A Xunta xa cumpre coas sentenzas do TSXG sobre o decreto de plurilinguismo e asi o comunica nun recurso contra o auto do tribunal

A Consellería lembra que ditou unha instrución precisa que respecta escrupulosamente as decisións da xustiza

Xov, 19/09/2013 - 18:45

A Xuntade Galicia está a cumprir escrupulosamente o decreto do plurilingüismo dende o momento no que aprobou e posteriormente enviou a todos os centros a instrución correspondente na que se respecta a doutrina emanada das sentenzas xudiciais.

Para clarexar e demostrar a puntual aplicación da norma a asesoría xurídica xeral da Xunta de Galicia ven de presentar un recurso de reposición fronte ao auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, baseando a reclamación na falta de audiencia á Xunta de Galicia fronte as pretensións dos recorrentes. Do contido do mencionado auto, de data 2 de setembro, pero comunicado o día 17, dedúcese que ao Tribunal non lle consta o cumprimento da sentencia 1286/2012 de 21 de novembro, motivo polo que insta á administración á súa execución.

De feito, o auto sinala textualmente que “no presente caso ten transcorrido o prazo concedido (dous meses), sen que conste executada totalmente a sentencia ditada, polo que se procede instar, do órgano de execución encargado, a súa execución”. A Consellería entende que a devandita apreciación de que non lles consta o suposto cumprimento pode estar baseada no feito probable de que o TSXG non tivese en conta que días atrás se emitiron a instrución correspondente precisamente en estrita e escrupulosa aplicación dos fallos ditados no seu día polo devandito tribunal.

Como é publico e notorio, a Consellería aprobou e difundiu a instrución correspondente (que pode ser visualizada no enlace /portal/node/10235) para poder aplicar, á luz das sentenzas do TSXG, o Decreto 79/2010 de 20 de maio para o plurilingüismo non universitario, instrucións que  fundamentan a determinación da lingua predominante do alumnado na conxunción de tres factores:  o resultado da pregunta aos pais, nais, titores/as ou representantes legais do/a alumno/a antes do comezo do curso escolar acerca da lingua materna do seu fillo ou filla; a realidade sociolingüística do contorno; e a garantía da presenza das dúas linguas cooficiais como vehiculares na programación anual do centro e, polo tanto, da adquisición de coñecementos nas dúas linguas. Factores que acreditan que a consulta deixou de ter carácter vinculante.

Polo demais, as alegacións contra o auto están fundadas en que non lle foi outorgada á Xunta audiencia sobre o escrito da contraparte; e en considerar incorrecto o auto porque se unha Sentenza anula uns artigos dun Decreto, non hai execución en si, nin, polo tanto, denuncia de inexecución, porque o fallo firme xa os expulsa do ordenamento xurídico e a Administración aceptouno e asumiuno.

Ademais, e de acordo co artigo 109.3 da Lei da xurisdición contencioso administrativa, só se poden anular as actuacións contrarias á sentenza. O mero envío aos centros do cuestionario para as familias do alumnado de educación infantil coa simple pregunta sobre a lingua materna do seu fillo ou filla non é contrario á sentenza. Cómpre destacar así mesmo que a pregunta formúlase só para a etapa infantil, onde existe o mandato legal de que hai que atender á lingua materna dos/as escolares, sen que o seu resultado teña o carácter vinculante rexeitado pola sentenza e inequivocamente asumido pola Consellería. A pregunta non busca configurar unha consulta vinculante senón dispoñer dunha información que poderiamos considerar obxectivamente necesaria.

A Consellería de Cultura e Educación lamenta que, unha vez máis, a Mesa pola normalización lingüística e a CIG non persigan outra finalidade que non sexa confundir ás familias e ao alumnado sobre o auténtico cumprimento da sentenza por parte da Xunta. Nese sentido recorda que aínda que una vez firme, por non ter sido recorrida pola Xunta, a sentenza xa determina o carácter non vinculante da consulta aos pais, sen embargo si que supón en si mesma un factor -xunto con outros dous máis-, a ter en consideración tal e como determina a lei 3/83 de normalización lingüística.