Cultura e Educación promove a conmemoración do Día da Memoria do Holocausto nos centros educativos galegos

A Cidade da Cultura de Galicia acolle hoxe unha xornada de formación para proporcionar ao profesorado información, ideas e recursos referentes a esta temática

Sáb, 30/11/2013 - 10:31
O secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén, participou na inaugura
O secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén, participou na inauguración deste encontro

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove a conmemoración do ‘Día da Memoria do Holocausto’ o vindeiro 27 de xaneiro nos centros educativos galegos. Para iso a Cidade da Cultura de Galicia acolle hoxe unha xornada de formación do profesorado - organizada polo centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) da Consellería- que ten como obxectivo proporcionar aos docentes información, ideas e recursos para transmitir ao alumnado a importancia deste feito histórico.

O secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén, participou na inauguración deste encontro, que a Consellería organiza en colaboración co Centro Sefarad-Israel, no que participan docentes de primaria, ESO e Bacharelato. Durante a súa intervención o secretario xeral técnico salientou a necesidade de “procurar no pasado elementos de coñecemento e reflexión e ir converténdoos nun legado para as xeracións vindeiras. Promover entre os cidadáns a memoria a través da tolerancia, sobre todo entre os máis novos, porque son a sociedade do futuro”.  Neste sentido o secretario xeral técnico incidiu en facelo facendo fincapé nos dereitos humanos, “porque, se hai fórmulas contra o racismo, a xenofobia ou as discriminacións de calquera tipo son a educación e a lembranza a través das que acadar a precisa sensibilización fronte aos feitos históricos”.

Desta forma agradeceu o traballo conxunto da área de holocausto e antisemitismo do Centro Sefarad-Israel e da subdirección xeral de formación do profesorado da consellería de Cultura e Educación, un labor que permitiu a celebración destas xornadas en prol dun traballo de reflexión continua.

Un día para o recordo

A Organización das Nacións Unidas sinalou o 27 de xaneiro como data de recordo ás vítimas do Holocausto, coincidindo co día no que (en 1945) o exército soviético liberou o maior campo de exterminio nazi, Auschwitz-Birkenau. En 2004 España recoñeceu esta conmemoración baixo o nome de ´Día da Memoria do Holocausto e da Prevención dos Crimes contra a Humanidade’.

Durante a xornada de hoxe os docentes asistirán a relatorios nos que se lles transmitirá a historia do Holocausto así como materiais e recursos – documentais, exposicións...- cos que tratar o asunto desde o currículo escolar, en concreto desde as materias de ciencias sociais, xeografía, historia e filosofía. O obxectivo é introducir estas ensinanzas nos centros educativos, marcando como data de referencia o 27 de xaneiro, de tal forma que as alumnas e alumnos sexan conscientes da gravidade dos feitos e poidan transmitilo así ao seu entorno.

 

A iniciativa enmárcase no programa da Comisión Europa ‘Europa para os cidadáns’, na acción 4 ‘Memoria activa europea’. Ademais forma parte do Plan Anual de Formación do Profesorado da Consellería, polo que o profesorado participante poderá homologala como 8 horas de formación.