Resolución de 5 de decembro de 2014, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se dá a coñecer o programa "Bibliotecas Escolares Solidarias", en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado

Ven, 05/12/2014 - 09:26

Bibliotecas Escolares Solidarias acolle varias actuacións destinadas a estimular o voluntariado cultural en relación coas bibliotecas e a lectura entre o alumnado dos niveis non universitarios e as súas familias, nos centros públicos de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e recoñecer os esforzos das comunidades educativas por conforma bibliotecas escolares que axuden a paliar as desigualdades no acceso ao coñecemento e ao uso dos recursos culturais e de aprendizaxe.

O programa inclúe dúas accións novas:

  • Selo "Biblioteca Escolar Solidaria", ao que poden optar os centros interesados, que reúnan determinados requisitos e presenten candidatura antes do 15 de maio de 2015.
  • Voluntariado na biblioteca escolar, que ten como finalidade recoñecer o tempo de colaboración na biblioteca escolar ao alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial (conservatorios, escolas oficiais de idiomas ou centros de ensinanzas de persoas adultas). Os centros interesados poderán adherirse a este programa antes do 31 de decembro de 2014. Rematado o curso, cumpridos os requisitos e previo envío da documentación que se recolle no apartado 3 da resolución,  a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado emitirá o correspondente diploma (no caso do alumnado menor de 18 anos) ou certificado de horas de voluntariado.

Inclúese neste programa a iniciativa posta en marcha en 2013/2014, Voluntariado de lectura-A. O prazo de presentación de solicitudes para participar, segundo Resolución de convocatoria do 24 de novembro de 2014, remata o vindeiro 15 de decembro.