Encontre a súa información...

Legalización de documentos académicos oficiais

A legalización de documentos que deben surtir efectos noutros estados é un proceso suxeito a convenios de carácter internacional. No caso de documentos acreditativos de estudos cursados en España, consta de dúas fases:

  1. Recoñecemento de sinaturas pola autoridade competente

  2. Posteriormente, legalización propiamente dita polo Ministerio correspondente.

Órganos competentes en cada fase

  • Órganos competentes para o recoñecemento de sinaturas :
    • Títulos, diplomas e certificados correspondentes a estudos derivados da Lei Orgánica 1/1990, de Ordenación Xeral do Sistema Educativo (LOXSE) e da Lei Orgánica 2/2006, de Educación (LOE), realizados en Galicia. O recoñecemento realízao a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.
    • Certificacións oficiais de estudos e Libros de Escolaridade, expedidos polos centros docentes situados en Galicia. Este recoñecemento realizarase pola Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación universitaria da provincia na que estea ubicado o centro educativo.
    • Títulos, diplomas e certificados correspondentes ás ensinanzas derivadas da Lei Xeral de Educación de 1970 ou de sistemas anteriores a esta, expedidos polo Ministerio de Educación, corresponden ao propio Ministerio.
    • O recoñecemento de documentos que non teñan carácter oficial (documentos privados) realízase mediante procedemento notarial.
  • Órganos competentes para a legalización:

Hai que distinguir dous supostos:

    • Ministerio de Xustiza, para documentos con destino a países signatarios do Convenio da Haya, de 5 de outubro do 1961.

    • Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación para documentos con destino a países NON signatarios do Convenio de la Haya.

Requisitos dos documentos

  • Teñen que ser oficiais, e con validez en todo o territorio nacional

  • Teñen que ser orixinais

  • Non se recoñecen rúbricas asinadas por orde, ausencia ou autorización.

Forma de presentación

  • Presencial: O recoñecemento da sinatura realizarase en horario de 9:00 a 14:00 horas de luns a venres. Contacte  coas unidades xestoras (documento adxunto) para confirmar a dispoñibilidade, así como para consultar os requisitos específicos en cada caso.

  • Por correo: pódese enviar a documentación académica por correo ordinario ou certificado, xunto cunha solicitude cos datos do solicitante, país no que surtirá efectos a documentación e enderezo postal ao que desexa que sexan devoltos os documentos unha vez recoñecida a sinatura.

Para máis información consulte os documentos adxuntos ou póñase en contacto coa Sección de Títulos do Servizo de Centros a través do enderezo electrónico titulosnu@edu.xunta.es.