A Consellería de Educación investirá máis de 6,5 millóns de euros para a construción do novo IES de Milladoiro

Con este centro dáse resposta ás necesidades educativas do Concello de Ames
Xov, 05/08/2010 - 17:56

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vai dar resposta ás necesidades educativas dunha poboación en crecemento como é o Concello de Ames a través da construción dun novo instituto de educación secundaria no Milladoiro.

Para iso, o Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace ao expediente de gasto polo que se investirán máis de 6,5 millóns de euros ata 2012 para construír un centro en que as alumnas e alumnos poderán cursar estudos nas súas 16 unidades de ESO e 3 de bacharelato. O IES contará ademais cunhas completas instalacións deportivas, así como con servizo de cafetaría e local para comedor, entre outras dependencias.

O 21 de novembro de 2005 asinouse o protocolo entre a Consellería e o Concello, pero non foi ata marzo de 2009 cando se completou pola entidade local a documentación preceptiva para poder dar trámite ao procedemento de aceptación dos terreos por parte da Xunta de Galicia. Tras isto, o proceso culminou coa publicación no DOG o pasado 21 de xullo de 2010 do decreto polo que se acepta a cesión a título gratuíto do inmoble.

Con este investimento a Consellería de Educación continúa a facer realidade un dos seus obxectivos prioritarios, como é o de dar un salto cualitativo e cuantitativo nas edificacións da rede de centros públicos de ensino non universitario de Galicia. Deste xeito dáse resposta ás necesidades educativas da comunidade, impulsando ao mesmo tempo para todo o alumnado a igualdade de acceso a uns centros educativos de vangarda con instalacións de calidade.