolar a outros 297, ao abeiro das sinatura de convenios de colaboración con asociacións especializadas na atención a estas persoas. Para iso, o Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace á sinatura destes convenios, que suporán un investimento de case 635.000 euros.

Os acordos encádranse no compromiso do departamento educativo da Xunta de Galicia coa atención á diversidade do alumnado galego, garantindo o acceso á educación dun sector da poboación escolar galega que require una atención específica e preferente. Neste sentido, cómpre tamén sinalar o carácter educativo que para este alumnado con distintos tipos de discapacidades ten o comedor escolar, en canto ao aprendizaxe de habilidades que redunden nunha maior autonomía persoal e, polo tanto, nunha maior inclusión.

Transporte adaptado

No referido ao servizo de transporte, a colaboración producirase coa Asociación Comarcal de Educación Especial Santísimo Cristo del Amor (ACEESCA), coa Asociación de Atención á Parálise Cerebral e Afíns (AMENCER-ASPACE), coa Asociación de Familias de Persoas con Discapacidade Psíquica das Comarcas do Barbanza e Noia (AMICOS), coa Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral- A Coruña (ASPACE-Coruña), coa Asociación a favor das Persoas con Discapacidade Intelectual da Provincia de Pontevedra (ASPANAEX), coa Asociación Pro Persoa cons Discapacidade Intelectual de Galicia (ASPRONAGA), con Baión Asociación para o Tratamento do Autismo (BATA), e coa Asociación BS ‘A Esperanza do Val Miñor’.

Trátase de escolares con distintos tipos de discapacidades que precisan nos seus traslados ao centro educativo dunha atención específica e personalizada, de acordo coas súas necesidades físicas e psíquicas particulares. Así, os convenios cobren os desprazamentos de ida e volta desde os domicilios dos rapaces aos seus centros escolares, así como a ou desde os centros en que reciban tratamento rehabilitador, cando este coincida co horario escolar. Ademais, o servizo obxecto do convenio estará adaptado ás necesidades horarias das alumnas e alumnos, moitas veces condicionadas polos tratamentos médicos que estes necesitan. Ao abeiro dos convenios, as devanditas asociacións comprométense a facilitar os desprazamentos cos vehículos adaptados que sexan necesarios, así como a prestar os pertinentes servizos especializados de acompañamento e atención ao alumnado trasladado. Pola súa banda, a consellería farase cargo do 80% do gasto derivado da prestación destes servizos. O servizo contará co apoio de 36 auxiliares e será prestado por 35 condutores.

Comedor escolar

No caso do comedor, asinaranse convenios para subvencionar este servizo a 297 alumnas e alumnos con discapacidade, en concreto con AMENCER-ASPACE, con ASPACE-CORUÑA, con ASPANAES, con ASPRONAGA, coa Fundación MENELA e coa Asociación Nuestra Señora de Chamorro.