Cultura e Educación ofrece a máis de 200 docentes formación para o desenvolvemento do Plan Proxecta nos programas vinculados a igualdade e xuventude, dirixidos a máis de 8.200 escolares

A esta xornada formativa asistiron máis de 200 profesoras e profesores de toda Galicia

Cultura e Educación desenvolve este plan coa colaboración do resto das Consellerías da Xunta de Galicia co obxectivo de fomentar a innovación educativa nos centros e a educación en valores a través de estratexias metodolóxicas activas e cooperativas

Sáb, 30/11/2013 - 10:30
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coa Vicepresidencia da Xunta de Galicia e coa Consellería de Traballo e Benestar, celebrou esta mañá a cuarta e última Xornada de Formación Inicial do Plan Proxecta

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coa Vicepresidencia da Xunta de Galicia e coa Consellería de Traballo e Benestar, celebrou esta mañá a cuarta e última Xornada de Formación Inicial do Plan Proxecta, centrada nos programas vinculados con Igualdade e Xuventude: ‘Quérote+’, ‘Parlamento Xove’, ‘Rede de Centros Escolares Solidarios’, ‘Correspondentes Xuvenís 3.0’, ‘Por 365 días de respecto e igualdade’ e ‘Donas de si’. A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; e os directores xerais de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, presentaron no CIFP Politécnico de Santiago esta actividade formativa dirixida a máis de 200 profesoras e profesores de toda Galicia.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella avogou por poñer en valor a igualdade no ámbito educativo e sensibilizar aos mozos e mozas sobre a violencia de xénero. Segundo dixo, é fundamental que a formación en igualdade se incorpore ás prácticas pedagóxicas do ensino, o que abrangue tamén á formación dos profesionais que se ocupan das tarefas educativas.

Na súa intervención, López Abella salientou que “a coeducación é unha das ferramentas máis útiles para poder acabar coa desigualdade transformando así a realidade” e a escola constitúe “unha plataforma excelente” para a superación dos prexuízos sexistas e para acadar un cambio en profundidade das estruturas e das prácticas sociais non desexables.

Dentro do Plan Proxecta, Igualdade ten en marcha o programa “Donas de Si”, destinado a poñer en valor o papel político, social, artístico e cultural das mulleres, de xeito que se supere o baleiro existente respecto da realidade das mulleres galegas nos diferentes períodos e se dote ás xeracións actuais de referentes femininos. Este programa ofrece formación ao profesorado, asesoramento especializado,  material didáctico sobre a figura de Emilia Pardo Bazán e visitas guiadas á Casa Museo Emilia Pardo Bazán para o alumnado dos centros participantes. A secretaria xeral da Igualdade sinalou, ademais, que na actualidade se está a preparar un novo material sobre a figura de Concepción Arenal.

Doutra banda, o programa “Por 365 días de respecto e igualdade” está centrado na prevención da violencia de xénero no ámbito educativo e ten como obxectivo proporcionarlles aos mozos e mozas a formación necesaria e as ferramentas que lles permitan coñecer e recoñecer a violencia contra as mulleres. Trátase, desde a escola, de fomentar a súa autoestima e autonomía e traballar na eliminación de estereotipos sexistas e falsas crenzas para que eles mesmos actúen na prevención da violencia.

Pola súa banda o director xeral de Xuventude e Voluntariado destacou a importancia de complementar o currículo académico que aportan os estudos regrados coas experiencias e competencias adquiridas mediante a participación activa en programas de educación non formal. Para o responsable de Xuventude, “a participación xuvenil e o compromiso social directo levan consigo o desenvolvemento nos mozos e mozas de valores tremendamente positivos, como son o traballo en grupo, a solidariedade, a responsabilidade e o sentido da iniciativa”.

Implicación do profesorado

O representante da Consellería de Cultura e Educación, Manuel Corredoira, salientou o papel central do profesorado no necesario proceso de cambio constante do ensino para acadar unha educación de calidade, que pode ser o reto máis importante para unha sociedade tan complexa como a actual. “A innovación educativa ten como un dos combustibles principais do seu motor a creatividade. Integra categorías como iniciativa, inventiva, orixinalidade, disposición ao cambio, aceptación do risco, proceso adaptativo, pero, sobre todo, cooperación e disposición a compartir valores, proxectos, procesos, actuacións conxuntas e propostas que melloren os procesos educativos”, dixo.

O director xeral salientou ademais o éxito do Plan Proxecta, no que neste curso participan con 876 proxectos máis de 5000 profesores e profesoras de 433 centros educativos. “A semente da creatividade espállase a través de proxectos de innovación curricular como os que o profesorado aquí presente está botando a andar con ilusión nos seus centros”, salientou, agradecendo a implicación dos docentes.

A xornada ofreceu un bloque común centrado na ‘Elaboración de proxectos interdisciplinarios e cooperativos dentro do Plan Proxecta’ e nas ‘Ferramentas dixitais para o desenvolvemento dos proxectos’. Ademais, contou con dúas seccións centradas tanto nas características específicas e nas dinámicas de cada programa, como en exemplos de boas prácticas realizadas nas aulas. Estas experiencias de proxectos xa realizados servirán como modelos para o desenvolvemento das actividades a levar a cabo en cada centro.

Fomento da innovación educativa nos centros escolares

O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración co resto de Consellerías da Xunta de Galicia que busca fomentar a innovación educativa nos centros a través de 25 programas que desenvolverán de xeito paralelo ás competencias básicas e á educación en valores a través de estratexias metodolóxicas activas e cooperativas cristalizadas nun proxecto interdisciplinario.

Proxecta parte dos contidos curriculares e céntrase en crear novas dinámicas nas aulas. Dinámicas innovadoras que supoñen a cooperación entre o alumnado, entre o profesorado e, incluso, entre o centro e a súa comunidade educativa e o seu contorno más próximo. Dinámicas que desenvolvan de xeito máis globalizado e transversal as competencias básicas e a educación en valores mediante proxectos motivadores que acaben creando unha rede de colaboración mediante ferramentas como Redeiras, a rede social do profesorado galego.

Trátase dunha idea xurdida da colaboración da Consellería de Cultura e Educación con diferentes organismos da Administración autonómica que facilita a organización a principios de curso dos 25 programas e que permite integralos na Programación Xeral Anual dos centros e nas programacións específicas dos centros participantes. Deste xeito, ao tempo que se crea unha rede de traballo cooperativo, dáselle visibilidade ao traballo innovador realizado nos centros e recoñécese o traballo e o esforzo realizado polo profesorado, os centros e o seu alumnado.

O obxectivo deste tipo de proxectos é que o alumnado sexa quen de adquirir unha actitude proactiva motivada polos valores a desenvolver transversalmente e que supoñan o desenvolvemento da súa capacidade para traballar en equipo, aportando iniciativa persoal e propostas positivas para a sociedade.

Menús News node R