A Consellería de Cultura e Educación forma a máis de 150 docentes no aproveitamento da intelixencia emocional

As xornadas contan coa participación do prestixioso especialista Josep Toll Sayeras

Ven, 29/11/2013 - 18:07
 A Consellería de Cultura e Educación forma a máis de 150 docentes no aproveitam
A Consellería de Cultura e Educación forma a máis de 150 docentes no aproveitamento da intelixencia emocional

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria forma hoxe e mañá a máis de 150 docentes de infantil primaria e secundaria no aproveitamento da intelixencia emocional do alumnado no ensino, a través dunhas xornadas organizadas polo Centro de Formación e Innovación (CAFI) e polo Centro de Formación e Recursos de Ourense. O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, representou hoxe á Consellería na inauguración desta actividade, que conta coa participación do prestixioso especialista Josep Toll Sayeras.

Durante a súa intervención o director xeral salientou a necesidade de potenciar a mellora emocional “como complemento indispensable do progreso cognitivo, constituíndo ambas capacidades os piares esenciais da construción da personalidade integral dos estudantes”. “Cando a educación non inclúe os sentimentos, non pasa de ser una simple instrución.  A sociedade na que estamos a vivir, rodeados de novas tecnoloxías coas que o noso alumnado convive dende o seu nacemento, non pode facer que esquezamos a xestión das emocións, crucial para o desenvolvemento pleno do alumno como persoa”.

O director xeral sinalou a formación permanente do profesorado de calidade como unha das prioridades da Consellería “xa que é, sen dúbida, un dos piares da calidade educativa pola que todos traballamos”. Así, valorou a importancia destas xornadas, xa que “as habilidades emocionais, afectivas e sociais que os docentes teñen que incentivar no alumnado han de ser ensinadas previamente por un equipo docente que domine estas capacidades”. “Non hai que esquecer, tampouco, que a mellora da intelixencia emocional no profesorado non só servirá para conseguir un alumnado emocionalmente máis preparado, senón que axudará ao docente a adquirir habilidades que lle permitan afrontar mellor as relacións cos compañeiros, as familias e os propios rapaces", engadiu. No acto, celebrado no IES Universidade Laboral, participou tamén a xefa territorial da Consellería na provincia, Mercedes Gallego.

Aposta da Consellería pola formación docente

As xornadas, que se enmarcan no Plan Anual de Formación do Profesorado da Consellería e están homologadas para o recoñecemento de 8 horas de formación, completan outro curso de 20 horas no que docentes de infantil e primaria coñecen as posibilidades da intelixencia emocional na aula. O encontro de hoxe comezou coa conferencia inaugural de Josep Toll, formador, educador e licenciado en Filosofía, que tamén ofrecerá mañá relatorios sobre a educación emocional.

O obxectivo da actividade é axudar aos docentes a comprender os mecanismo psicobiolóxicos do comportamento humano e a coñecer o novo paradigma de intelixencia emocional. Na sesión do sábado o poñente presentaralles os fundamentos psicopedagóxicos e didácticos da educación emocional, e amosaralles recursos e métodos para desenvolver as competencias emocionais básicas no alumnado.

Con esta iniciativa a Consellería busca poñer a disposición do profesorado unha formación que lles proporcione recursos para enfrontar os retos que plantexa o ensino nos nosos días, actualizando os seus coñecementos a través das figuras máis relevantes da investigación en cada eido, como é neste caso Josep Toll.

Menús News node R