Membros do proxecto europeo de escolas rurais que traballan coa computación na nube reúnense na Consellería de Cultura e Educación

Galicia participa no proxecto 'RuralSchoolCloud', no que escolas do noso rural e de Dinamarca, Grecia, Italia, Macedonia e Reino Unido experimentan con metodoloxías e ferramentas na nube

Xov, 12/12/2013 - 13:36
Membros do proxecto europeo de escolas rurais
Membros do proxecto europeo de escolas rurais que traballan coa computación na nube reúnense na Consellería de Cultura e Educación

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acolleu hoxe a reunión de membros do proxecto “RuralSchoolCloud. Cloud Computing for School Networking & Learning” (Computación na Nube para a Colaboración e a Aprendizaxe na Escola), no que se poñen en práctica metodoloxías e ferramentas TIC innovadoras no ámbito da educación en centros educativos rurais para mellorar a formación e colaboración de alumnos e docentes.

Galicia participa nesta iniciativa a través da Consellería de Cultura e Educación e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). O Centro de Supercomputación de Galicia e o grupo de investigación en Tecnoloxía Educativa da USC coordinan o proxecto, que aproveita experiencias ‘cloud’ como a posta en marcha en colaboración con Cultura e Educación e a Amtega nos CRA de Boqueixón, Vilaboa, Ponteceso e Ribadavia. Son precisamente estas escolas as que participan neste novo proxecto a nivel europeo.

A iniciativa conta ademais co apoio da firma informática compostelá Balidea Consulting & Programming e da compañía tecnolóxica HP, que colaboran tamén en iniciativas precedentes neste ámbito. O resto de socios pertencen a institucións educativas de Dinamarca, Grecia, Italia, Macedonia e Reino Unido con relación directa con centros educativos ubicados no rural ou en zonas con dispersión poboacional.

Ao encontro de hoxe asistiron o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; María R. Malmierca e Diego Nieto, do CESGA; Beatriz Cebreiro, Carmen Morante, Santiago Argüeso, Carol Gillanders e Javier Garbayo, da USC; Bruno Rubio, de Balidea; e Yolanda Neira e Cruz Martínez, do CRA de Boqueixón-Vedra. Así mesmo tomaron parte na reunión Santoas Agudo, do Goberno da Rioxa; e mais Samuel Gómez e Vanessa Ibañez, en representación dun colexio rural agrupado desta mesma Comunidade rioxana.

A representación de outros países estivo conformada por Hanne Wacher Kjaergaard e Raffaele Brahe-Orlandi (Dinamarca); Arturo Gagliardi e Mariangela Pastanella (Italia); Konstantina Zachari, Sokratis Pappas e Spiros Ntouvlis (Grecia), Bill Houldsworth e Geoff Tew (Reino Unido); e Zoran Janakiev (Macedonia).

Intercambio de experiencias

RuralSchoolCloud terá dous anos de duración e basearase no intercambio de experiencias entre escolas do rural de 6 países europeos, así como entre os axentes implicados en deseñar programas innovadores e proporcionar contornas de colaboración tanto para o alumnado como para os docentes. A partir delas, buscarase unha metodoloxía e ferramentas de traballo comúns, nas que se aproveitarán as mellores solucións desenvolvidas en proxectos anteriores, traballando sobre novas posibilidades da computación na nube e outras solucións TIC que xa se están a empregar nos centros educativos rurais europeos, con diferentes sistemas educativos, idades e características diferentes.

As solucións metodolóxicas e tecnolóxicas desenvolvidas serán levadas á práctica polas escolas (de educación infantil, primaria e secundaria) involucradas no proxecto, dous centros por cada país, co obxecto de acadar unha maior colaboración entre estes centros e, en definitiva, unha mellora da calidade do ensino.