Cincocentos estudantes de 27 centros educativos participarán de forma gratuíta nas estadías lingüísticas convocadas pola Consellería de Cultura e Educación para este outono

Esta nova liña do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeira supón a desestacionalización do modelo de estadías formativas de linguas estranxeiras, ampliándoo así a todo o curso escolar

A concorrencia de 150 centros á convocatoria avala o éxito desta iniciativa

Ven, 25/10/2013 - 13:40
Cincocentos estudantes de 27 centros educativos participarán de forma gratuíta n
Cincocentos estudantes de 27 centros educativos participarán de forma gratuíta nas estadías lingüísticas convocadas pola Consellería de Cultura e Educación para este outono

Un total de 500 alumnas e alumnos de 27 centros educativos participarán este outono nas estadías para a formación en linguas estranxeiras – concretamente en inglés- convocadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e que son totalmente gratuítas para os estudantes. Con esta nova liña do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras o departamento educativo da Xunta de Galicia desestacionaliza o modelo no que atinxe a estas actividades de formación. Trátase dun importante esforzo da Consellería, máis no actual contexto económico, para ampliar por primeira vez a todo o ano unhas estadía que ata este momento só se desenvolvían en verán.

Cómpre salientar o total éxito desta iniciativa xa que solicitaron participar na convocatoria 150 centros educativos. A relación de centros seleccionados, que favorece aos de zonas do rural, pode consultarse no portal educativo da Xunta de Galicia /portal/ .

Nas estadías, que terán unha semana de duración, participarán alumnas e alumnos de 6º curso de educación primaria e dos catro cursos da ESO matriculado en centros públicos. As actividades organizaranse en cinco quendas, a primeira delas -do 3 ao 9 de novembro- será para os estudantes de sexto de primaria; a segunda, do 10 ao 16 de novembro, para os estudantes de primeiro de ESO; a terceira, do 17 ao 23 de novembro, para os de segundo de ESO; a cuarta, do 24 ao 30 de novembro, para os de terceiro de ESO; e, xa por último, a quinta quenda, que será do 8 ao 14 decembro, para o alumnado de cuarto de ESO. 

O obxectivo desta iniciativa é mellorar as competencias en lingua inglesa das rapazas e rapaces, a través dunha experiencia de comunicación neste idioma nun entorno no que se combina a aprendizaxe da lingua inglesa e se mesturan actividades de formación e actividades culturais.