Catrocentos estudantes de 18 centros educativos participarán nas estadías lingüísticas convocadas pola Consellería de Cultura e Educación para este outono

Esta liña do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeira supón a desestacionalización do modelo de estadías formativas de linguas estranxeiras, ampliándoo así a todo o curso escolar

A concorrencia de preto de 130 centros á convocatoria constitúen esta actividade como un total éxito

Xov, 16/10/2014 - 16:28
 Catrocentos estudantes de 18 centros educativos participarán nas estadías lingü
Catrocentos estudantes de 18 centros educativos participarán nas estadías lingüísticas convocadas pola Consellería de Cultura e Educación para este outono

Un total de 400 alumnas e alumnos de 18 centros educativos participarán este outono nas estadías para a formación en linguas estranxeiras – concretamente en inglés- convocadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Con esta nova liña do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras o departamento educativo da Xunta de Galicia desestacionaliza o modelo de actividades de formación a través de estadías. Trátase dun importante esforzo da Consellería, máis no actual contexto económico, de ampliar por segunda vez a todo o ano unhas estadía que ata este momento só se desenvolvían en verán.

Cómpre salientar o total éxito desta iniciativa, de feito solicitaron participar nestas estadías preto de 130 centros educativos. A relación de centros pode consultarse no portal educativo da Xunta de Galicia /portal/node/13661.

Nas estadías, que terán unha semana de duración, participarán alumnas e alumnos de 6º curso de educación primaria e dos catro cursos da ESO matriculado en centros públicos. As actividades organizaranse en cinco quendas, a primeira delas -do 2 ao 9 de novembro- será para os estudantes de sexto de primaria; a segunda, do 9 ao 15 de novembro, para os estudantes de primeiro de ESO; a terceira, do 16 ao 22 de novembro, para os de segundo de ESO; a cuarta, do 23 ao 29 de novembro, para os de terceiro de ESO; e, xa por último, a quinta quenda, que será do 30 de novembro ao 06 decembro, para o alumnado de cuarto de ESO. 

O  obxectivo desta iniciativa é mellorar as competencias en lingua inglesa das rapazas e rapaces, a través dunha experiencia de comunicación neste idioma nun entorno no que se combina a aprendizaxe da lingua inglesa e se mesturan actividades de formación e actividades culturais.