A Consellería de Cultura e Educación publica os proxectos dos premios ás boas prácticas de innovación educativa desenvolvidas nos centros públicos galegos

O obxectivo dos premios foi incentivar as dinámicas educativas que propician a actualización e a motivación do profesorado, así como promover a adquisición efectiva de coñecementos por parte do alumnado e mellorar a calidade na educación

Nas sete modalidades obxecto da convocatoria participaron un total de noventa centros educativos públicos galegos

Ven, 28/03/2014 - 14:09
premios ás boas prácticas de innovación educativa desenvolvidas nos centros públ
premios ás boas prácticas de innovación educativa desenvolvidas nos centros públicos galegos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria resolveu en decembro do pasado ano os premios ás Boas Prácticas de Innovación Educativa desenvolvidas ao longo o curso 2012/2013. Estes galardóns recoñeceron o traballo desenvolvido por dezaoito dos noventa centros públicos que participaron nas sete modalidades convocadas.

A dotación económica destes premios ascendeu a 39.600 € e tivo a seguinte distribución:

Premios por modalidade

Importe do premio

Un 1º premio

3.000 €

Un 2º premio

2.000 €

accésit

1.150 €

 

En especial, valoráronse os proxectos centrados na mellora da convivencia nos centros e da atención á diversidade en todas as súas vertentes, no uso innovador das tecnoloxías da información e da comunicación, no desenvolvemento das competencias básicas, a mellora da aprendizaxe e do uso da lingua galega e das linguas estranxeiras e na posta en marcha de iniciativas de emprendemento. Como recoñecemento á labor desenvolvida polo profesorado, estes premios levaron consigo un certificado de premios de innovación educativa para os docentes implicados nos proxectos.

A finalidade da publicación destes recursos educativos é, por unha banda, divulgalos e poñelos á disposición da comunidade educativa, e, por outra, incentivar o intercambio de boas prácticas entre centros, tendo en conta o abano de actuacións desenvolvidas e as distintas temáticas contempladas.

A prol da convivencia

Na primeira das modalidades, relacionada coa ‘Mellora da convivencia’, o primeiro premio recaeu no IES Alfonso X O Sabio, no concello de Cambre, co traballo titulado “Un modelo de convivencia”, que propón sete iniciativas para lograr unha mellora substancial na adquisición da competencia social e cidadá por parte do alumnado, así como unha mellora da convivencia no centro.

En segundo lugar, na modalidade de ‘Atención á diversidade’ resultou gañador o IES Plurilingüe de Ames, no concello homónimo, co traballo “Proxecto eslabón. Viaxe no tempo. O musical 2011-2013”, cuxo obxectivo último é que o alumando desenvolva as competencias encamiñadas ao traballo en equipo.

Na modalidade que atinxe ao ‘Uso innovador das tecnoloxías da información e da comunicación (TICs)’ resultou galardoado o IES Manuel García Barros, no concello da Estrada. Co seu proxecto “Dives Gallaecia” desenvolve un traballo colaborativo sobre a romanización da Gallaecia, recompilando documentación que conflúe nun punto de encontro para os docentes.

Por último, na modalidade de ‘Desenvolvemento das competencias básicas’ o premio foi outorgado ao IES Plurilingüe Fontem Albei, no concello da Fonsagrada, co traballo “Aprendizaxe por proxectos no desenvolvemento das CCBB”. Na súa realización foi determinante a participación do centro no proxecto COMBAS, na Modalidade A2, impulsado dende o MECD, así como en varios programas do Plan Proxecta.

O uso das linguas

Na ‘Mellora da aprendizaxe e do uso da lingua galega’ resultou galardoado o IES Félix Muriel, no concello de Rianxo, co traballo titulado “Rianxo fala”, cuxa finalidade é que o alumnado do IES acade unha mellora da competencia lingüística en lingua galega.

A segunda das modalidades relacionadas coa lingua é a Mellora da aprendizaxe e do uso das linguas estranxeiras. O centro gañador foi o CEIP Wenceslao Fernández Flórez, no concello de Cambre, co traballo “Uso das TIC nas seccións bilingües”, que busca mellorar a competencia dixital do noso alumnado e o uso eficaz das novas tecnoloxías.

A Formación Profesional

Na última das modalidades, que corresponde ás ‘Iniciativas de emprendemento e/ou de innovación metodolóxica na Formación Profesional’, resultou seleccionado o traballo do CIFP Ánxel Casal-Montealto, no concello da Coruña, co traballo “Inclusión do alumnado con deficiencia auditiva. Acústica das aulas e acceso á linguaxe oral”. Partindo da análise da situación actual da acústica nas aulas, a súa influencia no acceso á mensaxe oral por parte do alumnado con perda auditiva, así como as súas repercusións no desenvolvemento da linguaxe oral, da lectoescritura e, polo tanto, nos resultados académicos, con este traballo búscase atopar solucións aos problemas enumerados.

Estes proxectos e accésits xa poden ser consultados no enlace web  www.edu.xunta.gal/portal/node/11803