A Consellería de Cultura e Educación incentiva o uso das Bibliotecas Escolares nas actividades de investigación mediante un ‘Concurso de Traballos por Proxectos‘

O departamento educativo da Xunta de Galicia premiará as iniciativas dos centros que desenvolvan o currículo escolar e reforcen as competencias básicas, mediante metodoloxías activas que empreguen a biblioteca como fonte de recursos

Concederanse 16 premios, dotados cun total de 24.000 euros

Xov, 13/03/2014 - 12:06
A Consellería de Cultura e Educación incentiva o uso das Bibliotecas Escolares n
A Consellería de Cultura e Educación incentiva o uso das Bibliotecas Escolares nas actividades de investigación mediante un ‘Concurso de Traballos por Proxectos‘

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de lanzar unha nova iniciativa no ámbito das bibliotecas escolares: a convocatoria do primeiro ‘Concurso de Traballos por Proxectos’, co que se procura estimular, mediante o recoñecemento de boas prácticas, o deseño e desenvolvemento de proxectos de carácter interdisciplinar ou de proxectos de investigación baixo a coordinación do equipo da biblioteca escolar ou co apoio desta, realizados en centros non universitarios durante o presente curso 2013/2014. 

Este novo certame enmárcase no Plan LÍA 2010-2015 (Lectura, Información, Aprendizaxe) de Bibliotecas Escolares da Consellería, que ten entre os seus obxectivos xerais favorecer a adquisición das competencias básicas do alumnado galego, contribuír ao éxito escolar e incentivar o uso das bibliotecas escolares por parte das comunidades educativas. O Plan tamén persegue promover cambios no profesorado que faciliten a integración das tecnoloxías emerxentes, a mellora da calidade e a renovación das prácticas educativas. De feito, unha das liñas estratéxicas do plan é a de ampliar a visibilidade de boas prácticas que se estean a levar a cabo nos centros educativos a través das bibliotecas escolares, e que están a ter un papel fundamental para a adquisición da competencia informacional por parte do alumnado, así como para o tratamento transversal dos contidos do currículo escolar e un enfoque interdisciplinar en proxectos e actividades.

As bibliotecas escolares cumpren unha función esencial nos centros, pois apoian a  profesorado e alumnado nos distintos procesos de ensinanza e de aprendizaxe que se producen ao longo do curso escolar, mediante a dispoñibilidade de recursos diversos de lectura e de información (en todos os soportes e formatos), pero tamén mediante a realización de actividades ou a coordinación de proxectos que axudan a acadar obxectivos de aprendizaxe e competencias clave para o alumnado na actual sociedade da información.

A convocatoria vén ademais a dar resposta á actividade que xa se realiza nos centros educativos, onde se constata unha introdución progresiva da metodoloxía de aprendizaxe por proxectos, liderados pola biblioteca escolar ou que se desenvolve co seu apoio.

Modalidades

Os centros interesados en participar deberán enviar a súa solicitude acompañada dunha pequena memoria do proxecto á Consellería, cun prazo que remata o 30 de xuño de 2014.

A convocatoria establece dúas modalidades de participación. A primeira delas será para proxectos de carácter interdisciplinar, ou Proxectos Documentais Integrados, coordinados desde a biblioteca escolar, e que conten coa participación dun mínimo do 40% dos grupos-aula existentes no centro ou dun 40% dos departamentos. Nesta modalidade haberá tres premios de 2.000 euros cada un para os traballos de temática xeral, e outros tres premios da mesma contía para os traballos con temáticas do ámbito científico.

A segunda modalidade será para os proxectos de investigación dirixidos por profesorado, nas sub-modalidades de traballos de grupo/nivel, de ciclo/departamento e de proxectos realizados na materia de “Proxecto Interdisciplinar” de 1º curso de ESO. No caso dos traballos de grupo/nivel haberá dous premios de 1.000 euros para os de temática xeral e outros dous da mesma contía para os de ámbito científico; mentres que para os de ciclo/departamento serán dous premios de 1.500 euros para proxectos de temática xeral e outros dous de 1.500 euros para os científicos. A terceira sub-modalidade terá un galardón con asignación de 1.000 euros para os traballos de temáticas xerais e outro da mesma contía para os de ámbito científico. Os centros galardoados destinarán a asignación recibida á biblioteca escolar do centro, para o desenvolvemento de actividades de fomento da lectura e de traballo coa información.

Todos estes traballos teñen que realizarse co apoio e colaboración da biblioteca escolar e contando cos seus recursos e posibilidades. Para a avaliación das propostas presentadas o xurado valorará a súa orixinalidade e interdisciplinariedade, a integración e aproveitamento dos recursos da biblioteca no proxecto, a contribución do mesmo ao desenvolvemento do currículo e adquisición das competencias básicas, ou a súa achega á competencia informacional e mediática do alumnado, entre outros criterios.

Para cumprir cos obxectivos da convocatoria a Consellería terá dereito á reprodución, publicación, distribución e comunicación dos traballos premiados para a súa consulta e descarga en liña do seu contido. Así mesmo, poderán ser difundidos a través das actividades e dos medios da Rede de formación permanente do profesorado, co fin de impulsar o desenvolvemento deste tipo de iniciativas e boas prácticas entre os centros de ensino.

As bibliotecas na mellora do sistema educativo

A Consellería está a facer unha forte aposta polas bibliotecas escolares, cuxa achega á mellora do sistema educativo vén avalada por resultados como os de Galicia do informe PISA 2012, onde a nosa comunidade rexistrou unha mellora de 13 puntos na competencia lectora, 11 puntos por riba da media nacional e 3 puntos por riba da media da OCDE.

Así mesmo, as bibliotecas escolares galegas están a ver recoñecido o seu traballo a través de numerosos premios de boas prácticas a nivel nacional, grazas a esta estratexia de impulso que supón o Plan LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares (Lectura, Información, Aprendizaxe). De feito, son xa 524 centros de ensino os integrados no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), 300 máis das que había ao inicio da lexislatura. En breve, publicarase unha nova convocatoria deste programa para a incorporación de novos centros para o curso 2014/2015.

Ademais, un total de 115 bibliotecas escolares contan este curso con lectores electrónicos grazas ao apoio da Consellería a través da ampliación do proxecto ‘E-Lectores nas bibliotecas escolares’ (E-LBE), posto en marcha o pasado curso. O obxectivo é apoiar aos centros educativos diante das transformacións que se están a producir na forma de presentar os textos, en boa medida relacionadas coas novas tecnoloxías.

Así mesmo, o Plan LÍA incorporou este curso unha nova iniciativa para recoñecer e impulsar as actitudes de colaboración e solidariedade entre o alumnado galego a través das bibliotecas escolares, ‘Voluntariado de Lectura-A’. Neste programa, que converte a Galicia en Comunidade Autónoma pioneira na creación dunha iniciativa para recoñecer o voluntariado de lectura do alumnado desde o ensino en primaria, participan un total de 44 centros educativos.