A Consellería de Cultura e Educación amplía a todo o ano as actividades formativas en linguas estranxeiras e convoca xa 500 prazas para este outono

Esta convocatoria enmárcase dentro da nova liña de actuación do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras que consiste nunha desestacionalización do modelo das competencias en idioma, ampliándoo así a todo o curso escolar

Lun, 15/07/2013 - 13:48
A Consellería de Cultura e Educación amplía a todo o ano as actividades formativ
A Consellería de Cultura e Educación amplía a todo o ano as actividades formativas en linguas estranxeiras e convoca xa 500 prazas para este outono

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programará unha serie de actividades formativas para a mellora das competencias en lingua inglesa nos meses de novembro e decembro, que consistirán en estadías dunha semana de duración, organizadas en cinco quendas. O obxectivo é que o alumnado desenvolva nun contorno real a súa comunicación en inglés, complementando esta formación con actividades de carácter cultural e/ou deportivo. Esta convocatoria enmárcase na nova liña de actuación do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras da Consellería de Cultura e Educación que se desestacionaliza e se amplía a todo o curso, converténdose nun importante esforzo da Consellería para a aprendizaxe de idiomas, tendo en conta o contexto de crise económica que levou a prescindir deste tipo de axudas a moitas Comunidades Autónomas.

O prazo para que os centros educativos presenten as súas solicitudes para participar neste programa rematará o día 30 de setembro de 2013. Os centros que resulten seleccionados deberán enviar á Consellería, antes do día 20 de outubro de 2013, a listaxe de alumnado que vaia gozar das estadías.

O programa de actividades está destinado ao alumnado de sexto curso de educación primaria e de ESO matriculado en centros públicos. Así, a primeira das cinco quendas, que se levará a cabo do 3 ao 9 de novembro será para os estudantes de sexto de primaria; a segunda, do 10 ao 16 de novembro, para os estudantes de primeiro de ESO; a terceira, do 17 ao 23 de novembro, para os de segundo de ESO; a cuarta, do 24 ao 30 de novembro, para os de terceiro de ESO; e, xa por último, a quinta quenda, que será do 8 ao 14 decembro, para o alumnado de cuarto de ESO. 

Contacto idiomático

O propósito desta iniciativa de estadías lingüísticas non é só que os asistentes aprendan un idioma estranxeiro, senón que este idioma o poñan en práctica durante todo o día nas diversas actividades que está previsto que se realicen, nas que se inclúen competicións deportivas, xogos, obradoiros ou excursións. Todo isto permitirá darlle unha formación lingüística, social, cultural e ambiental ao alumnado.

A convocatoria pode consultarse no Diario oficial de Galicia de hoxe, no enlace web http://www.xunta.es/dog/Publicados/2013/20130715/AnuncioG0164-080713-0005_gl.html.