A Consellería de Cultura e Educación e RECLIMA colaborarán na formación do alumnado de FP e na acreditación da experiencia laboral dos traballadores

A Asociación de Empresarios de Refrixeración, Climatización e Maquinaria de Hostalería de Ourense organizará tamén visitas para que o alumnado de educación secundaria coñeza os seus centros de traballo, promovendo ao tempo a cultura emprendedora

Ven, 19/09/2014 - 17:28
A Consellería de Cultura e Educación e RECLIMA colaborarán na formación do alumn
A Consellería de Cultura e Educación e RECLIMA colaborarán na formación do alumnado de FP e na acreditación da experiencia laboral dos traballadores

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e mais a presidenta da Asociación de Empresarios de Refrixeración, Climatización e Maquinaria de Hostalería de Ourense (RECLIMA), Inmaculada González Torres; asinaron hoxe un convenio ao abeiro do que ambas as partes colaborarán na formación do alumnado de FP, así como na acreditación da experiencia laboral dos traballadores das empresas que compoñen a asociación, entre outros puntos.

O obxectivo é implicar a empresas e entidades empresariais de sectores claves da economía galega na cualificación dos estudantes da formación profesional, de tal forma que a FP dea resposta ás necesidades particulares do noso tecido produtivo e isto poida redundar nun maior crecemento.

A Asociación de Empresarios de Refrixeración, Climatización e Maquinaria de Hostalería de Ourense naceu en xullo de 2001 co fin de de representar os intereses profesionais comúns das empresas que desenvolven a súa actividade neste sector. Na actualidade RECLIMA conta cunha vintena de integrantes, todos eles pequenas e medianas empresas de carácter empresarial, que prestan servizo a establecementos de alimentación, de hostalería, comunidades de veciños, particulares ou calquera empresa que precise deste tipo de instalación.

Formación en centros de traballo

Ao abeiro deste acordo os estudantes de FP poderán realizar o módulo de Formación en Centros de Traballo (FCT) de cadanseu ciclo nas instalacións das empresas que integran RECLIMA, con titores asignados pola asociación e polo centro educativo no que curse cada alumno as ensinanzas.

Así mesmo poderanse organizar actividades de formación – cursos, seminarios…- arredor de temas de interese no sector dirixidos tanto ao alumnado como ao profesorado e aos traballadores. Neste sentido, RECLIMA comprométese a colaborar tamén no programa de formación e actualización do profesorado a través de estadías dos docentes en empresas da asociación; así como no plan de prevención de riscos específicos nos centros de FP.

Recoñecemento da experiencia e fomento do emprendemento

Por outra banda, e no marco do Plan de recoñecemento da experiencia profesional, a Consellería analizará con RECLIMA a posibilidade de acreditar a experiencia profesional dos traballadores das empresas asociadas e convocar as cualificacións profesionais vinculadas a determinados postos de traballo das mesmas.

Así mesmo, RECLIMA organizará visitas a empresas para alumando de educación secundaria co fin de dar a coñecer e promover as actividades vinculadas á FP. Ademais, e no marco do Plan Eduemprende da Xunta de Galicia, realizaranse charlas e encontros con persoas emprendedoras para promover a cultura do emprendedurismo entre os máis novos.