Vázquez Abad reúnese co responsable de intercambios educativos de Ottawa para afondar nas estadías lingüísticas do profesorado galego nesta cidade de Canadá e abrir novas vías de colaboración

Na xuntanza abordaron as actividades de integración do Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras, PIALE

A través deste programa a Consellería oferta itinerarios formativos de integración en centros da provincia de Ontario co fin de potenciar e consolidar o nivel de competencia en lingua inglesa por parte dos nosos profesores e profesoras

Ao abeiro desta iniciativa, un total de 300 docentes galegos estiveron durante un mes en centros canadenses

O obxectivo principal destas actividades é formar profesionais debidamente cualificados para impartir docencia na rede de 3.223 seccións bilingües e 220 centros plurilingües do sistema educativo galego

Ven, 21/11/2014 - 11:20
 Vázquez Abad reúnese co responsable de intercambios educativos de Ottawa para a
Vázquez Abad reúnese co responsable de intercambios educativos de Ottawa para afondar nas estadías lingüísticas do profesorado galego nesta cidade de Canadá e abrir novas vías de colaboración

O conselleirode Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, mantivo hoxe un encontro co director de proxectos e intercambios internacionais no distrito educativo de Ottawa (Canadá), Constantine Ioannou, para avaliar conxuntamente as actividades de integración en centros da súa capital, das que xa gozaron máis de 300 profesores e profesoras de Galicia, así como para abrir novas vías de colaboración.

Ao abeiro do Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras (PIALE) a Consellería oferta itinerarios formativos de integración en centros de Ottawa, para potenciar a consolidación e adquisición de niveis de competencia lingüística e comunicativa en lingua inglesa, así como para que o profesorado coñeza de primeira man o funcionamento e metodoloxía empregados en centros educativos canadenses, país que conta cuns excelentes resultados nas avaliacións internacionais.

O obxectivo principal destas actividades é formar profesionais debidamente cualificados para impartir docencia na rede de 3.223 seccións bilingües e 220 centros plurilingües do sistema educativo de Galicia.

Na reunión o conselleiro Vázquez Abad e o director de proxectos educativos de Ottawa, Constantine Ioannou, analizaron a marcha destas estadías, o grao de integración do profesorado galego nas actividades e o interese amosado por elas.

Do mesmo xeito, con este encontro a Consellería abre novas vías de colaboración internacional, que amplían as experiencias anteriores, desenvolvidas cos acordos coa provincia de Alberta en Canadá ou coa Academie de Amiens en Francia.

Mediante eses acordos o profesorado galego pode participar cada outono en actividades de integración en centros de Alberta ou de Amiens dentro do programa de Licenzas por formación.